Teñen razón os que aseguran que nunca tal pasou como as que están pasando, e que todo pode acabar moi mal, por moitas razóns, pero sobre todo por como está a xustiza. Falo do auto ese dun maxistrado canario que suspendeu cautelarmente –e decir, por si ascaso- a celebración do carnaval de Santa Cruz de Tenerife, estimando o recurso de sete asociacións de veciños e dalgúns particulares, fartas e fartos do ruído que se monta.

         Cando algo ou alguén amola ós demais, hai dúas liñas clásicas de xustificación: “é que é unha tradición” e “a modo, que estou traballando”. Dúas escusas habituais que serven para todo, desde as corridas de touros  ou a ablación feminina (é que son unha tradición) ata chantar unha furgoneta no medio da rúa (acouga neno, que estou traballando). O alcalde de Tenerife, imaxino que ante a pouca credibilidade da segunda escusa-tipo, escolleu a primeira. “Nos enfrentamos a un hecho sin precedentes que ataca al corazón, los sentimientos y la historia de Santa Cruz de Tenerife […] una mutilación irreparable de las fiestas del Carnaval de Europa, una celebración de más de 200 años”, laiábase nun bando. Supoño que si, que o carnaval tinerfeño debe ser o demo, habida conta de que os dos outros sitios cada vez o van collendo como modelo en cousas como embutir a pobres rapazas en armazóns metálicos como torretas de Fenosa, recebados de plumas e luminarias. E menos me costa supoñer que a boa parte da cidadanía e á maioría absoluta do sector hostaleiro non lle presta nadiña que limiten os espectáculos ata que o concello sexa capaz de limitar o boureo, ou ata o luns en que se verá a demanda no xulgado.

           Quero decir que non dubido que ataque o corazón e os sentimentos, pero a tradición é outra cousa. É habitual esbardallar en datas concretas, con motivos varios como supostas efemérides (o Nadal), a onomástica dun santo (as festas patronais) ou unha esforzada conquista deportiva dun equipo aveciñado na localidade. Pero tradicional non. Hai 200 anos, nin siquera hai 50, non eran tradicionais as megafonías e outros sistemas de facer participar á forza nos festexos a quen non quere. O que pasa que as institucións todas, e nomeadamente os concellos, no seu afán de rexer a vida cotiá do persoal, están empeñadas en promover actitudes colectivas que logo sancionan si se practican a pequena escala e por iniciativa individual. Por exemplo, convocan festas multitudinarias ó aire libre, e prohiben o botellón. Ou organizan concertos e verbenas, e logo pechan locais que celebran actuacións musicais.

         A maiores do carnaval tinerfeño, xa hai decisións xudiciais pouco respectuosas coa tradición de meter ruído. O Tribunal Supremo condenou ó alcalde de Villareal (Castellón) a unha pena de inhabilitación por non ter atallado a actividade dunha fábrica (e permitir o que sexa con tal de que supoña postos de traballo si que é unha tradición). Con máis cautela, o Tribunal Superior de Galicia condenou o Concello de Ribadeo a pagarlle 60 euros ó mes a un veciño da zona de copas mentres non lle solucione o de poder durmir con xeito. Conto isto non por nada, nin porque teña intención de ningún tipo, simplemente a xeito de recordatorio de que o Antroido está á volta da esquina.

 
(LA OPINIÓN, sábado, 10 de febreiro de 07)

 

Advertisements