Pódolles asegurar, sen quedar mal comigo mesmo, que pasei media vida profesional tentando que algún experto me confirmara que había indicios de cambio climático. Non é que fose unha teima diaria, pero si que, en canto se me puña a tiro alguén do sector meteorolóxico, aguilloábao con saña ou imploráballe sen pudor, dependendo do día, para que me recoñecese que o tempo de agora xa non era como o de antes. Nada. Como moito, unha vez, un admitiu case de mala gana ou por piedade que si, que chover chovía o mesmo que choveu sempre, pero quizais o que pasaba é que agora chovía máis ben de noite e por iso tiñamos a idea de que chovía menos.
Pois iso, todo a vida metrallando climatólogos para que agora o asunto estea tan recoñecido que ata coinciden en dalo por feito o planetopresidente Bush e o conselleiro Pachi Vázquez. Non sei que tanto lle terá o cambio a Bush, que pode escoller residir nos xeos de Alaska, nos desertos de Arizona ou nas praias de Hawai sen ter que usar o pasaporte, e pode vivir alternativamente en todos gracias a que ten cartos bastantes (boa parte deles ganados precisamente potenciando o efecto invernadoiro). Pero a Pachi Vázquez e ós que andamos maiormente por aquí, para os que as opcións extremas van da Fonsagrada ó Val Miñor, o que virá é como para botarse a tremer, e non de frío. Segundo as conclusións dun informe do IPCC (Grupo de Expertos Intergubernamental sobre Cambio Climático, integrado por 2.500 científicos, que a ver onde estaban cando eu os necesitei) que se darán a coñecer a semana que vén, as temperaturas medias subirán entre 2º e 4,5º e estiman que calquera suba por riba dos 2º podería provocar cambios perigosos. Aquí, desde 1973 ó 2004, o calor medrou 1,46º, segundo o estudio A variabilidade do clima en Galicia, que a maiores advirte que xa nos podemos ir preparando para que aumenten outros 3,6º no ano 2080. Non teño intención de agardar ata entón a ver que pasa, pero deprímome soamente de imaxinar que a fins deste século Galicia será unha terra árida. En cen anos, todos bronceados.
Claro que sempre hai quen se alegra dos cambios, aínda que sexan a peor. Por exemplo, por fin estarán contentos os da hostalería, que levan protestando desde que eu recorde e se podía protestar, de que aquí botaban moi mal tempo, como se a meteoroloxía fose como as programacións televisivas. Ou os vellos verdes – ou aqueles que levan camiño e intención de selo- que aproveitarían modas e tendencias de contención téxtil, polo menos ata que o exceso de calor propiciase o uso da chilaba. Para os que non somos hostaleiros, vellos verdes ou fabricantes de cremas solares, o único consolo que nos queda é reclamarlle danos e prexuízos ós responsables do tal cambio climático, que os hai: todos aqueles que nestes anos negaban o evidente (e non precisamente os meteorólogos).
(LA OPINIÓN, sábado 27 de xaneiro de 07)
Ai lle doeu, sr. sHs. Eu, coma vostede, levo media vida preocupado polas noticias catastróficas dos xornais. Cando eu era neno, as novas apocalípticas viñan normalmente recollidas na última de “El Caso”, e eran como máis exóticas, en pan peligro inminente de colisión con asteroide. Pero de un tempo a esta parte seica os medios descobriron que era máis eficaz para acojonar ao persoal darlle un toque “científico” e explicar con centos de cadros e infografías a chegada do fin do mundo. Non sei que carallo pasou, pero o buraco da capa de ozono, si home, aquel que, segun expertos, nos ía deixar o pelexo coma un churrasco, seica está a diminuír (e que non veñan con leiras sobre o control dos CFC, que non hai tal…). Agora o conto éche o do cambio climático: se chove moito, se non chove, se fai frío, se fai calor…. e eu, parvo de min, non fago outra cousa que preguntarme cómo é posible que os expertos non dean atinado o tempo que vai facer poñamos en tres días (non hai temporal que non lles colla en pelotas), e o mesmo tempo sexan quén de predecir a suba das temperaturas dentro de 73 anos.
En canto ao IPCC, faga unha busca na rede e verá que non é ouro todo o que reloce.
En fin, e eu que pensaba que estabamos rematando un periodo interglacial….
eSedidió, aplíquese o conto do fillo pródigo, pero sen matar animal ningún para festexar o regreso
Dubido bastante do método científico, e sobre todo das personas que o xestionan. Fundamentalmente porque eu mesmo me movo por ese andamio. Unha das grandes eivas da ciencia é a falta de perspectiva, céntrase en aspectos particulares dos problemas e esquece botarlle unha ollada á globalidade do entorno. Un exemplo de esta carencia é a importancia que se lle aplica a observacións de unhas décadas nun sistema que realiza ciclos de miles de anos.
