Nunca os periodistas – ou as empresas de comunicación- estaremos agradecidos bastante á clase política. Non polo que vostedes pensan, senón polo moito que nos axudan no ímprobo labor de encher papel (e quen di papel, di tempo noutros casos) para poder cobrar un euro porun xornal sen que se nos caia a cara de vergonza.

         Por exemplo, o famoso tranganillo do fuso horario que xeográficamente nos correspondería, pero que política-economicamente non é aconsellable reclamar. Unha vella reivindicación ecoloxista aprobada alegremente na asemblea do BNG, que pasará o seu acerbo político -é decir, ó faiado teórico, exactamente igual que o republicanismo para o PSOE-, pero non ó seu programa. Pois está a dar máis que falar que o atraco eléctrico que nos van perpetrar o 1 de xaneiro. Ata no parlamento galego se fartan a facer chistes sobre o asunto horario, pero aínda non escoitei ningún a conta das tarifas eléctricas, ou da suba das hipotecas. Pode ser porque a unhas cousas lles ven o lado gracioso e outras non, pero moito me temo que é porque o do recibo da luz ou o prazo da hipoteca son problemas reais, e como non se poden resolver, para que falar deles.

         Máis vale, por outro lado. Cando a clase política identifica un problema real e se pon a resolvelo, hai que se poñer a cuberto. O último é o das pontes vacacionais, que parece ser que son un escándalo. ¿Para quen? Para a productividade, un deses entes abstractos ós que lles hai que facer sacrificios como antes á divinidade encargada de que non caeran raios e centellas. Nun país no que non pode coller vacacións nin e metade da poboación, e no que os que traballan no campo non poden nin descansar os festivos, parece ser que é un problema serio o exceso de pontes laborais (que, por outra parte, que se saiba, non é obrigatorio nin collelas nin outorgalas). E vaino resolver unha xente que celebra a Constitución a véspera do Día da Constitución. 

         Logo están os problemas reais que se converten en problemas políticos. Por exemplo, que se esborroe unha carretera das boas, con dez anos de uso, que nos custou a todos un ollo da cara, en calquera contexto normal, o primeiro en alarmarse sería quen a contratou e recibiu coma se fose boa. Pois non, resulta que os autores intelectuais da Vía do Salnés saltan á palestra para apuntar que noutras obras tamén hai deses tubos de chapa que parecen ser os causantes da desfeita. Razón de máis para queixarse porque caeu a túa. Exactamente a mesma transformación sufrida polo saneamento da ría de Vigo, un asunto técnico que se transformou nunha polémica política, co mérito engadido de que nin siquera é cuestión de diñeiro (que se saiba), senón de quen aguanta máis. Exactamente como esas competicións suicidas de coches que van un contra o outro ata que un dos dous se aparta (ou non). Un polémica absurda, ademais, porque na Coruña levamos anos e anos vertendo as escorras a caño libre, ou a emisor de Bens rachado, e non hai enfrontamento institucional nin mal rollo ningún. É a chamada vía coruñesa de resolución de problemas: ignoralos ata que desaparezan.

(LA OPINIÓN, sábado, 16 de decembro de 06)

 

 

Advertisements