Un congoleño residente en Bélxica desde rapaz, Mbutu Mondondo, vén de demandar nos tribunais a retirada de Tintín no Congo, por xenófobo e racista. Non sei se é andacio ou casualidade, pero ultimamente reprodúcense as peticións de que se prohiba aquilo ou se recolla aqueloutro. Desde o secuestro xudicial da revista El Jueves polo presunto menoscabo á familia real ata as esixencias de que se suprimise a actuación dun grupo italiano, a Banda Bassotti, nas festas de Ferrol, por considerar que a letra dunha canción podía ser apoloxía do terrorismo.
Por partes, Mbutu Mondondo a razón tena toda. As aventuras africanas do periodista dos pantalóns bombachos que nunca escribiu noticia ningunha son dun racista e colonialista que incluso eu me dera conta de pequeno ó lelas. Os indíxenas son malos ou parvos, e ata manda neles Milú, o can. Mesmo o recoñeceu despois o propio autor, argumentando que cando o debuxou -1931- el era un rapaz de 23 anos e a que esa era a visión xeneralizada que tiña a sociedade belga da súa colonia. No que o doído emigrante congoleño non ten razón é en pedir que retiren o álbum. A quen tería que pedirlle explicacións ou demandar é ós herdeiros do rei Leopoldo II, impulsor da explotación colonial máis cruel e máis inhumana das que houbo no mundo (e miren que o nivel é alto). Con máis motivo ademais porque o Congo non foi colonia de Bélxica, senón propiedade persoal do rei de Bélxica. Así de memoria, nos libros de Tintin quedan mal os comunistas (Tintín e os soviets), os indios (Tintín en América) os xaponeses (O loto azul), por non falar do mal que quedan os romanos en Astérix. Pero é que en ningures –quero decir, en ningún país democrático, incluído parte dos EEUU- é obrigado que a creación teña que ser politicamente correcta. A maiores, houbo grandes creadores que foron un auténticos bestos. Quevedo, por exemplo, era un exaltado antixudeu. Nalgún foro de tronados vin que acusan a Pondal de promotor da violencia de xénero por un poema sobre un lance sexual no medio do monte (“¡y éste es el autor del himno nacionalista gallego!”).
O resultado destes toques a rebato é xusto o contrario do que se di pretender. No de El Jueves, a acción conxunta dun funcionario da casa real, un fiscal e un xuíz converteron o que como moito podía ser un chiste basto nunha noticia mundial e nunha demostración do atraso das institucións respecto do mundo real (real de realidade). No da Banda Bassotti, miles de persoas que podían dar brincos de entusiasmo estrictamente musical, sen entender un chisco dunha canción en euskera cantada con acento italiano, teñen agora a curiosidade de saber que din todas e cada unha das letras. Claro que tampouco se sabería nada dos reclamantes se non seguisen tácticas coma estas. É o caso da beata que chama á policía para queixarse do escándalo que montan os veciños da casa de enfronte. “Señora, non se ve nada”, aseguran os axentes cando acoden a comprobalo. “¡Como que non, si se soben a esa banqueta e se poñen de puntillas, vese todo!”
(LA OPINIÓN /FARO DE VIGO 11 de agosto de 07)
Gracias polo blog, é dos meus preferidos. O artigo, sobresaliente. Para redondealo faltaría a referencia que xustifique o título, porque supoño que titulas a propósito seguindo a Zola, pero supoño tamén que a prensa pon límites de espacio… 🙂
Sr meu, amén de que é vostede especialista en lanzar argumentos irrefutabeis, seica ten vostede a toda a súa parroquia de vacacións aló polo caribe, que isto está do máis plácido….
En fin, aproveitando o meu costume de saír por peteneras, e dado que fala vostede de (xeno)fobias varias, velahí van as miñas:
1.- Gastrónomos, gurmetes e en xeral todos aqueles que pensan que un cociñeiro é un artista e que Ferrán Adriá é Dios. Ata tal punto chega a miña fobia que, se algunha vez monto un blog, xa ten dominio: http://www.mecagüenbrillatsavarin.com.
2.- Os debuxantes xaponeses de manga, que están empeñados en levarnos a todos os gaijin a un estado global de idiocia.
3.- Os espabilados dos nosos veciños, eses que fan sidra coas nosas mazáns, lévanse as nosas fabas para vendelas como fabes, pasan o tempo ollando ao oeste para ver que copian e aínda por riba chámanlle ao galego “bable occidental”….
4.- Únome gozoso ás verbas do Ber.to cabo dos clowns e saltimbanquis de rúa, aos que hai que engadir sen dúbida aos tunos e aos participantes en rondallas da terceira idade.
5.- Madrileños de vacacións polas colonias, entendendo por tais todos os residentes fóra do lugar de veraneo empeñados en facer preguntas estúpidas como as do choco do outro día….
PS. O único que non me gusta do novo deseño é a sección de comentarios recentes, máis que nada porque sempre saímos os mesmos….
Sr. Salgado, a prensa te limitacións, non soamente de espacio, senón de tempo para facer as cousas redondas. Efectivamente, era unha ironía baseada en Zola.
Dear eSedidió. Comparto xenofobias. O sábado que ven, reiterarei sobre a 5, penso. Por cento, comprobe que xa está amañado o da caixa de poñer comentarios.