Hai anos, un colega, Santiago Romero, e eu acometemos o labor de retratar en extenso a unha serie de personaxes que nos parecían dignos de coñecer. Foron case douscentos, uns famosos e outros bastantes menos, e en ningún caso a conversa baixou dunha tarde, e nalgún tiramos coa gravación logo de perdela (a tarde, non a gravación) porque chegamos á conclusión de que non pagaba a pena reproducila. Agora, daquela lista hai algúns ós que se lle foron os quince minutos de gloria, outros acrecentárona, e moitos fóronse co tempo (Fernando Rey, Gonzalo Torrente Ballester) e outros antes de tempo (Carlos Casares, ou os músicos Enrique Macías e Manuel Balboa). Elixio Rodríguez acábase de caer daquela relación de xentes que nos deixaron entrar nas súas vidas, e xa daquela soubemos que pagara ben a pena, porque a súa non foi calquera cousa.

A vida de Elixio, como a de moitos outros, estivo a piques de rematar no verán de 1936. Membro das Mocidades Galeguistas, salvouse in extremis de morrer asasinado á beira dunha cuneta polos falanxistas de Bande (a frase que o salvou, “matádeo mañá” foi o título da autobiografía que lle editou Xerais en 1994). Pouco despois, piloto da Lexión Cóndor que os nazis organizaron para o exército franquista, deuse pasado –avión incluído- ós republicanos, foron os seus os que o tiveron en capela acusado de espía. A falta do libro (xa esgotado), nas reportaxes que na prensa ou en internet lle dedican á súa figura estes días poden ler algunhas desas aventuras, incluídas as de como coñeceu a André Malraux, Fidel Castro, o Che ou Olof Palme.

O que lles quero contar é a impresión daquel home pequeno, que daquela xa ía camiño dos 90 anos e fumaba e bebía máis ca min, na conversa que tivemos horas e horas, e largaba ideas como facerlle un monolito en Mondoñedo ó mariscal Pardo de Cela, que e logo vin, todo pimpante e traxeado, nun 25 de xullo, acompañado dos seus editores Manuel Bragado e Celia Torres. Manuel Rivas escribía antonte que soamente quedan tres galeguistas históricos: Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo e Paco del Riego. Desde este luns pasado é certo. Á terceira foi a vencida (pero de morte natural). Elixio Rodríguez non era coñecido como tal por tanta xente, mesmo posiblemente moitos dos que o vían no palco de oradores na Quintana o 25 de xullo non souberan quen era. Pero nin cando se fixo empresario de éxito en México abandonou as súas ideas, ata o punto de someter ós fillos á proba de poñerlles Iago Xes, Paio Fiz, Alda Olaia, Elixio Gael e Denís (debéronse fartar de dar explicacións ós compañeiros de México D.F., ou quizais deron menos das que terían que ter dado aquí).

Unha amiga, Ana Miranda, que o visitou en xaneiro na súa vivenda da Colonia Lindavista, cando aínda tiña a ilusión de vir a Galicia, alomenos o 25 de xullo, recordaba o amolado que estaba porque outro galego de Ourense, Vázquez Raña, comprara o bosque centenario que se vía desde a casa e cortárao para construír unha área comercial. Outro, Aser Álvarez, contoume onte que desde había tempo, Elixio tiña unha caixa de madeira disposta para cando morrera. Cando a abriron había dentro unha bandeira galega para cubrir o cadaleito, unha gravación de Negra sombra para poñer no velorio e unha lista da media ducia de persoas ás que avisar en Galicia.

(FARO DE VIGO, luns, 16 de xullo de 07)

Advertisements