Así entre nós, e sen que se enteren os meus colegas e moito menos os políticos directamente afectados, esta é a campaña máis levadeira que recordo. Quizais porque a sigo case como un cidadán máis, que a atura porque está no ambiente pero sen ter que contribuír demasiado ó rebumbio.    Mesmo parecen unhas eleccións europeas, convocadas para escoller uns equipos de goberno, sen que estea en xogo a civilización tal e como a entendemos por aquí, tal e como dicían que nos xogabamos en todas as anteriores que recordo, locais ou mundiais, nas que máis que votar parecía que había que escoller qué cable cortar, se o azul ou vermello, para que non estoupara todo e houbera que volver a inventar todo partindo da roda.

         E como a vexo de esguello, e pouco máis miro que os titulares e bótolle un ollo ás fotos sen moitas máis fonduras, comprobo que a impresión que tiña polos lemas das campañas é basicamente correcta. Que ou non se matan moito, ou a cousa non dá moito máis de si. Por exemplo, Touriño (na súa faceta de secretario xeral do PSdG-PSOE) sae sempre nas fotos abrazando a un señor ou felicitando a unha señora, entre os aplausos doutros que parecen tremendamente contentos de estar alí e de coñecerse todos. Hai un fondo de bandeiriñas ou bandeirolas e sei que non hai serpentinas, pero non podería xurar que non as hai, porque ó ambiente acáelle que as houbese. De vez en cando, á foto súmase Zapatero, ou Blanco (Pepe) e daquela o que aplaude satisfeito vendo como os demais se abrazan é Touriño ou o candidato ou candidata.

         Ás veces, o que está na foto é Rajoy. Non nas mesmas fotos, e moito menos nos mesmos escenarios nin coa mesma xente. Rajoy está máis circunspecto, como recordando que a cousa é grave, e que a modo con votar ou posiblemente o día 28 non é que se funda o mundo, pero podes darlle á billa e non saír auga. Ou sexa, unha catástrofe menor. As mensaxes apocalípticas quedan a cargo dos convidados foráneos de menos nivel pero que saen na televisión. Nas fotos, Alberto Núñez Feijoo sae sempre como de mediador atarefado. Ou acougando ó alcalde candidato a recuncar, un tanto desesperado de que agora non se lle poñan os conselleiros, ou intercedendo entre o paracaidista apocalíptico que fala das sombras e o electorado afeito a que lle prometan puntos de luz. Paliando danos, vamos.

         As fotos do BNG son ben curiosas. Quitados algúns casos concretos, os candidatos non están afeitos a saír retratados con conselleiros (vicio que Touriño lles evitou coller, cortando as actividades electorais dos membros do gabinete) e dos ministros xa nin falamos. Así que están resignados de oficio, mentres Quintana anda de volante, hoxe facendo parapente en Oia e mañá cazoleando coas pulpeiras de Escairón.

         A verdade, véndoos así ata se lles colle cariño.

 
(LA OPINIÓN sábado 19 de maio de 07)

Advertisements