As autoridades todas están empeñadas en sacarnos dos vicios, incluso dos vicios que eles practican, a pesar dos cartos que as institucións ingresan a conta deles. De todos os vicios, hábitos e toxicomanías, quitado do máis perigoso e custoso que hai, e do que eles sacan máis proveito: conducir.

         Conducir non é unha toxicomanía, berrarán indignados os representantes dos sectores automobilísticos, as redes de concesionarios e as asociacións de profesionais do volante (poderían limitarse a desmentilo, pero ultimamente os representantes de sectores serios e importantes, como os promotores inmobiliarios, compórtanse cando fan declaracións como participantes en Gran Hermano). Claro que o é. Hai unha chea de estudios científicos –e se non os hai, non sei en que outras investigacións irrelevantes se perde o tempo- sobre a influencia que ten guiar un coche no comportamento humano. No masculino, en concreto, que é metade de todo o comportamento humano, o feito de que algo funcione dándolle cos pés mentres agarramos unha cousa redonda e o mundo ó redor fai brrrm, brmmm, é evidente que enche grande parte das nosas expectativas. No caso feminino, a satisfacción de conseguir que algo faga caso sen terlle que repetir as cousas cincuenta veces, é obvia, e moito máis se a maiores é perfectamente compatible con todas as amigas e amigos e non toma a mal que o tomes e o deixes cando queiras.

         Esa gratificación sensorial primaria é unha das sensacións máis  características das drogas. Como tamén o é a insatisfacción posterior, sen que iso provoque que se deixa de usar e abusar delas. É decir: de mañá sabemos de sobra que no coche tardaremos 30 minutos en facer un traxecto que se faría en 5 nun tren, ou en 20 minutos en bicicleta, e que a maiores pasaremos como mínimo un cuarto de hora esperanzados en atopar onde aparcar, ata que se nos rompeu a ilusión de tanto rular (como decía  Rocío Jurado do amor) e acabamos meténdonos nun parking. Sabémolo, pero collemos o coche igual. É que non hai tren, nin bus, e calquera vai en bicicleta neste tempo/con estas costas/no medio deste tráfico, dirán. Se ós conductores lles interesara que houbera transporte público, xa lle terían mandado o aviso ós políticos, xa lles terían esixido unha solución ou tan siquera uns parches.

         Vale, é certo que hai que ir traballar todos os días. Pero a ver como se xustifica coller o coche un sábado ou o venres pola tarde para ir a un macromercado, a dar voltas procurando unha praza para estacionar en dura loita co resto do mundo, igual que os bichos dos documentais cando buscan parella, guarida ou comer sen que te coman. Por aforrar, si home si, vai ser por aforrar. Entre o combustible e as chilindradas que se acaban comprando a maiores (eu unha vez estiven a piques de facerme cunha mezcladora de cemento de oferta) está demostrado que se gasta de máis un 10% máis do que se tiña pensado gastar de menos (ou algo así). É o que ten o mundo da droga: que os adictos non recoñecen a adicción.

         Por esa mesma razón, os anuncios de coches son como son. Soamente son comprensibles logo de inxerir unha considerable dose de estupefacientes. Por iso fai tanta gracia e se fixo tan famoso o do chino decindo o da auga. De feito, a versión orixinal (logo cortáronse, pero era así) da publicidade de BMW era “Gústache conducir, eh? vicioso”

25/11/06

Advertisements