Por estas datas, todos os medios de comunicación se poñen a facer un repaso do ano. Os temas máis decisivos, as crónicas máis incisivas, as reportaxes máis descritivas, as imaxes máis impactantes, os vídeos máis rechamantes e os sons máis suxerentes destes doce meses. É xa unha tradición compilatoria que supoño que naceu –e no caso concreto desta columna é por esa razón – para dar enchido neste época de escaseza de noticias. Para poder entrefrebar algo de información entre tanta publicidade, ou quizais pola mesma estratexia comercial das discográficas de vender en cd o material que antes nos colocaran en vinilo: para colocar dúas veces un material xa amortizado.

    Ou pode que tamén sexa para axudar á xente coma min que, a poucas horas de que remate, non sei se o ano foi bo ou malo (téñoo moi claro no persoal, pero non no xeral). Por exemplo, unha cousa moi importante foi o alto-el-fuego-permanente que declarou ETA. Eu consideraríao un feito positivo en si mesmo, pero segundo outros pareceres, non o é. Algúns están berrando ¡coidado! en todo momento, como os pequenos no cine para advertir ó chico de que se lle achega o malo por tras. Outros (pareceres, non pequenos), nin se fían do chico, directamente. Tamén meteu moito rebumbio que algúns xuíces e boa parte dos periódicos descubriran que había alcaldes e/ou promotores inmobiliarios facéndose de ouro. Facéndose de ouro non polo invocado habitualmente método da agudeza empresarial/inversora, senón con outros como comprar terreos inedificables e convertelos en edificables, canto máis preto da costa mellor. Parece ser que foi unha sorpresa para todos, tanto o de que se abarrotaran as costas de construccións como o que eso fixo millonarios a uns cantos espelidos. Eu tiña un concepto como moi negativo do asunto, pero debía estar equivocado, porque resulta que é sistema universalmente practicado.

    Pola contra, eu non lle daba ó fenómeno catalán (tripartito-estatut-eleccións) que nos animou 2006 máis importancia da que pensaba que tiña (un proceso político moi interesante, pero circunscrito a Cataluña). Pois non, era un cataclismo que podía crebar España. Tanta matraca nos deron que tiraron os dados outra vez, saíu tripartito de novo, e desde aquela non se volveu falar do asunto. Igual que os perigos que axexaban á civilización tal e como a coñecemos se ganaban as respectivas eleccións en Sudamérica os candidatos chamados castristas ou populistas. Ganaron uns (Evo Morales, o Correa ese de Ecuador), recuncaron outros (Chávez e Lula), e hóuboos que perderon (López Obrador en México, aquel Ollanta de Perú) e non pasou nada. Tamén se foron Berlusconi e Pinochet, a sitios distintos (e nos dous casos, demasiado tarde). Aquí, o que ben que recordo que pasou foi que ardeu o monte como nunca tal se vira. Ben, si que se vira, precisamente 1988, o outro ano en que tampouco gobernaba o PP. Unha coincidencia, obviamente. Unha coincidencia que se a colle Acebes e outros que eu sei, a teoría da conspiración que organizaría. Neste ano que agonía non o fixo, pero non hai que perder a esperanza. En 2007 permanezan atentos á pantalla.

(LA OPINIÓN, sábado 30 de decembro de 06)

Advertisements