Comezou o xuízo do 11-M. Se a cousa non tivese un trasfondo tráxico que ten e me puidese encargar de quitarlle ferro ó tema, porque xa hai xente abondo disposta a aumentarllo, salientaría a desgracia de que coincida no tempo co Antroido, e no espacio con ARCO, a feira madrileña da arte contemporánea. Se puidese etc., apuntaría o peor que lle pode pasar a ese xuízo é que as coincidencias se convertan en semellanzas, porque nesta época poden pasar por antroidadas cousas que non o son.

Non é que entenda demasiado de xuízos, procesos e vistas orais, a pesar de que asistín a máis dos que quixera. E, por suposto, non me sinto capacitado para xulgar a ninguén (para criticar si, porque opinións non implican que alguén se teña que mudar a Teixeiro, A Lama ou Pereiro de Aguiar). Tampouco o Antroido é das miñas festas favoritas e menos desde que a rabuda celebración orixinal morreu a mans dos departamentos municipais de festas. E desde que a pintura abandonou o formato das dúas dimensións, a arte contemporánea pasou de producirme emoción a ganas de rifarlles para que recollan todo despois de xogar. Explicitamente recoñecida a miña ignorancia neses tres campos, teño para min que o famoso xuízo sobre o tráxico atentado do 11 de marzo é máis traballoso que delicado, e cómprelle máis esforzo que arte. Sumario complexo e de solución incerta, o do Prestige que ten que lidar sen axudas o pobre do xuíz de Corcubión, pero está máis no aire quen vai saír presidente da Deputación de Ourense nas próximas eleccións que como vai acabar o xuízo do 11-M.

Haberá que seguir o procedemento legal e manter o principio de presunción de inocencia e todo iso. E tamén haberá que debullar aspectos como se algúns dos implicados, en concreto os da chamada trama asturiana, son uns malvados conscientes ademais duns evidentes descerebrados. Pero todo o demais está investigado, e por todos: xuíces, policías, peritos, periodistas, pirotécnicos, quiroprácticos e quirománticos. Mesmo teño un certo reparo de chegar estes días á casa da miña sogra e atopala tan posta en detonantes e deflagracións como se acabara de xubilarse no departamento de I+D de Explosivos Río Tinto. Nunca tantos pescudaron tanto, para acabar descubrindo o que xa se sabía mesmo cando Acebes era aínda ministro do Interior en funcións. Se as probas polas que condenaron a Lee Harvey Oswald por matar a Kennedy fosen tan claras e contundentes, non se farían películas como JFK.

Claro que circulan e se difunden elucubracións abracadabrantes.Tácticas dalgúns medios de comunicación, economicamente lexítimas, de ofrecer un producto diferenciado, igual que a barraca da muller araña que ía polas feiras era unha alternativa ós zoolóxicos no sector do espectáculo animal. Pero agora, na Casa de Campo de Madrid non se celebra unha performance (a deconstrucción alegórica do Xuízo Final) dentro da programación de ARCO, nin os asistentes forman parte de ningunha murga ou charanga que fan risa da xudicialización da vida política. Comezouse a xulgar a 29 persoas pola morte de 192. Non é tempo de máscaras, nin de creatividade, nin de opinión. É o tempo da xustiza, da boa ou mala que aquí hai.

(FARO DE VIGO, sábado 17 de febreiro de 07)    

Advertisements