Todo o mundo fixo xa a súa análise dos resultados das eleccións, e mesmo hai quen, como Núñez Feijoo, reanaliza de vez en cando. Así que permitan que me aproveite e faga eu a miña, que se resume en dúas verdades incontestables: Unha, que desta vez si que ganaron todos. Outra, que parece que os resultados en man valen menos que os que andaban por aí voando.

O PP ganou o manterse a flote, porque perdeu apenas un 2% dos votos sobre as anteriores. Máis ou menos os que ganou o PSdeG, mentres o BNG non variou nin tres décimas os seus resultados do 2003, en plena resaca do Prestige. Desde 1995, o voto socialista tivo unha discreta suba do 26% ó 29%, e o nacionalista unha non moito máis relevante, do 13% ó 19%. Tampouco se lle pode chamar derrube a que PP pasara dun apoio superior a un 47% a case o 40%. Sen embargo, o relevante non son tanto os votos, se non onde se sacan. O PSOE terá os alcaldes de seis de sete cidades e o BNG gobernará posiblemente en todas. Sete de cada dez galegos terá un goberno local socialista e/ou nacionalista. Os tres restantes viven en localidades de menos de 20.000 habitantes. Por culpa da lei electoral, segundo unha lenda urbana que ten tanta consistencia como a de que a selección española de fútbol nunca fai nada porque non ten apoio. Se ganar as eleccións fose chegar primeiro, teríaas ganado o PP. O malo é que as eleccións non son unha carreira. Tampouco son un método para escoller ó mellor xestor –para iso sería máis eficaz un concurso oposición- e hai unha chea de exemplos a man que o demostran. É o sistema menos imperfecto de que gobernen os que máis representan ó corpo electoral, e xa sen contar afinidades políticas, a suma de dous tercios é máis representativa que a metade. Aínda por riba, o sistema electoral xa prima ás maiorías, que precisan proporcionalmente menos votos para cada representante elixido. Pero sobre todo, pedir cambiar as regras despois das eleccións é, ademais de pouco elegante, tomar á xente por idiota. Na Coruña, ata o bloqueiro máis antivazquista sabía que o seu voto acabaría poñendo na alcaldía ó sucesor de Paco Vázquez. Consecuentemente, teño unha amiga en Vigo que se abstivo de votar nacionalista porque non quería a Abel Caballero de alcalde nin en pintura.

O máis pavero de todo é a segunda verdade revelada nestas eleccións. A de que a satisfacción non depende do conseguido, se non do grado de cumprimento dos desexos. A sensibilidade socialista anda un tanto escocida, probablemente contaxiada da campaneada desfeita madrileña. Sinceramente, depositar demasiadas esperanzas nun par de candidatos que se deixan fotografar vestidos de chulos (madrileños) era un tanto arriscado. Eu non daría un peso por un candidato de aquí que considerase necesario posar vestido de gaiteiro. Tamén nalgúns foros nacionalistas se practica ese xogo tan tradicional de recrearse nas derrotas e dar por supostas as victorias, como se empatar os mellores resultados dunhas municipais –nun momento de suba dos socialistas, que pescan nos mesmos caladoiros electorais- fose o menos que se pode facer. Supoño que esa sensación bipolar no que antes era a oposición se debe á falta de hábito de ganar, exactamente igual que os periodistas aínda non estamos afeitos de todo a pensar no PP cando escribimos agora “a oposición”.

De todas formas, no que todos ganamos aquí, ó contrario do que pasou por aí, é que a maioría dos alcaldes que xustificaban as desfeitas urbanísticas no apoio electoral que tiñan quedaron sen argumentos (e sen alcaldías).

(FARO DE VIGO, domingo, 3 de xuño de 07)

Advertisements