Sei que me arrisco a ser diana de diatribas e improperios do numeroso gremio hostaleiro, que terei que reducir drasticamente a miña actividade como parroquiano en sitios nos que me coñecen, e mesmo renunciar definitivamente a volver pisar algún que outro bar, pero a verdade hai que proclamala, por dura que sexa ou por aínda máis duras que sexan as consecuencias: Hai que prohibir o veraneo. Desde o tradicional, o desas familias que de toda a vida pasaron un mes en SanJenJo o LA Coruña, ata as formas modernas, como ese barco que veu de Valencia cargado de escritores a conta da Xunta.
Oia, que son unha fonte de ingresos para moita xente, obxectarán algúns. Claro, a este tipo que máis lle ten, espetarán outros. Efectivamente, eu non obteño beneficio económico ningún dos veraneantes. E sosteño que, en conxunto, o fenómeno causa máis prexuízos e/ou a máis xente, que beneficios. O que hai que facer é medir vantaxes e inconvenientes, e non coma sempre, que soamente se conta unha parte (a que ten gabinete de prensa, normalmente). Por exemplo, fálase dos miles de millóns perdidos en horas de traballo gastadas en eliminar o spam, os correos electrónicos con publicidade non desexada (como se houbese moita publicidade desexada, veña por onde veña). Pero non se contan os postos de traballo e os beneficios xerados por esta actividade (que os dará, ou non existiría). Ou as perdas por baixar de internet películas ou cancións, calculadas como se cada peza baixada fose unha peza deixada de vender (con ese argumento, habería que computar como matrimonios fallidos todas as relacións sexuais).
Pois no fenómeno veraneante non se conta todo (tempo, combustible, productividade, disfuncións gástricas ou nerviosas) que perdemos todos nos atascos ou tentando aparcar. O prexuízo ó consumidor pola suba dos prezos xeneralizada e mesmo o que lle causa á hostalería os clientes residentes que deixan de ir os bares polo abarrote. As vías de comunicación que hai que ampliar porque se colapsan unha ducia de fins de semana ou un mes como moito ó ano, entre outras infraestructuras que xa reclaman ou xa reclamarán os concellos (corporacións e veciños) que promoveron urbanizacións a esgalla, e agora quéixanse de ter desbordados moitos servicios. Vías e servicios que acabamos pagando todos e cada un, beneficiados ou non polo veraneo. Home, e que hai veraneantes e veraneantes, a min vénme a familia de Tal, argumentará algún (por certo, no Incio chámanlle ós parentes-veraneantes “o ronco do xamón”, é dicir, o verme que acaba con el).
Recoñezo que a prohibición total pode ser unha medida, aínda que necesaria, un tanto radical. E deixa camiño á demagoxia de se xa queren poñer fronteiras e tal. A todos nos gusta que veñan xogar á casa os compañeiros dos nenos, pero non a clase enteira. Se queren vir, que veñan, pero non todos xuntos de vez. Mediante cupos, igual que os inmigrantes. Se limitamos a chegada de xentes que veñen facer os traballos máis desagradecidos e peor pagados (e ademais son os que en gran parte nos van pagar as pensións), con máis razón habería que limitar a quen vén quince días, e con bastantes máis ínfulas. Un turista gasta 120 euros de media diaria e a estancia máis frecuente é dunha semana. Os inmigrantes fan gasto todo o ano, incluídas as vacacións que non collen. Boten contas os que invocan os beneficios.
(FARO DE VIGO, sábado, 18 de agosto de 07)
——————
A MAIORES…
En canto rematara de escribir iso, seguín lendo Hablemos de langostas, de David Foster Wallace, e no que era a descrición dunha festa gastronómica en Maine (USA), cunha semellanza pasmosa ás de eiquí, nunha das enormes notas a pé de páxina que prodiga, atopei un texto que comeza así: “Confieso que nunca he entendido por qué tanta gente cree que para divertirse hay que ponerse chanclas y gafas de sol y arrastrarse por carreteras donde el tráfico es enloquecedor hasta lugares turísticos abarrotados y calurosos a fin de paladear un sabor local» que por definición queda estropeado por la presencia de turistas”.
Escoitado na noite coruñesa: “En La Voz no me dejan hablar de Radio Oceáno porque el cantante es ahora el director de La Opinión”.
Non. O baixo -daquela en La Voz- é agora redactor xefe de La Opinión
Magnífica idea!Está claro que vostede,xunto con Forges,ten unha idea profunda e axustada deste noxento fenómeno de masas.Hai que rematar co turisteo antes de que o turisteo faga un fato de parvos de todos nós!
Claro que o sistema de cupos ou continxentes non me parece o máis axeitado.Todos sabemos(se cadra non os vellos comunistas)que ó final acabará habendo estraperlo, e nos cupos meteríanse non os máis salados ou os máis motivados,senón os que pagasen as agachadas.O mellor sería tocarlles a moral e impoñerlles pequenas obrigas para ve_la súa motivación.Así para coñecer A Coruña deberían aprender de corrido as intervencións parlamentarias do ex-conselleiro Pita,os que queiran Vigo, pois a estudar a orixinal literatura económica coa que Caballero chegou a neno prodixio do guerrismo,e os que pensen na Terra Cha deberán saber que os tomos de Don Manuel sobre a Administración Única están a esperar por eles.
Se,aínda así,o sector sigue adoecendo co exceso de demanda,non quedaría máis que executar o modelo turístico do gran Leo Bassi,coas súas rutas turísticas,”O Peor”,nas que se amosa parte do gran patrimonio histórico artístico de Madrid,mais na franxa que vai do nacional-fascismo ó neo-liberalismo globalizante.Deste xeito os turistas poden gozar dende o Valle dos Caídos ó chalet de Esperanza Aguirre e outras marabillas.En Galiza contamos coa casa de Paco Vázquez onde o embaixador podería botar unha parolada sobre as bondades do Opus Dei ou da promoción inmobiliaria.Tamén podemos ir de paseo por Vilalba con Rouco Varela,escollendo como tema o carácter progresista do cristianismo nos tempos do Imperio Romano.
Mesmo despois destas aduanadas non poderíamos desbotar a vitalidade deste repugnante sector económico,e a existencia dunha porcentaxe moi respetable de masoquistas entre todos nós….
Pode parecer doado, pero non o é,así que teremos que seguir cavilando para achegármonos ó noso derradeiro obxectivo:que a xente se dea de conta que onde mellor se está é na casa.
Tanxencialmente: aduanadas, que fermosa palabra. Moito a utilizaba o meu avó paterno. Celebro estoutra concomitancia