Eu penso que gano pouco, e sei que non é certo, e logo contraataco que non saco moito beneficio para o esforzo que fago, e máis tarde cáeme a cara de vergonza mirando para o salario medio, pero arrepóñome analizando algunhas cousas que todos sabemos que pasan. Esta mesma firmeza de criterios habería que aplicala ó caso dos salarios da clase política.

De entrada, discrepo do argumento clásico de que os políticos teñen que ter un bo salario para evitar tentacións de complementalo por métodos ilegais. Se fose por iso, ademais de estar ben pagados políticos, xuíces e policías -que son os gremios que se adoitan citar nese argumentario- tamén o deberían estar os médicos, para que se centren no que teñen que centrarse e non se distraian pensando en como chega a fin de mes; e os asesores fiscais, para que non se desesperen vendo que lle aforran ós clientes cartos que eles non teñen; e desde logo os xornalistas, para non caer na tentación de… dalgunha tentación na que caer. As ganas de facerse un peto pola porta de atrás hai que aguantalas a pao seco, por decencia, ou polo medo a que pase algo si se descobren. Porque sabemos todos por experiencia (allea) que amasar cartos, como rascarse, é todo empezar, e non hai salario que colme a ansia logo de desencadeada. Os políticos, etc. deben estar ben pagados porque fan un traballo o mellor que poden en beneficio de todos (esta é a teoría, claro).

É na práctica cando aparecen os problemas. Se o que cobra Fulano ou Mengano é moito ou pouco, merézao ou non. Como norma xeral, parece un pouco raro que un concelleiro gane máis ca un conselleiro, ou un alcalde que un presidente, e pasa. E non debería aceptarse como normal que un edil dobre os ingresos do seu antecesor, e acéptase. Nin, ó reves, tampouco que un alcalde, por moi pequeno que sexa o concello, se ten dedicación exclusiva, gane menos que un funcionario. A raíz da polémica xurdida logo das eleccións municipais (e curiosamente, nunca antes) o PP propuxo suxeitar os soldos municipais a uns parámetros (medida tan sensata como algo sospeitosa de oportunismo se temos en conta que sempre tivo a presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias, organismo idóneo para debater estes asuntos). A contestación do outro lado, de que iso atentaría contra a autonomía municipal non deixa de ser tan certa como pouco consistente, porque os concellos son autónomos, pero os alcaldes son militantes de partidos que lle marcan as directrices a seguir (esta é outra teoría).

A realidade é que, merecementos e dedicacións aparte, a clase política actúe en materia salarial como un comité de empresa que non tivera que negociar coa patronal nin aterse á conta de resultados. Así se aparcan -con excepcións– diferencias partidarias e enconos ideolóxicos para adxudicarse complementos vitalicios de 14.000 euros para os altos cargos da Xunta (en proporción, bastante máis diñeiro que os 54.000 e pico anuais que lle acaba de regalar o Fondo Monetario Internacional a Rodrigo Rato por tres anos de servicios prestados). Claro que quizais estas medidas teña máis xustificación do que parece. Antes pedir e recibir que ter que acabar de comisionista, como Aznar.

(FARO DE VIGO, 4 de agosto de 07)

Advertisements