Paripés sempre houbo. E a utilización dos medios de comunicación por parte de xente aguda é tan vella como a utilización da xente en xeral por parte dos medios. Pero creo que nunca con tanta cara, como evidencian os casos desa competición por determinar os monumentos de máis mérito no mundo e do derrubo da planta dun hotel madrileño a cargo de estresados anónimos (que non é unha ONG nin un colectivo de autoaxuda).
Penso que foi esta fin de semana cando se fallou, desde Lisboa para o mundo, ese concurso interestelar para determinar cales son as sete novas marabillas do planeta Terra que substitúan a aqueles outros sete monumentos da antigüidade ós que a marabillez non nos librou da piqueta, como sigue pasando agora. Os candidatos eran os obvios (a Muralla China, o Coliseo de Roma, a Acrópole de Atenas, etc.) ou non tanto (a Ópera de Sidney). A opción española era a Alhambra de Granada e non soamente hai xente particular que te veu abrasando para que apoiaras a candidatura, senón que institucións de prestixio como o Instituto Cervantes tiñan un banner ligando ó concurso na súa páxina web, e mesmo Forges lle dedicou unha das súas viñetas diarias. A idea ocorréuselle a Bernard Weber un suízo que xa era multimillonario antes de tela e poñela en práctica, creando en 2001 a Fundación Sete Novas Marabillas do Mundo, 7 New Wonders. E desafortunadamente, ten toda a pinta de ser un timo, perpetrado coa complicidade, supoño que ignorante, dos medios de comunicación.
En liña cos novos tempos de democratización do banal e de secuestro da decisión sobre o importante, os monumentos top escolléronse votando mediante sms ou email. Un home (ou unha muller) cantos votos quixese. Sempre que pagara cada un a 1,20 euros en España (e unha media dun dólar no resto do mundo). Evidentemente, había que rexistrarse co nome, correo electrónico e/ou teléfono móbil. De paso, podíanse mercar on line unha chea de productos 7NW. Deberon emitirse arredor de 50 millóns de votos, entre os parvos que pensan que é un adianto establecer un ranking mundial de monumentos e os que consideran que algo construído no seu país debe estar nos primeiros. Ou sexa que ademais dos 50 millóns de euros embaulados (que se destinarán a obras benéficas, por suposto) hai unha base de datos doutros tantos cidadáns, cos seus enderezos electrónicos, postais ou números de móbil. Por suposto, a pesares do que se suxire ou se asegura nas informacións con menos rigor, a cousa non ten nada que ver coa UNESCO, o organismo que por certo sigue decidindo que cousas son Patrimonio da Humanidade e cales non.
A moi distinto nivel, e sen máis timo que o da picaresca en aproveitar o papanatismo mediático, está o caso do deroombing que penso que lle chamaron os espelidos publicistas que argallaron o invento. O de renovar as instalacións dun hotel dándolle a uns tipos anónimos picos, palas e a oportunidade de descargar o estrés rompendo todo, e ós medios de comunicación a de fabricar esas noticias curiosas que a todos contentan e a ninguén desgustan (quitado en todo caso á miña sogra, que foi do ramo). Todo un monumento ó despilfarro, á parvada e á mensaxe de que o vandalismo libera a tensión. Tamén sachar, e non o promocionan pola tele.
(FARO DE VIGO, 7 de xullo de 07)
ghanito said:
Disque sachar non é ‘fashion’
carquueixa said:
Cando a alguén lle veñen cousas a cachola e se lle cruzan os cabos, sempre termínana pagando outros. Se tes unha arroutada, colles a escopeta ou o coitelo e levastes a alguén por diante, a imitación dos USA, porén, aquí en Ourense, hai uns catro ou cinco anos, apareceu de súpeto un mozo portugués que lle deu por estar a sachar todo o día limpando as gabeas das estradas, sen que ninguén lle dixera nada. Durmía no monte, e comía do que a xente lle deixaba por onde el andaba, pois se vía a alguén agochábase. Son testemuña de que limpou un montón de gábeas.
Pásalle como a min, criado coma urbanita, e que agora reláxome no cultivo da horta, e, comentando isto con outros urbanitas, vemos que se está pondo de “fashion” isto de cultivar a horta. Pídolle que non promocione o do sacho non vaia a ser que perda o encanto da clandestinidade.
airadasenra said:
ó fío, abraiante, por exemplo, o asunto da muller esa que ten nome de cidade e estivo na cadea…
alvarez said:
¿pero “de toda a vida” esas noticias non son as chamadas de verano, que sirven para poñer algo nos periodicos mentras non haxa catastrofes ou algo asi?
sihomesi said:
Non, aquelas eran as fundadas en estudios dalgunha universidade de Lima, ou así. Estas cousas van economicamente en serio.
susolista said:
Onte estuvo en Radio Roncudo, J.Antonio Amado, un cura que aparte de botar xuramentos gustarlle a quenlla e tomar licor café, traballa na Arxentina con paraliticos cerebrales profundos e pobres, os mais pobres de Arxentina. ¿porque non faceran un Realty de famoseo, pra ver quen lle cambia millor os pañales a nenos de 2 a 56 anos., e mais a quen lle cai menos papilla da boca mentras lle dan de comer. O único que pide Antonio, é, que a Xunta subvencione o viaxe de algúns adolescentes pra que vaian alí e vexan e despois conten aquí o que viron. O resto, manutencion e dormida, póñeno eles.