Independentemente da súa idade, supóñoos ó tanto de que as autoridades da seguridade vial, e podemos incluír á Xunta, promoven o uso de chalecos reflectintes para os habitantes do campo, especialmente para os vellos, porque os novos xa se supón que visten de xeito máis rechamante e/ou son máis espelidos á hora de apartar dos coches (aínda que non tanto á de conducilos sen desgraciarse).

Digo que independentemente da súa idade, porque no seu celo por evitar os atropelos que son a nosa especificidade máis específica, as autoridades piden mesmo ós fillos e netos dos vellos rurais que lles prediquen o uso do chaleco ese de “Faite ver”, “aínda que lles pareza antitodo” (supoño que sobre todo ós vellos, pero mesmo ós novos) como dixo diante de min na Delegación do Goberno o xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, José Luis Ulla. Home, non me resistín, ¿non terán algo de culpa as institucións, ben as que administran as carreteras, ben as que gobernan os puntos de luz? Algo tamén concedeume, pero non é que atropelen á xente cando vai polas beiras das estradas, senón máis ben cando as atravesan. Eles saberán, pero recordo de sempre ás autoridades, mesmo antes de que os Gobernos delegasen nada, alertando contra o dress code da terceira idade rural. Os vellos que hoxe teiman en ir de escuro escoitaron aqueles avisos cando eran aínda homes e mulleres rufos e rufas, e nada. E estamos a falar dun sector da poboación que por moito sambenito de inmobilistas que aturen, ben que mudou masiva e rapidamente o fondo de armario da pana ó coiro en canto descubriron que era máis funcional.

Sen ánimo de descubrir a pólvora neste asunto, o que poderían argumentar os do campo, vaian de negro ou sigan as directrices estéticas tipo xogador da LFP, é que eles estaban antes. O caso máis dramático que sempre teño presente é o de Gumersinda Marta García, unha muller da Laracha que ó caer unha tarde de xuño de 1998 foi ver as fincas por onde sempre fora, e morreu atoada na lama que fixeran no que antes era camiño as obras da autoestrada de Carballo, a metros escasos de onde un día despois se inaugurou un tramo coa pompa e circunstancia debidas. Ben sei que son os inconvenientes do progreso (claro que, poñéndonos cavernícolas, se o demo ofrecerá á humanidade unha mellora substancial, a cambio de 100.000 vidas ó ano, a oferta sería rexeitada iradamente, e logo o home inventou pola súa conta o coche). Pero sería máis equitativo que, a maiores da moda de responsabilizar ás víctimas -que polo feito de selo non quita que a veces teñan a culpa- viñera outra de repartir e esixir responsabilidades. O mapa de incidencia dos cancros que ven de facer público o Ministerio de Sanidade revela que no de pulmón inciden causas naturais como as emisións o gas radón nas provincias de Pontevedra e Ourense, pero en Ferrol a orixe é industrial. Coido que de Pontevedra cidade deben faltar datos, dado que se queimaron os arquivos sanitarios. En xeral, hai moita máis incidencia desas enfermidades en lugares onde xa se denunciaba que as emisións contaminantes afectaban negativamente á saúde, sempre coa resposta de que non estaba demostrado que así fose. Agora si, pero todos sabemos que tanto vai ter. Os inconvenientes do progreso e de ter que obter beneficios para os accionistas.

Pero volvendo ó do tráfico, a recomendación de que os patróns e patroas saian da casa como Grissom o de CSI Las Vegas cando vai procesar o escenario dun crime pode xerar outro tipo de conflictos. Non sei se as relacións interxeneracionais están consolidadas bastante como para soportar discusións tipo:

-Mamá, dígolle que poña o chaleco ou non sae da casa.

-Ti o que queres é que sexa a risa dos veciños todos. Xa sei quen che dá eses consellos, xa.

-Mamá, non empecemos…


De todas formas, como dicían nunha –vella- teleserie: jefes, teñan coidado aí fóra.

 

Advertisements