Remata a Semana Santa, e non sei se son conscientes do feito de que en todo este tempo, que mediáticamente falando é unha eternidade, nin se rompeu España, nin a inepcia do Goberno nin a mala intención da Oposición nos fundiu na miseria nin nos precipitou nos abismos máis profundos. As posibles explicacións deste fenómeno de suspensión da realidade cotiá (que se rompe España, que ETA manda en Zapatero, etc.) son dúas que no fondo son unha: non pasou nada diso porque tampouco pasa o resto do ano e démonos conta porque a clase política tamén colleu vacacións. Cando a nosa clase dirixente deixa a aguillada de dirixir e crispar nós, cal rabaño rumiante, pacemos máis ou menos tranquilamente por onde nos presta.

Se o resto dos días non estivésemos dos nervios, teriamos claro que as preocupacións reais son ben distintas, sobre todo canto máis afastados esteamos do sitio onde voan as aguilladas e hai chocar de estacas. Queda claro nesa enquisa sobre o Clima Social de Galicia feita pola Secretaría de Análise e Proxección da Xunta. Sen meternos en fonduras políticas, para evitar suspicacias derivadas da paternidade do estudio, a enquisa conta que un 32,5% dos galegos consideran que a súa situación económica é boa/moi boa, por un 23,5 que a cualifica de mala, mentres en España as porcentaxes respectivas son do 40% e do 16%. Sen embargo, o 23,5% dos galegos pensa que a situación política é mellor que a de hai un ano, e o 29,% confía en que será mellor aínda o ano que vén, mentres os españois que miran o presente máis ben negro son o 39,3% e os que ven o futuro verde esperanza ou azul ceo son un cativo 18,3%. É dicir, fóra de aquí, por ben que lles vaia a economía, non se fían da situación política. Unha actitude que soamente se explica polo ancestral pesimismo hispano, ou porque alí fan demasiado caso do que lles contan. Pola contra, aquí a tal enquisa revela fenómenos en teoría sorprendentes, como que onde máis se aprecia o labor da Xunta é nas circunscricións electorais nas que os partidos que gobernan tiveron menos apoios, Lugo e Ourense, que son tamén aquelas nas que a economía vai desde sempre daquela maneira.

Non é contradición ningunha, senón unha proba máis de que a sociedade galega, incluso os sectores máis tradicionais, non é exactamente conservadora, nin siquera gubernamentalista (esa liña de pensamento baseada no firme principio de que hai que estar co goberno, estea nel quen estea). Os galegos son máis ben partidarios de que as cousas vaian polo rego (teoría política que brindo de balde a todas aquelas opcións partidarias de orde, aínda que penso que lle axeitaría especialmente á actual versión do Partido Galeguista). Nunha sociedade estritamente conservadora non triunfarían tan axiña como triunfaron novidades como o arcón conxelador ou o tanatorio. A experiencia da matanza do porco polo método eléctrico demostra esa procura ancestral do equilibrio, a natural inclinación a ir polo rego. Hai poucos anos houbo unha auténtica moda de realizar o cochicidio coa axuda dunha batería do coche, evitando escenas dramáticas de máis para os parentes da cidade, e sobre todo, depender da ateigada axenda do matachín. Se a moda se extinguiu tan rápido como se estendera non foi porque fose contra a tradición –como pasaría no País Vasco ou no Xapón- senón porque o uso da electricidade facía máis cómodo o inicio do proceso de converter o animal en alimento, pero estragaba o final: a carne non sabía igual.

Déixennos ser un pouco máis como somos. Aínda que sexa unha prórroga de 15 días

(FARO DE VIGO, domingo, 8 de abril de 07)

Advertisements