Canta máis información se teña e se dispoña de máis datos, mellores decisións se toman. E as institucións públicas, como teñen ferramentas bastantes para facer estudios e análises e non están guiadas por intereses particulares, escollen as opcións que favorecen a todos, e se non pode ser a todos, polo menos á maioría. Se está de acordo con esto adiántolle que non lle vai gustar o que vén.

Para que vexa que nin eu nin vostede tiñamos razón, temos o caso do AVE. O trazado do alta velocidade ferroviaria, alomenos no treito de entrada á Coruña, deseñouse sobre mapas cartográficos de hai 14 anos, e miren o que cambia todo en 14 anos. Non se deberon parar moito, porque como a primeira solución polas Xubias non lle gustaba a Paco Vázquez (e a ninguén, todo sexa dito) Álvarez Cascos e Núñez Feijoo, que daquela eran os que mandaban nas obras, argallaron esta outra. Había presa e non repararon en que o tren pasaba polo medio de Cambre e por riba dun paseo fluvial feito do trinque, nin perderon o tempo en pedirlle información ós alcaldes.

Había presa e non repararon que a vía de toda a vida que pretenden desmantelar para facer parte da nova pasa polos sitios nos que vive a xente toda que tupe Lavedra todas as mañás para ir traballar á Coruña e todas as tardes para volver a casa, e a maiores dedica media hora diaria a axudar a atrancar as demais rúas tentando aparcar. Non repararon en que, con AVE ou sen el, o coruñés medio vai a Madrid, como moito, dúas veces ó ano, pero por Lavedra, como mínimo, pásase día si, día non. Como había presa en aproveitar urbanísticamente a zona portuaria e facer caixa, mantense a estación do tren en San Cristobo, cando ata o arquitecto Busquets sabe que é en San Diego onde hai que poñer unha estación intermodal, de cercanías, lonxanias, buses e trolebuses, metros lixeiros ou pesados. Hai tanta presa en planear que xa se quere empezar a construír no porto, sen saber que (pero si sabendo quen, supoño).

Evidentemente, toda é culpa é do PP, claro. A caricatura de 16 anos de acción de goberno da Xunta, esaxerada na forma pero real no fondo, é a dun equipo facendo, pero sobre todo facendo que fai, mentres o presidente anda de acó para aló traballando tremendamente en estar moi ocupado. De cando en vez íase mundo adiante, de Libia á Pampa, a recibir trato de xefe de estado, facerse fotos cos líderes respectivos e deixarse ver entre os inscritos no CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes). Fóronse aqueles, viñeron estes, pero, para fixarnos nun símbolo, non se renovaron os planos de marras. Os alcaldes de Cambre e Bergondo están a agardar a que o presidente da Xunta veña de Brasil para contarlle o de que os mapas son vellos, pero a cousa pinta mal porque Touriño antes de irse xa deixou dito que hai presa.

(LA OPINIÓN, e FARO DE VIGO, sábado 17 de marzo de 07)

Advertisements