Penso que aínda non comprendemos o duro que é o duro mundo empresarial. Como calquera outra sensación, por moito que digamos que o entendemos, que nos solidarizamos, que acompañamos no sentimento, non hai tal. O malo de ser un gran capitán da industria non é sentir o desapego das clases modestas, tradicionalmente inmersas na querencia funcionarial. Ou afrontar aqueles vellos resentimentos ideolóxicos anticapitalistas, que xa se encargan de ridiculizar nos seus discursos os que os defendían cando eles eran novos. Non, o malo é gobernar o temón dunha grande nave e estar ó que sopren os ventos da política.
Trabucado quizais por aqueles vestixios anticapitalistas, sinceramente eu sempre pensei que era ó revés. Que eran as grandes corporacións as que impoñían os rumbos políticos. Quizais pase no planeamento urbanístico, pero non no industrial. No industrial pensei que estaba extinta a anomalía da vía franquista á excelencia emprendedora que me contou un prestixioso economista: para facerse empresario de éxito chegaba con que un amigo concedese unha licencia de importación de algo, do que fose. Como aquí, fora das mantas de Palencia e das follas de afeitar Palmera non se facía moito máis, poder achegar do mundo normal exterior calquera cousa era ter garantido o cento por cento da cota de mercado. As cousas xa non son así, claro, pero ben parecen iguais, atendendo a actualidade. Sobre todo en sitios onde as industrias foron sempre da man institucional, civil ou militar, como Ferrol.
Pasou co asunto de Navantia- Fene, que xa se dá por descontado, por moito que aínda quede xente e actitudes por retratar. Hai máis de vinte anos, a opción de manter os estaleiros públicos de Andalucía e non os do norte foi unha decisión política, non empresarial nin económica (como moito, foi de economía electoral). Hai dous anos, cando o destino alcanzou de novo ó naval, as organizacións políticas e sindicais todas escolleron a opción pública conservadora en detrimento do risco privado. Agora é o mesmo. Non se evidencian moitas explicacións económicas ó misterio de por qué ó Estado lle paga a pena enfrontarse a Bruxelas por quen ten dereito a mercar Endesa (se Gas Natural ou E.On) e non se atreve a ceder o uso duns peiraos que ten e concesión. Como me dixo outro economista (tamén prestixioso, eu funciono por rachas): “estas cousas fanse e logo, e todo caso, mándase unha xustificación ou amáñanse por tras. Desde logo, a Cataluña non llo farían”. (¿Quizás porque alí votan doutra forma?)
Claro que o sistema ten aspectos positivos, mesmo para as empresas. O porto exterior da Coruña faise para sacar do interior da ría os tráficos de productos perigosos ou fastidiosos como o petróleo ou o carbón, para satisfacción dos complexos industriais que os usan. Sen embargo en Ferrol, métese un tráfico de risco como o do gas para o medio e medio da ría, porque as administracións dan por bos os argumentos técnicos de que onde mellor vai estar unha empresa que nos terreos que sexan propiedade do empresario. Se logo esa planta de gas, metida con calzador, xeográfica e administrativamente, resulta que onde non entra é na planificación estatal do sector, malo será que outra decisión política non escriba dereito con liñas tortas. O bo das arbitrariedades é que son bidireccionais e reversibles. Dependendo de quen estea no comezo ou no cabo, pódeselles dar a volta.
(LA OPINIÓN, sábado, 10 de marzo de 07)
En todo o que dice, poderíalle dar a razón e incluso pedirlle máis agresividade, quizáis coa vana esperanza de cambiar algo.
Por non facerlle de comparsa, voulle complementar con unha cousa que me da moita risa de todos estes contos: os informes técnicos.
¿Non se fixou qué de moda se puxeron os informes técnicos-comodin para políticos? Que hai que poñer unha regasificadora equidistante de As Pontes, Meirama e Sabón: informe técnico. Que hai que recalificar os terreos do Porto da Coruña: informe técnico. Que si PXOM de Vigo, que si trazado do AVE, que si impacto ambiental do Porto Exterior da Coruña… Hoxe en día, pregúntelle o que lle pregunta a un político, a resposta máxica é “Existe un informe técnico.” E claro, como os informes dos técnicos son palabra de Dios, non hai nada que facerlle.
Oxalá cando remate eu a carreira, poida facer tamén informes de eses que os políticos teñen que acatar dogmáticamente… a ver si a cousa é tan científica como a pintan.
Dixéronme que hai un catedrático en Madrid de non sei que, de nome Luciano, especialista en informes á carta. Pero non sei de que se estraña: desde o famoso informe científico que certificaba a imposibilidade de que o corpo humano resistira velocidades de 25 km/hora…
¡E non as resiste! Todos os seres humanos que se desplazan a velocidade maiores de 25Km/h acaban morrendo. Igual que os que fuman, beben, andan por ahí de noite, beben leite, ou practican algun deporte ó largo da súa vida.
¿Ve como podo demostrar o que sexa? Quero empezar a traballar con ese señor Luciano.
Srs. Migues e sHs: son vostedes un par de nihilistas, capaces que calquera cousa con tal de socavar os alicerces da nosa plácida vida.
Sr. Miguez, deixese de traballos con D. Luciano e acabe a carreira dunha puñetera vez
Efectivamente, Míguez, tome nota de eSedidió, que rabudo e todo, sacouna.
Vaale, xa voouu.