Aviso a navegantes: Isto que se dispoñen a ler – nun acto de benevolencia que agradezo aínda que estea dictado polo aburrimento- é politicamente incorrecto por ser demasiado correcto politicamente, non sei se me explico. Tamén é editorialmente incorrecto, porque non pega moito co espírito do resto da revista. En resumo e con perdón, isto é unha chamada de atención para que lle collan aprecio á clase política.

Non me vou acoller a eses tópicos de que algúns cargos públicos son como son –uns presuntos delincuentes ou uns probados amasadores de cartos- pero que non se pode xeneralizar e en todas partes hai de todo. (En todas partes hai de todo, pero o que non ten un cargo teno moito máis difícil para pillar, e se o collen non ten nin un partido rival ó que botarlle a culpa nin un electorado ó que pedir apoio e comprensión). Non, reivindico a clase política en conxunto, e co argumento real e descarnado de que podía ser moito peor do que é. Por exemplo, recente aínda a campaña electoral, algo positivo dos políticos é que son como o can da merenda. Ser ou parecer o can da merenda –cóntolles, porque non o atoparán nin en Google— é ter a habilidade ou a necesidade de facerse presente no momento oportuno para pillar algo. Como os cans que aparecen de non se sabe onde á hora da merenda. Pero soamente cando hai merenda. É dicir, o político soamente pide en campaña –ben, algo tamén en precampaña- electoral, e non anda pedindo a todos horas e todos os días.

Ese é o primeiro punto ó seu favor. O segundo é que, como di o clásico, máis vale pedir que roubar. Ou sexa, que pide, solicita, roga, non esixe nin demanda. O cidadán dá se quere, e se non dálle a outro, ou a ninguén. A maiores, debe ser a única ocasión en que o cidadán pelado é obxecto de seducción, mimado, e agasallado. Ben é certo que, logo de conseguido o obxectivo, quedas tirado coma un klinex, pero iso tamén pasa noutras facetas da vida. Ademais, é moi fácil poñerse a criticar, pero un político é un ser humano, máis ou menos. Un ser humano ou humana, que dirían eles, que ten que soportar que o seu careto inunde a cidade, colgado das farolas ou encartado nos limpa-parabrisas dos coches.

Xa sabemos que hai xente que está disposta a mostrarse tal cal é ou incluso peor do que é, con tal de saír na televisión, pero é que os políticos teñen que saír sempre, lles guste ou non. E non soamente en imaxe, senón en persoa. Coincidirán que debe ser duro ter que saír pola rúa, arroupado por unha tropa de correlixionarios e rodeado por unha nube de reporteiros gráficos, e mostrarse natural, próximo e mira que sencillo. Arriscándose a que che dean unha mala contestación, que hai moita xente que pensa que ter unhas ideas é escusa para non ter educación. Certo é que tampouco é agradecido o papel do saudado. Eu vin os apuros dun vendedor do cupón cando se lle achegou un candidato na pasada campaña. Non recordo se era discapacitado da visión ou da mobilidade (o do cupón), pero desde logo, non foi xogar limpo porque o home tiña moi reducidas as posibilidades de zafar.

E non deixa de ter perigo. Imaxinen que o candidato descubre ó ansiado bebé (a peza que parece que dá máis puntos) e o colle, todo extasiado. Pode pasar que: A.- O neno, que aínda no asentou o biberón, pótalle por riba, situación desagradable para calquera. B.-Se o cativo é máis grandiño bota a correr despavorido. C.- Calquera que sexa o tamaño ou idade da criatura, o adulto que o coida non está o tanto da actualidade política e o que ve é a un tipo traxeado e sorrinte que lle colle ó pequeno, e móntalle un dios ou mételle unha labazada. En calquera das situacións, alí están os fotógrafos para inmortalizar a escena. Por non falar de cando se che botan enriba os seguidores. As señoras supoñen un risco relativo (normalmente de asfixia), pero hai patróns efusivos que poden producir fisuras óseas cunha aperta emocionada. E aínda que non haxa perigo para a integridade física, aturar tanta devoción non pode ser bo para a integridade mental.

De todas formas, unha cousa é collerlles un chisco de cariño e outra pasarse, descoidarse e, como dixo Buenafuente, acabar escollendo ós futuros implicados na Operación Malaya.

(GPS, xuño 07)

Advertisements