Un señor que chegou a presidente do Comité Olímpico Español polos seus méritos, que non cuestiono porque os descoñezo, propuxo dotar dunha letra ó himno de España, co obxectivo de que o canten os representantes das federacións deportivas españolas nas competicións internacionais, e así eses abnegados traballadores fagan o seu ingrato labor algo máis motivados. O caso é que Mariano Rajoy, sempre ó quite dos problemas reais que afectan á sociedade española, distraída con reformas estatutarias e outros trangalladas, aferrouse á proposta como un mastín ás sobras dun churrasco.
Sen embargo, tanto o señor do comité olímpico do que agora non recordo o nome como Rajoy deberían saber que os efectos euforizantes ou reafirmantes dos himnos non dependen das letras. Pasa igual no rock and roll. A Little Richard abondáballe deletrear “Tutti frutti, all rooty, a-wop-bop-a-loon-bop-a-boom-bam-boom” (aquí traducido como “Aguamba buluba balambambú!”) para conseguir que se contorsionaran as multitudes. Ademais, as letras dos himnos non pasan a ITV do gusto actual. A maioría tiran polo tremendismo, desde A Portuguesa (“Heróis do mar, Nobre povo/Nação valente e imortal/… /Sobre a Terra, sobre o mar/Às armas! Às armas!/Pela Pátria lutar/Contra os canhões marchar, marchar”) á propia La Marsellaise (“Avante, fillos da Pátria/O dia da Glória chegou/Contra nós, da tirania/O estandarte ensanguentado se ergueu/Sentides nos campos/ruxir eses feroces soldados/veñen cara nós a degolar / ós nosos fillos e ás nosas mulleres”). Mesmo as que parecen máis serias teñen certo punto macarra ou hortera: “Deus salve á Raíña/ Que a faga victoriosa/Feliz e gloriosa/Que teña un longo reinado sobre nós/…/E como un torrente, varrer/Os rebeldes escoceses, ata os esmagar”, reza God save the Queen. E en Deustchland Über Alles, logo de “Alemania, Alemania sobre todo/sobre todo no mundo” di “Mulleres alemanas, lealdade alemana/Viño alemán e cancións alemanas/Seguirán moi altamente estimados/En todo o mundo”.
Hainos que parecen máis mansiños. Caminemos pisando la senda de nuestra inmensa felicidad chámase o de Guinea Ecuatorial, e tal como alí está a cousa, non deixa de simbolizar ata que punto os himnos son irreais. Do himno galego (que debe ser o único do mundo que comeza cunha pregunta) agradécese o toque surreal de comezar metendo o nariz nunha conversa entre os ríos e a luz da lúa, e o texto un tanto incomprensible. Pero en xeral, para que nos enganar, todos os himnos aseguran que propio é o mellor do mundo e ofrecen unhas hostias a quen discrepe. O prototipo da maioría podería ser: “Ya el sol asomaba en el poniente/ ya el cóndor surcaba el firmamento/y la patria gloriosa, heroica y valiente/de victoria profiere el juramento” que era o comezo daquel de Les Luthiers que remata co lamento “perdimos/perdimos otra vez”. De feito, as dúas propostas máis coñecidas de letra para a marcha que é himno oficial español son deste tipo campanudo e prosopopeico. Tanto a que compuxo Eduardo Marquina en tempos de Alfonso XIII (“Gloria, gloria/ corona de la Patria/soberana luz/que es oro en tu pendón”) ata a de José María Pemán en época de Franco (“¡Viva España!/Alzad los brazos, hijos/del pueblo español,/que vuelve a resurgir./Gloria a la Patria que supo seguir/ sobre el azul del mar el caminar del sol”). Cando eu era neno había unha que mencionaba a unha tal Florinda, que foi moi popular, pero escasamente oficializable.
Dar argallado unha letra máis ou menos rimbombante é relativamente doado (máis doado canto máis rimbombante). O malo é o do entusiasmo. Rajoy e o resto dos letristas deberían recordar que unha das razóns da falta de entusiasmo obedece a que hai músicas e bandeiras que foron primeiro impostas pola forza, aínda que logo fosen legalizadas. E ademais, o líder do PP xoga coa vantaxe da súa memoria de rexistrador da propiedade para aprender a letra, pero vaia papeleta para o resto do mundo. Ver de patriotas con chuleta tanto ós futbolistas como ós ministros, cantando o himno con apuntes ou rosmando facendo que cantan é como para facerse apátrida.
FARO DE VIGO, domingo, 10 de xuño de 2007
Un artigo moi bo. Parabéns
Faga o favor de ir máis a modo publicando, que un non da abasto a comentar. En canto ao dos hinos, algunha curiosidade que engadir:
1.- Pese ao chovinistas que son os portugueses coas súas cousas, admiten bastante mellor que segun quen determinadas parodias. Véxase se non a canción “Heróis do bar” do Paulo Gonzo (que non é precisamente un punki) que comezaba xustamente así: heróis do bar, nobre povo….
2.- Para min que a historia de que o noso hino sexa tan rariño non é máis que unha casualidade. De feito, e como vostede sabe (pero seguro que moitos dos seus lectores non) o de pondal non foi no seu momento a única proposta: de feito houbo unha especie de concurso aló polo fin do XIX ou primeiros XX, en plan operación triunfo patriótica, que gañou un medico da habana chamado Taibo (non lembro o nome) que non ten desperdicio. Para a xuventú que non o coñeza, velahí vai (se a memoria non me falla): Casta dos celtas, esperta axiña/ ergue do fango da escravitú /patria da i-alma, teus ceibes cantos /enchen o mundo de norte a sul. / Dos meus amores bendita terra /nai amorosa da miña nai /creba as cadeas que te asoballan /e cingue a croa da libertá. /Cantai, galegos, o hino xigante / dos pobos libres, dos pobos grandes / Cantai, galegos, a idea santa / da independencia da nosa patria. (bonito, verdá? e reivindicativo. Claro que na segunda estrofa baixa o diapasón, con ese estilo noso tan contraditorio. Di así…) Os de Castela son casteláns / os de Galicia galegos son / pero non somos, como españoles /nin eles amos nin servos nos (eiquí caghouna…)…. E sigue no mesmo tenor. En canto á música, o Sr. sHs, que ten pasado como vocalista de sona, cantárallela con moito gusto.
3.- E podería ser pior, lembren o caso do veciño principado, que ten coma hino unha canción de troula e borracheira.
Home, SHS, non nos deixe quedar tan mal aos alemáns, que ese himno do que fala xa non é o oficial… Polo menos tivemos a decencia de recortarlle as partes máis escabrosas, non coma vostedes, que seguen berrándolles “imbéciles” a uns certos compatriotas en pleno himno… ;-P
sihomesi said:
Sintoo. Procurarei non fiarme de todo da wikipedia
fin