Menos mal que hai alguén aí fóra que vela por nós. Un redactor descoñecido dun dos chamados diarios nacionais (os que se fan na provincia de Madrid) abriunos os ollos sobre as graves amenazas que agacha o Himno Galego. Esa exclusiva periodística revela que a culpa comezou sendo dun tal Pondal, Arturo Pondal . Así descubre o texto que se chama, cando a todos nos soaba que era Eduardo Pondal, non por nada nin porque coñezamos os seus sen súbida disolventes poemas, senón polas rúas que lle teñen dedicadas algúns concellos inconscientes. O tal Pondal colou cara o final, cando o cantante de himnos medio xa ten a atención distraída, unha faltada coma esta: “tan só os iñorantes/e féridos e duros/imbéciles e escuros/non nos entenden, non”.

Efectivamente, queridos amigos, estimados concidadáns, esas cousas figuran no Himno galego, que en decembro que vén cumprirá os cen anos de que o cantaran por primeira vez na Habana. Se pasou ese século desapercibido, e mesmo foi aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego (co voto, polo tanto, de próceres como o daquela vicepresidente da Xunta Mariano Rajoy) como un dos símbolos de Galicia, debeu ser porque soamente os nacionalistas máis pechados lle coñecen a letra. Así se explica as caras que poñen algúns deles cando o cantan, mentres o resto dos confiados cidadáns limítanse a bisbisear. Xa en serio, sería indignante se non fose pavero -ou ó revés- o que está disposta a facer algunha xente por refacer a realidade de acordo cos seus intereses. Os maiores sustentadores desa idea un tanto peregrina de poñerlle agora letra á marcha militar que é o Himno de España tiránse dos pelos do peito porque na letra xa existente doutro, logo de disquisicións sobre que andan a cismar os pinos, se inclúan unhas diatribas sobre quen non nos entende (os que non nos entenden ós galegos, non sobre que non entende galego, borricos).
Aquí a cousa pode facer gracia, pero non se imaxinan a grea de parvos que hai por aí dispostos a sacar a plantilla da columna de que estas cousas son moi graves, metendo a palabra “centollo´´/“pulpo´´/“vaca´´ para que teña o necesario aire vernáculo. Da misma caste de retorcedores do alleo é esa queixa de Citadáns, denunciando que o itinerario galego da Vuelta a España fíxose para favorecer ó nacionalismo porque pasa por Vigo (e dalí é Santi Domínguez, ex responsable de Deportes), Allariz (Quintana e Suárez Canal), e Viveiro (onde houbo un concelleiro de Deportes do BNG). Non din nada de Santiago, onde poderían denunciar que está de alcalde un curmán da conselleira nacionalista Bugallo. De ser certo e non unha paranoia (tres dos catro lugares teñen alcalde socialista) sería favorecer ó BNG, non ó nacionalismo, da mesma forma que facer o primeiro AVE a Sevilla, e non a Barcelona como parecía lóxico, foi un favor ó PSOE que lideraban os sevillanos Felipe González e Alfonso Guerra, non ó socialismo. E que cando Cuiña os investimentos da Consellería de Politica Territorial en Lalín fosen dez veces dos feitos en Vigo non eran un trato de favor conservador, senón do PP. E sexa certo ou paranoia ou non, ¿non deberían preocuparse os Citadáns eses do que pasa en Cataluña? Con todo o que se cae alá e a de nacionalistas que alí hai, malo será que non lle poidan botar a algún a culpa de algo.
Nestas ocasións sempre recordo un escrito de Wenceslao Fernández Flórez, que recordaba a un que lle fixo unha entrevista na que el desmentía todos os tópicos e prexuízos que o entrevistador tiña sobre Galicia, pero como se nada. O tipo rematara a información pedindo ás autoridades que mandaran un equipo de reporteiros de cine, convenientemente escoltados, para filmar aquela remota terra. Pero desta vez teño a man outra cita tamén dun mestre do periodismo e tamén conservador, Joseph Pulitzer: “Unha prensa cínica, mercenaria e demagoga producirá co tempo xente igual de abxecta”.

FARO DE VIGO, 25 de agosto de 2007

Advertisements