Escribo isto cando aínda non remataron de todo os partidos. A chea de partidos que se celebraron onte nos 315 concellos, na maioría con resultado máis que cantado pero nalgúns con resultado cantante. No que se deu en chamar de forma grandilocuente as sete grandes cidades, saíu o que todo o mundo sabía –ou se temía- que ía pasar. Foi que si, pero se atendemos ó que foron contando e nós reproducindo, puido ser que non. E de ser que non, un extraterrestre–ese teórico marciano do que sempre botamos man retórica para explicar algo inexplicable nun entorno racional— chegaría á conclusión de que foi, polo menos na Coruña, polas diferencias sobre o galego.

         En efecto, as reticencias públicas e publicadas fixeron referencia á disparidade de criterios idiomáticos, como se fosen decisivos ou simplemente outra cousa que simbólicos no que son as políticas locais. De facerlle caso ó que se leu ou escoitou, parecería que hai un sector da clase política e da cidadanía herculinas que teme que o feito de que haxa nacionalistas con despacho en María Pita levará aparellada inexorablemente a creación dunha policía lingüística, cuspidiña á policía moral que en Irán multa ás mulleres que levan sombra de ollos ou se lles escapa do velo un rizo rebelde, ou a aquelas unidades da decencia que, armadas con escadas e lanternas, velaban na Sudáfrica do apartheid polo cumprimento da lei que impedía actos sexuais interraciais. Non é risa, que ata na Pobra de Brollón, ámbito pouco bilingüe, o alcalde en funcións do PP ofreceulle a alcaldía á candidata socialista para pecharlle o paso ós nacionalistas e a iniciativas como as galescolas, é decir, de garderías infantís. Infortunadamente, non hai demasiado perigo, porque os nenos son alí tan escasos como os argumentos do alcalde en funcións.

         Ou sexa que parecía que A Coruña se estremecía nesa incerteza do porvir, con algúns cidadáns poñendo a salvo coleccións como Tesoros de la Lengua Castellana. Cos alicerces da cidade abaneando por si se vai esixir, por fin e logo de vintecinco anos de preitos legais (todos perdidos, sen un triste empate), o cumprimento dunha norma da toponimia que no resto do país nin se sabe que existe. Mentres, en Vigo lidaban con miudezas como o recordo de que o pacto anterior acabou cun dos socios apeando ó outro do goberno pola cara, e o apeado pagándolle logo coa mesma moeda. Mentres no sur se enfrontan a cara de can por trangalladas como o Plan Xeral de Urbanismo, no norte un goberno en funcións decidiu adxudicar a redacción do novo Plan con absoluta discreción mediática, política, e desde logo social. Mentres Orozco, o de Lugo, mosqueouse todo porque, para un concelleiro que necesita, arrepuxéronselle por convocar as reunións no despacho, os seus compañeiros coruñeses, protagonistas da meirande debacle do socialismo municipal, permitense convocar onde lles peta e conducirse co mesmo reparo que as mozas e mozos que teñen como principio nunca-en-la-primera-cita. E todo, parece ser, por algo tan idiosincrático como gardar as aparencias: curuñeses, hicimos todo lo posible, pero no pudo ser.

 

(FARO DE VIGO, domingo, 17 de xuño de 07)

 

Advertisements