Outra pata que coxea é a divulgación que se fai dende os medios xerais, a menudo incompleta, sesgada ou directamente errónea por falta de coñecemento e/ou contraste. Loubable o seu afán de documentación, Sr. Pereiro, frente ó record que ostenta o xornalista que escribiu, na crónica do accidente do Columbia, aquilo de que viaxaba a 3000 veces a velocidade da luz (non lembro a cifra exacta, mais non importa, o erro é de concepto).
Finalmente, consecuencia sobre todo das carencias mediáticas máis que das cinetíficas, observamos que no seu día a merma da capa de Ozono, e agora o Quencemento Global (antes “Efecto Invernadoiro”) se convirten en modas e, como tal, apúntase a elas calquera aínda sin criterio e, o que é peor, marchan por onde viñeron. O lado bo: que se crean correntes de opinión pública tan fortes que chegan a condicionar certas decisións políticas. Sexan verdade ou mentira as amenazas da socidade post bomba atómica, hai que recoñecer que convertir tódolos xacementos de combustibles fósiles en fume que se verte no ceo é unha insensatez, e si con unha falacia se consigue forzar unha mellor xestión dos recursos naturais e da enerxía, benvida sexa. Iso sempre que a falacia non estea alimentada dos intereses da industria nuclear, claro.
Hai un mes mais ou menos, puxeron un mapa de como quedaría Galicia ca subida das augas oceánicas, e polo menos os de Corme estaremos de enhoraboa, porque por fin nos escindiremos de Ponteceso, e a nosa será a Illa mais grande de Galicia, chamaranlle a Illa de Roncudo, asique non hai mal que por ben non veña, je je.
Non é verdade!O cambio climático,alomenos en Galiza,non é tal.Os trebóns galegos eran un mito dos madrileños,chover non chovía sempre,o que pasaba era que mexaban por riba nosa e dicíamos que chovía.Agora os galegos imos tendo máis sentidiño,por fin,e xa distinguimos a auga do viño e as augas maiores das menores.
A proba irrefutable é o derrube do voto do PP.O PP anda polo 40% nas enquisas,non é,xa que logo,alternativa de goberno.Infelizmente para o partido da rúa Génova os galegos están a reforzar as súas capacidades perceptivas xusto na época na que o PP decidiu ser unha enorme factoría Disney,unha máquina productora de ficción.Un pouco de fantasía sería normal,seguro que os que mamaron o franquismo sociolóxico(e non só) deben sentir noxo co pouco orden e as moitas trapalladas destes tempos.O que pasa é que todo ten un límite e a fantasía abóndalle ó PP dende hai tempo….
…Nesa producción dun mundo bis ou mundo ideal tipo PP,vendéronnos o casamento da filla do leader,a seguridade das costas inalcanzables para o petróleo,a certeza de coñecer ós autores dos crimes terroristas e, agora,para rematar,a inexistencia dunha Galiza nación.O problema e que só puxeron recursos de abondo na primeira empresa,e así a filla dun inspector de facenda de Logroño casou como unha princesa.As outras produccións ficaron moi por baixo de Walt Disney:as costas enchéronse de chapapote,AlQeda fixo de Madrid o seu balneario,e agora mesmo calquera antropólogo de fin de semana pode observar que os galegos non teñen acento de Valladolid,o negocio dos touros faise grazas as subvencións de corruptas autoridades municipais,e o Museo del Prado non é parte da Cidade da Cultura…..
Así que benvidos ós reality checks,no clima e na política.Galiza non se sabe quen ven sendo,pero dende logo non e a que era.
Digo eu que pola volta de eSedidió…dúas galiñas….total,vostede que é un xornalista próspero…
Eeeeehhhh… xa postos, non podían ser un par de centolos??
Nin centolos nin centellas. Primeiro que se explique e se xustifique. De seguro que estivo en réxime de incomunicación.
Dá igual. O dano xa está feito. Non somos xa máis ca pantasmas:
http://k-punk.abstractdynamics.org/archives/008887.html
Iso quer dicir que se me explico e me xustifico debidamente cairán os centolos? Supoño que vostede, como prócer das nosas letras que é, non andará por ai ofrecendo produto foráneo. Ou sexa: a cousa vai de centolo da ría, ben peludo, comme il faut… E o tamaño, meu, si que importa, neste caso e no resto dos casos….
Ademais, que carallo, acabar coa nosa fauna, especialmente a acuicola, é un labor non solo filantrópico senón mesmo patriótico: entre a suba das augas que vai converter ao Sr. Lista en insular e aos centolos en abisais, a epidemia de compradores de apartamentos na nova Marina d’or – Ciudad de Vacaciones (antes Carnota) que virán dispostos a deixar isto como un erial, e a previsible aparición dos percebes xenuinos de acuicultura made in Pescanova, nós, os galegos de pro, temos diante unha inmensa tarefa: papear e papear canto becho caia ao noso alcance ata elevar á estratosfera os nosos niveis de ácido úrico. Se os devanceiros levantaran a cabeza, ademais de darlle un par de hostias ao candidato coruñés do PG, non terían a menor dúbida: denantes mortos de empacho que deixar que un caramuxo morra de vello….
