Hoxe votan en Francia. É curioso como dos veciños, o que menos coñecemos son os seus usos políticos, da macropolítica á micropolítica, desde as frías institucións ata as acendidas paixóns ideolóxicas. Eu o primeiro, desde logo. O que eu sei do sistema político galo é ese para nós curioso costume de escoller por separado ó presidente (que é do que se trata hoxe) do goberno propiamente dito. Paréceme que ese sistema soamente se pode dar nun pais que presume de racionalidade, e igual que no caso dos Estados Unidos, que usan un método parecido, baséase na morriña da monarquía. Como se non queda claro o ganador hai unha segunda volta, o elector ten a posibilidade de votar de acordo coa ideoloxía a primeira vez e pensando no práctico na segunda.

Sexa porque nós non temos esa opción, porque en realidade sexan una eleccións decisivas ou porque os grandes medios teñen correspondentes alí e hai que lle sacar proveito á inversión, o caso é que os comicios presidenciais de Francia son noticia aquí. Eu pasei a metade da semana alí, e o primeiro que me chocou (como xa me chocara hai tempo no primeiro país europeo no que me coincidiu estar nunhas eleccións, Holanda) é a pouca importancia que parecen darlle os directamente interesados, os franceses. Cos criterios de aquí, nos que o careto do candidato independente dun concello de 10.000 habitantes acapara máis vallas publicitarias que Carrefour, o de Francia é case clandestino. Quitados algúns carteis (case sempre de Le Pen) nos piares dos pasos elevados e outros lugares marxinais, a presencia dos candidatos á ser presidentes de Francia limitábanse ós discretos valados oficiais. Sen embargo, kioskos e librerías estaban inundados de biografías, autorizadas e sen autorizar, haxiografías e autopsias (variedade de enfoques que supoño, dada a cantidade de títulos) dos candidatos. Mesmo vin na Virgin Megastore, entre o merchandising de Spiderman 3, un manual guía dos distintos programas. De todas formas, os poucos indíxenas cos que falei tiñan claro que arrasaría Sarkozy, mesmo con poucas ou ningunhas ganas de que o fixera. Ou mesmo coas ganas de que o fixera para así provocara unha reacción máis radical que a da branda Segolène (esas situacións preTacher ou preBush que tanto me soan). Sarkozy é como se Bono (o ex ministro) fose de dereitas, quero decir que militase nun partido de dereitas. Un home que non da corrido tanto como a súa ambición, e non por falta de pernas. E a Segolène véndennola como se fose Teresa Fernández de la Vega, cando en realidade ven sendo máis Trinidad Jiménez. Pase o que pase, probablemente, como dixo Manu Chao nas anteriores (nas que había que elixir entre Chirac e Le Pen, entre Rajoy e Acebes, para entendernos), boa parte dos que voten farano contra alguén, aínda que estean fartos de non poder nunca a favor de alguén. Outra boa parte absteranse para logo, como penso que dixo Savater, manifestarse en contra do que votaron os demais.

(FARO DE VIGO, domingo 21 de abril de 07)    

Advertisements