Comezou xa o éxodo, ou comezará dentro dunha horas. E se vostedes non participan directamente, están igualmente afectados porque ou lle veñen visitas, ou no traballo os que se van non deixan de proclamar que se van, de consultarlles cousas ou de pasarlle polas narices que se van, ou todo á vez. Comeza o veraneo, o fenómeno máis igualitario desde a implantación do sufraxio universal. Porque moita xente non vai de vacacións, pero si sufre as festas do barrio ou se deixa ver nas da aldea, e vai, de grado ou arrastrado, á praia, logo do traballo ou na fin de semana. 

  Eu, por exemplo, estou facendo que fago isto, escaqueado mentres o resto da familia chequea maletas para chegar á conclusión de que fan falta máis, que non cabe todo. Hoxe, calquera neno que se mova da casa máis dunha fin de semana despraza máis impedimenta do que carrexaba hai cen anos un soldado mobilizado en pé de guerra. Napoleón paseou por media Europa exércitos cunha intendencia máis apañada ca unha familia cumprida de hoxe en día. E o que non anda embutindo equipaxe fedella en internet procurando oportunidades para pasar unha semana nun sitio desde o que poder mandar postais. Ou mandando recado ós parentes a ver que día cae a festa patronal e analizando se están de ánimo para convidar. Ou quedando cos colegas para ir xuntos a tal festival ou a cal evento. Comezaron estes dous meses en que non para quieto ninguén. Esa é a chamada auténtica realidade e a traída e levada problemática social: a ónde imos e que facemos. Quitado en Madrid, claro.

         En Madrid, ou nese curioso planeta que nos describen os medios de comunicación que se fan alí, pasan cousas como que o Defensor del Pueblo, Enrique Múgica propón de súpeto que unha solución para frear a violencia nas aulas é volver a tratar de vostede ós profesores (ós pais debe ser nunha segunda fase). Non se sabe se a ocorrencia é froito do aburrimento, dun exhaustivo estudio da Defensuría (no que debe estar previsto cómo poñer en marcha a medida) ou da necesidade do Defensor de que se fale del. As mesmas tres posibles respostas valen para a decisión do xuíz Grande Marlaska de prohibir que se incinerasen os restos dos seis soldados mortos no Líbano, logo de que decidira facerse cargo da investigación (demasiado tarde, lamentablemente, para ordenar o levantamento dos cadáveres). Ou o papel de Mariano Rajoy, apuntándose a un bombardeo dialéctico sobre esa traxedia, esquecendo que o goberno que el vicepresidía promoveu bombardeos de verdade, e que parte das tempestades que recollemos veñen daqueles ventos que sementaron. Ten toda a razón cando afirma que os militares morreron nunha acción de guerra, e que o seu labor non é o dunha ONG, pero tampouco é precisamente un labor humanitario invadir un país enteiro pola cara, e argumentar que as tropas españolas se van encargar de coidar unha zona de hortas. E está moi ben criticar que os blindados anden por eses perigosos mundos do demo sen inhibidores, pero tampouco llos puxo cando el gobernaba.

         Non é contrapoñer a frivolidade veraneante á gravidade dos asuntos de Estado. Calquera campista en bermudas está farto de saber que as bombas e os tiros son riscos profesionais dos militares, e que non haberá inhibidores para os vehículos militares, pero dispoñen deles ata os coches oficiais dos concelleiros das capitais de provincia. O mal foi dos que se foron. Ós que quedamos, fagan o favor de non nos amolar máis do necesario.

(FARO DE VIGO, domingo, 1 de xullo de 2007)  

Advertisements