Posiblemente o peor desas 600.000 vivendas que pretenden erixir na costa galega os promotores –e grande maioría dos propietarios actuais das terras onde se construirían, dito sexa de paso- non sería o alicatado que quedaría o litoral, que tamén. O malo é a xente que aparecería esporadicamente coa escusa de que os comprou e que pretende pasar uns días neles ou alugalos.
Porque eses edificios de construcción aínda peor que de aparencia que foron inzando o borde marítimo desde hai algún tempo fóronse vendendo a forasteiros relativos. Ós “venideros”, que lle chaman, alomenos en Sada. En Vilagarcía e Muros, composteláns, ourensáns en Nigrán e Gondomar, lugueses do interior en Miño e na Mariña. Tamén algúns madrileños en Sanxenxo e Baiona. En xeral, cidadáns que aparecían polo verán coa intención de pasar un mes ou mais –dependendo se eran activos ou clases pasivas- e acaban estando quince días, expulsados polo tempo ou pola reticencia dos fillos a pasar as vacacións nese lugar tan muermo. Algúns tentan destinalos ó aluguer, pero a única tempada con posibilidades de facelo é precisamente o verán. De dalo conseguido, vaise desvanecendo a relación co ditoso apartamento, ó que van comendo as humidades en competencia feroz cos defectos da construcción. A maiores, para pouco máis de dous millóns e medio de habitantes que somos en Galicia, hai un censo de case dous millóns de vivendas xa feitas, co que, a pesar de que moitas estean abandonadas e os bens inmobles estean, como o resto das propiedades, mal repartidos, o caso é que case tocamos a casa por individuo, momento en que o sector queda a pré, ou como din os economistas para xustificar o seu saber, coa actividade ralentizada.
O malo é que, como din os xitanos, cada día nace un paio. Neste caso, todos os paios que xa non caben na costa mediterránea e andaluza, ou non teñen cartos para tanto, ou están fartos de que os estafen por comer mal ou por calquera outra razón. Como no resto da cornixa cantábrica, quitado aquí, xa teñen claro que non van vender a costa por anacos, como as viúvas da posguerra alugaban os cuartos da súa casa a caballeros decentes, o sacacuartos móntase aquí, que a xente está tola por desfacerse dos montes e dos prados que tanto traballo deron para nada. Paios ou o bastante inxenuos ou o suficientemente resabidos para non pararse a analizar a contradicción de anuncios publicitarios como “Compre un piso en el último paraje virgen de la costa lucense” (exemplo certo e real) e que se deciden porque un apartamento aquí sáelle polo prezo dunha praza de garaxe en Madrid ou en Valladolid. O peor e moito máis duradeiro efecto medioambiental do Prestige non foi o chapapote, senón os que se animaron a facerse cun apalanque aquí, atraídos polos lugares que saían nas reportaxes. (Unha situación que se describe máis que agudamente a excelente curtametraxe Mariña Dor, bisbarra de vacas-ciones, de estrea en You Tube).
E se veñen, quererán servicios municipais, que os concellos poden dar malamente, porque non é certo que a construcción sexa unha das principais fontes de ingresos para as facendas públicas locais (será, en todo caso, para as facendas privadas dalgúns cargos públicos locais). Nesa circunstancia, reclámase á Xunta (que somos todos, sexamos promotores ou promovidos, teñamos terras agrícolas ou forestais susceptibles de mudar en urbanizables ou non). Pero a maiores, como veñen, saen por aí. Resoan por todas partes os seus atroces acentos. Enchen os restaurantes e soben os prezos (“oyes, una ración de pulpo en un plato de madera por 20 euros, un chollo”). E aprovéitanse dos nosos defectos, como o de querer quedar ben cos de fóra e facernos perdoar por ser como somos. O outro día, ou mellor dito, unha noite, unha parella de veraneantes, non sei se dos asentados ou dos transeúntes achegouse no peirao de Panxón a un dos numerosos pescadores de cana que alí estaban, e que acababa de pillar un cefalópodo.
-¿Qué es? –entroulle el, todo campechano.
– Un choco. Vamos, una sepia –díxolle o da cana, traducíndolle ó notar o acento.
– Ah, una jibia, pero ¿es jibia o jibión?, porque son distintos.
– Pues no sé –encolleuse de ombros, no canto de responderlle, como se merecería: “É un choco”.
Que non todo é o feísmo.
Revista GPS, xullo de 2007
Iso pásalle, sr. meu, por veranear en sitios pijos. Se vostede levara á súa prole, poñamos por caso, a Caión, asistiría
seguramente a outro tipo de asuntos, como por exemplo, observar (supoño que con perplexidade) a actual querencia dos nosos
compatriotas por substituír os Vanessas e Jonatanes de hai anos por nomes vascos. Eu, o luns pasado, contei en Baldaio un
Áitor (así, co acento no “a”), dúas Nereas e un Joseba. O tono e o acento dos orgullosos proxenitores era país país, o que
descarta un desembarco de euskaldunes en bergantiños. Claro que pior foi un pobre rapás, escoitado no mesmo día e lugar, que
cargará toda a súa vida co nome que lle puxeron os sicópatas dos seus pais: Timón (seica en homenaxe ao becho de “o rei león”)
Para que logo falen do feísmo……
Home, pode ser que o de Timón veña pola profesión/devoción mariñeira dos pais. E peor sería que lle chamaran Pumba. (E eu veraneo onde me mandan).
Coma sempre o noso párroco chántanos fronte as preguntas esenciais para o noso devir colectivo.Remataremos aturando turistas noxentos mesmo no bar Pepe?Haberá que saber como lle chaman ás minchas aló pola parte de Huelva?…..
Non degoiren e miren ó concelleiro de urbanismo de Cangas,Mariano Abalo.É ben certo que poder,poder,podería aínda rematar como o chou de Gorbachov e a propaganda de Vuitton,mais o político frentista debe ser un oso duro de roer e parece que nin o Norman Foster vai ser quen de meter as palas e desfacer o porto/facer un peirao deportivo.Esperemos que quen nunca tería chimpado o muro de Berlín chimpe agora as antroidadas urbanísticas que lle poñan por diante.
Compañeiros de sHs, déixense de veraneos horteras e lembren que máis vale morrer nunha palloza que adoecer nun adosado en primeira liña de praia.Por un verán digno e unha beira do mar con lanchiñas….a loita continúa!
PD.E se a vía marxista-leninista contra o feísmo tampouco prospera,poderíamos amañar un reality con paisanos bravos perseghindo ós turistas jibiosos….