“Sabes que che digo? A nós vénnos que nindiola o do cambio climático. É o único que nos fai falta en Galicia, máis calor”, confesóuseme un taxista que me baixou do aeroporto un deses poucos días que houbo calor ó comezo do verán. A verdade é que entre a argumentación e a pinta –gafas de sol, camiseta e pantalón pirata- nunca vin a ninguén, non xa favorable, senón tan tremendamente entusiasta dun proceso de alteración do estado das cousas. E menos a un taxista, xente polo xeral firmemente partidaria da orde establecida, por moito pantalón pirata que se poñan. Isto demostra por un lado que a xente cre no que lle peta, e o Cambio Climático (CC) é o novo dogma de fe meteorolóxico, logo da existencia dos microclimas. Polo outro que, como seguramente dirán os economistas, wheater is money (é decir, o clima é diñeiro, e non soamente para os do gremio de Santiago Pemán).
Non é novidade ningunha. Hai tempo, cando Paco Vázquez era o alegre e confiado alcalde da Coruña (e non tiña no lombo a responsabilidade histórico-patriótica de endereitar as relacións coa Igrexa e desactivar a rebeldía episcopal contra a materia de Educación para a Cidadanía) preguntáranlle en Vigo que lle parecía que a cidade tivese mellor clima ca súa. “Con eses dos grados más, hacía yo maravillas”, contestou, aproveitando para reivindicarse como xestor que o faría mellor se tivese as bazas axeitadas. A diferencia é que antes dábase por feito que as cartas estaban xa repartidas. Ós que lle tocou sol, ben, e ós que non, a amolarse. Pero co Cambio Climático parece que se barallou e se repartiu outra vez. De aí o entusiasmo do taxista chamémoslle proclimático, que xa vía como unhas temperaturas tórridas traerían a estas latitudes moreas de turistas necesitados de ser levados de acó para aló, en lugar dos indíxenas habituais que adoitan chamar á muller ou a un cuñado para que os vaia levar/recoller ó avión.
Nese aspecto collen por fin sentido aquelas sempiternas queixas dos distintos sectores hostaleiros de Galicia de que a información meteorolóxica, errada ou mal intencionada, tornaba veraneantes e escorrentaba turistas. O CC puxo patas arriba o establishment meteorolóxico e agora pode estoupar de sol a Costa da Morte mentres os confiados turistas que optaron por Menorca botan man das caixas das ensaimadas para gorecerse das chuvias torrenciais. A información é, máis ca nunca, poder, e pode que haxa quen estea xogando sucio. Coincidiume ver un par de veces un deses microespacios televisivos con aparencia de información de verdade, e que polo tanto, deben ser publicitarios (xa sei que eses conceptos agora son relativos, pero para entendernos) sobre o estado das praias. O tipo, con mellor dentadura que dicción, viña a decir que en España había unha chea de bandeiras azuis, e que o sol ía lucir en todas elas, quitado, posiblemente en Galicia, e que, no relativo “a la calidad de las aguas, en lo que respecta a la temperatura, las mejores son las mediterráneas, y las más frescas, las de Galicia”. (De ser hoteleiro de aquí, eu patrocinaría un microespacio informativo sobre a incidencia das medusas).
Claro que hai que coller con pinzas iso do CC, que o mesmo val para un roto que para un descosido. Non que non o vaia haber, senón de que se vaia presentar dentro de quince días. E polo que levamos de verán, cambio si, pero a ver cara ónde.
(FARO DE VIGO, domingo, 29 de xullo de 07)
Para cambio, o de faciana deste blog. Parabéns tanto para o artista como para o artisteado!
E, lembren, audiencia de sihomesi…
Do perpetrador de presentacións chega… ‘Unha tarde na Feira do Libro‘.
E xa metidos en fariña…
Mu bonita a páxina, pero imos ao que imos….
En 1937, o goberno norteamericano reuníu un panel de expertos para que fixeran unha predicción do que ía ser o resto do século. Tras sesudas análises e gran cantidade de ducumentación publicada (cuspidiño ao de agora) o tal panel de expertos non falou nin chisco da enerxía atómico, os ordenadores, os antibióticos… ¡ nin a segunda guerra mundial !. Conque, meus/miñas, coidado cos expertos que son contaxiosos e se te acercas moito dan calambre.
PS. Sr sHs, seica ten un problema a páxina, que cando escribes unha frase longa vaise ao hiperespazo e tes que usar o retorno de carro….
superencontra das banderas azuis e a urbanización das praias
superafavor do atlántico e do novo deseño 😀
Pois xa saberedes que a illa mais grande de Galicia vai ser a Illa do Roncudo,
E para iso gastou a Xunta tanta pasta en pintar as raias da carretera a Corme a conta do Plan Galicia, para que quede asolagada nun pis pas!
Alguén debería adicarse a recopilar as frases que soltan os taxistas para iniciar unha agradábel conversa mentres te transportan… en fin.
A este paso, compostela tamén acabará por ter mar, que segundo moita xente éo que lle falta
Co cambio climático estamos jodendo Galicia (e o resto do mundo, claro).
Pero por que é coñecida Galicia? polas súas boas temperaturas? pola falta de auga?
Ben é certo, que eu emociónome cada vez que sae un raio de sol pero hai que ter conciencia de todo…