Hai veces en que non nos entendo, non. Ós meus colegas, ou mellor dito, ós meus xefes que se encargan de decidir que é importante e que non, e poñelo en portada ou mandalo ó limbo das cousas que puideron ser noticia e non o foron (ou despois sono gracias a internet). Non entendo nin o rebumbio ese da caída da bolsa precipitado pola empresa solarteniente Astroc, nin os panexíricos a maior gloria de Boris Ieltsin, que en paz descanse.

         Descúlpenme os entendidos no asunto bursátil. E con máis razón os afectados. Cando os atentados do terrorismo islamista en Londres, escandaliceime de que a seguinte noticia que daban os boletíns era a das consecuencias que tiveran na bolsa, e un prestixioso colega mandoume una critica un tanto feroz que incluía o argumento de que se notaba que eu non perdera cartos. Era certo, non os perdera, nin daquela nin agora, pero tampouco os ganara, nin daquela nin agora. Coa venia de entendidos e afectados o que quería dicir é que o mercado de valores é o mercado en estado puro, no que as cousas non custan o que valen, senón o que a xente está disposta a pagar por elas. Polo tanto, perder é tan consubstancial como ganar. Máis ou menos como na ruleta, coa diferencia a favor da bolsa que a materia do xogo é real, e consecuentemente, a información e o coñecemento axudan. En contra, a ruleta é máis igualitaria porque non hai manobras nin informacións privilexiadas que vallan.

         Volvendo á caída en concreto, e con perdón de quen sexa, coido que non é para tanto. Que fose a segunda maior baixada no que vai de ano non parece como para tocar a rebato, habida conta do afeitos que estamos a partidos do século e récords históricos de calor ou de frío. Efectivamente que un señor, Enrique Bañuelos, o de Astroc, perdera nunha semana 1.848 millóns de euros non pasa todos os días, pero tamén se chegou nun ano a ter os 6.416 millóns que lle calculou a revista Forbes foi gracias sobre todo ó esforzo alleo, ó dos que chegaron a pagar 75 euros por accións que saíron ó mercado en 6,4. E sobre todo, se a economía e a ordenación do territorio fose tan pura como a bolsa, sería lóxico que tivese unha traxectoria azarosa unha empresa que se dedica fundamentalmente a acumular terreos e logo quedar en stand by de se son urbanizables ou non. Como comentaron uns especialistas, non deixa de ser un pouco raro que uns terreos en Levante vallan máis que o Banco de Sabadell enteiro. Quizais, como dixo o propio Bañuelos, “puede que no hayamos explicado adecuadamente cuales son las actividades de la compañía”. Se conseguiu subir de 6,4 euros por acción a 75, aínda que agora estean en 15, eu del non desvelaría o misterio.

         ¿Que teñen que ver a caída bursátil dun empresario solarteniente coa morte de Ieltsin? Que nos dous casos estamos a falar de engados e de realidades inchadas. As necrolóxicas sempre implican unha visión benevolente do cliente, pero chamarlle figura histórica ou home providencial ó ex presidente ruso, roza o delirio. O único providencial foi que era el o que estaba no lugar xusto cando os que mandaban de verdade necesitaron dun mandado. Politicamente, nunca foi máis ca un cabo furriel, que bastante tiña con terse dereito. O que mellor o retrata é que, nunha viaxe a España, nunha visita a unha coñecida factoría de embutidos de gama media, saíu o presidente dun dos estados máis poderosos do mundo cos maleteiros dos coches oficiais cheos de chourizos e xamóns.

(FARO DE VIGO, domingo, 29  de abril de 07)     

Advertisements