Se hai algo propio da idiosincrasia do galego, é viaxar sempre cun paquete para alguén. “Vou a tal, ¿queredes algo?” é a forma de anunciarmos as viaxes. Cela contaba que, unha vez que foi a Brasil, déronlle un paquete para un que vivía algo afastado. Desde Río de Janeiro, o escritor colleu outro avión, un tren, un coche de liña, unha especie de furgoneta e desistiu cando lle dixeron que para facer a entrega tería que continuar en piragua. Era unha esaxeración, evidentemente (sobre todo se pensamos no carácter que tiña o mandadeiro), pero eu levei unha chea da latas de sardiñas e bonito a Venezuela, e un bote de mirabeles a Mozambique. Sen dúbida é esta curiosa tradición a que impulsa á nosa clase política a viaxar mundo adiante levando cousas, e non outras motivacións menos altruístas que estes días son obxecto de controversia política.

         Por exemplo, as viaxes presidenciais e a polémica de se son electorais ou non. “Só hai unha regra para todos os políticos do mundo: non digas no poder o que decías na oposición”, dixo o escritor John Galsworthy (que levou o Nobel en 1932 pero que agora é mais coñecido pola serie de televisión La saga de lo Forsyte, baseada en novelas súas). En efecto, non se sabe que é máis oportunista, se facer cando se chega ó poder o que se criticaba desde a oposición, ou criticar desde a oposición o que se fixo cando se estaba no poder. Con todo, eu fun cubrir viaxe de tres presidentes distintos, e polo que me pareceu, ademais da satisfacción de ser recibidos como xefes de Estado, os resultados prácticos foron como os de ir levar paquetes. Entre outras cousas porque, un tanto inexplicablemente, Galicia non ten competencias de asuntos exteriores, a pesar da enorme poboación exterior. Por eses mundos adiante hai 317.728 deses chamados contradictoriamente “residentes ausentes”, veciños nosos con dereito a voto (dous de cada sete electores españois residentes no estranxeiro). Máis ou menos o 13% do censo, de momento, e como dixo un alcalde, hai que atendelos como se foron veciños dun barrio concreto. Un barrio de 13.767 habitantes en Vigo ou 15.706 na Coruña. Claro que hai casos máis rechamantes. En Avión, o 49,4% do censo electoral non vive alí, e o 47,3% en Bande. En Galicia hai 53 concellos (32 deles en Ourense) onde alomenos un de cada catro votantes está fóra. Toda Francia, con máis de 60 millóns de habitantes, non xunta máis aló de 800.000 deses residentes ausentes.

         O malo non son as viaxes, electorais ou non. Nin siquera accións máis que discutibles como aquelas Operación Reencontro ou como se chamaran (“yo no tenía los años para venir, pero me inscribí para votar y me trajeron”, díxome inocentemente hai anos unha reencontrada d’As Pontes). Tampouco o peor é a distorsión na xestión política que producen esas desmesuradas porcentaxes de galegos de nación pero non de situación. (No Reino Unido, pérdese o dereito de voto ós 15 anos de residir no exterior, en Canadá, ós 5, pero é a única vantaxe que perden das moitas que trae aparellada a nacionalidade). O malo é iso que Touriño cualificou de “erro”, o email pedindo a contratación dun deses homes que enchen o saco de votos emigrantes a gusto do cliente. Erro foi que interceptaran o email e tamén que non se investigue a existencia deses homes do saco, e do delicto electoral que comete tanto eles como quen os vén contratando. De feito, ninguén parece querer recordar que o PP conseguira a primeira maioría absoluta de Manuel Fraga por uns sacos de votos chegados providencialmente de Venezuela.

         O malo é que a tradición de levar paquetes nas viaxes se convirta no hábito de traer sacos de fóra.

(FARO DE VIGO 1 de abril de 07)      

 

Advertisements