(comprende agora por qué fai tempo que non participo no blog? pois iso…Débeme un par)
Despois de que a Staatssicherheit da República Democrática de sHs non puidera apañar probas de cargo contra o camarada eSedidió,habería que celebralo con dúas galiñas,dous centolos e un cabrito,nunha enchenta revolucionaria e antifascista.Claro que todo está nas mans´(ou no peto) do noso líder máximo.Pero non era que a cada quen segundo as súas necesidades…?
Metidos en referencias metalúrxicas…
Ve, Sr. Pardo, a iso chámolle eu cambiar de tema con dos mondongos…. É que os líderes por algo son líderes….
Oigan, se o cerne do debate é que pretenden papar de gañote, por convidar que non quede.
Coño, pois eu, como non se daba por enterado, xa me fixen a autohomenaxe exculpatoria no xantar dando boa conta dun centolo femia (ou centola, que eu nunca souben como carallo chamarlle), ben peludo e cheo de ovos deses bermellos por fóra. Por certo, Sr. Lista, eses chismes cómense??
Non deberian de comerse, xa que esa é a garantia de que se poidan comer dentro de tres anos as centolas que de ahí iban nacer, e ainda que o mal xa está feito, non, nos portos de mar as ghuevas dos crustáceos non se comen, pero como decía El Gallo ” hay gente pa tó”. Por certo e xa que estou, votádelle unha visual ao Documental que fixemos co tema do Noitebús na Via Rápida do Salnés. Diferente, e preselleccionado pros Mestre Mateo. En Galicia somosche moi talentosos. Podedelo ver no meu blog, picando enriba do meu nombre, que vos sabe a herba.
¡Ei! Si estan a falar de papadoiras celebrando o regreso, coido que é un bo momento para reivindicar que eu fun o primeiro en maifestar públicamente as miñas saudades de eSedidió. Teñan presente que eu á centola non lle como os ovos nin o resto, para min o cabrito do que falaban é unha boa opción.
Joder, Sr. sHs, eiquí a peña ou pasa moita fame ou está reivindicando subliminalmente aquela xuntanza dos BósHseXenerosos da que se falara en tempo. Eu apúntome a esa reedición do banquete de Conxo, se o noso gurú se reencarna en Aurelio Aguirre (o suicidio posterior é opcional).
En canto ao das ghuevas, eu, que tamén sonlle de porto de mar, non tiña a menor intención de catar semmellante cousa, pero resultou ser que a miña compañeira de paparota de onte, vasca ela, non deixou nin os restos das tales boliñas, afirmando sen xénero de dúbidas que era o máis rico da centola. E eu que quer que lle diga, quedei coa dúbida de se a cousa iba de que os vascos son máis raros que diola ou se era outro dos meus erros na liña de botarlle loureiro aos percebes.
Cabrito, cabrito (ou porco), que son alérxico ó marisco.
É de todos coñecida a súa querencia polas cachuchas, orellas, morros e demáis partes innobles dese innoble animal que é o porco, S. sHs. Debería estar prohibido no Estatuto.
Nada, nada. Non creo que sexa procecente unha batalla dialéctica sobre cuestións da fe verdadeira, cando concordamos no fundamental que é enchelo bandullo, con productos autóctonos e abundantes, a poder ser.
Iso sí que debería de estar no estatuo.
Sen facer culto á personalidade haberá que recoñecer o mérito do noso inefable líder que tanta xenerosidade está a amosar cos seus famentos caseiros….
O banquete de Conxo…,
home, eu prometo gardar a compostura,pero nestas datas sempre podería parecer unha antroidada….
Este é un intento de incluir un comentario de Míguez, de varios que tentou mandar, e que os colleu por banda o Spaminator e os papou, ignoro por que ciberrazón. Penso que é cando vai máis dun link, ou asi:
Non sei si é porque vou medrando e me entero agora de cousas que antes me pasaban desapercibidas, ou é que en Galicia ten cada vea máiis presencia ese moviemento de homes de garavata e maletín preocupándose de vendernos como progreso e “futuro” os grandes negocios que eles fan. Uns dende a súa posición dominante de poder económico, e outros aproveitando que non había nada mellor para ser votado pola parroquia.
En fin, que hoxe no parte falron do punk, siu Siniestro Total e eu lembreime do video aquel, que ven incluso a conto da súa inquedanza. Con todo o meu respeto, déixeme dicirlle que fixo vostede ben omitindo os consellos da súa nai e “perdendo o tempo” á súa maneira. De divos está cheo o mundo.
He, he. Hoxe sí que me entrou (unha versión resumida e reeditada, cousas de depender da memoria) o tal comentario no seu sitio. Agora vin aquí, por ver cómo iba o da papadoira e descubro este esforzo seu. Agradecido.
hahahha, é boísima a explicación de que sempre choveu o que pasa é que antes facíao de noite e non nos enterabamos… Pois eu firmaba. E si que mete algo de medo, non? Aínda bo é que eu daquela xa non estarei na árida Galicia. E os meus fillos igual tampouco, que con este panorama non me entran ganas de ter ningún.