Un espido, con epicentro en Arcade, sacude o mundo. A favor conxúranse as plumas máis sensibles e en contra maniféstanse os espíritos máis descridos. Facía tempo que teorías como esa na que interveñen dúas carretas como elemento comparativo non suscitaban tanta polémica social. É reconfortante comprobar a vitalidade da idiosincrasia galega na faceta de suscitar grandes debates sobre cuestións de fondo e esencia.

           No caso da xa coñecida mundialmente como a galega de Cancún, só as almas simples o reducen a un enfrontamento sobre se Ana María (“a nosa Ana María”, en terminoloxía mediática do antigo réxime), ten dereito a semidesnudarse nunha revista ou non, e no caso de que si, se iso ofende aos veciños que lle mostraron a súa solidariedade nos días de vacas fracas. É evidente que si, que ten dereito. Con todo o respecto pola lírica despregada sobre o asunto, o debate no fondo non é outro que o de cómo nos está facendo quedar esta señora logo de tela entronizado como vítima, e se vai ser un caso illado ou en Galicia xa non estamos a salvo de prácticas foráneas como a de aplaudir  nos enterros cando hai cámaras de televisión.

           No seu día, o representante –arxentino- de Bebeto argumentaba que quería volver a Brasil por “unha síndrome de devolución de afecto”: para corresponder o amor que lle tiña a torçida. Exactamente ao contrario, no caso da nosa Ana os cidadáns defraudados están baixo unha síndrome de usurpación de afecto: a do fan (aplaudidor de enterros, veciño solidario) que subitamente descobre que investiu a súa devoción de forma errónea e estéril. Na súa variante benigna e non psicopática, é unha afección máis común do que parece. ¿O feito de pasar un día no calabozo e unha semana nunha enfermería penitenciaria por unha acusación inxusta é motivo para converterse nunha celebridade?, ¿pensa que unha vítima, polo feito de selo, queda adornada de máis virtudes das que tiña ou non tiña antes? Se contestou si a algunha, procure que llo miren.

           Á súa vez, Ana María Ríos está obviamente afectada pola síndrome do titular ausente ou “mono de fama”, unha epidemia máis real que a da gripe aviar. Afecta, por exemplo, ao noso home no Vaticano, Francisco Vázquez, que en lugar da elegante modestia que caracteriza a calquera embaixador, salve vidas de refuxiados con risco da propia ou se limite a lucir palmito, dedícase a proclamar o ben que o está facendo en cando cheira un micrófono. Ou o anteriormente ministro e aparentemente recatado José María Michavila, que se fixo manager e pasou de formar parte do equipo de Aznar ao de Shakira.

           Non é unha cuestión moral. Se o presidente da Rioja pasou do gris anonimato institucional ó fulgor mediático usando presuntamente o mesmo método –una gravación co móbil- que os que difunden en You tube as barbaridades que fan ao volante, por que a nosa peluquera non vai considerar de interese público contar nun libro o flegmón que presidiu a súa voda e o incidente aduaneiro que marcou a súa lúa de mel. Ana María Ríos púxose en mans da representante que leva á viúva de Joaquín Prat (por certo, ¿qué necesita representar a viúva de Joaquín Prat?), pero eu ao presidente riojano recomendaríalle que o intentase con Michavila.

(LA OPINIÓN, sábado, 20 de xaneiro de 2007)

 

Advertisements