Verían as impresionantes imaxes do home ese que se prendeu lume para sacar á luz a súa desesperación de non poder regresar coa familia a Romanía, por non dar xuntado 400 euros. Máis ou menos, entre un e catro billetes daquela presada de cartos que exhibiu hai uns meses nun programa de televisión o alcalde dunha vila coruñesa. Sen embargo, o asunto que realmente nos interesa ós xornalistas e á clase política ata o punto de dobrar os resultados económicos das compañías de móbiles en Galicia é o cese de Antón Losada, o número 2 de Anxo Quintana e responsable en certa parte de que Quintana sexa o número 2 da Xunta.

   

Para os seguidores dos asuntos políticos, Losada era a Quintana como Alfonso Guerra a Felipe González ou Álvarez Cascos a Aznar: o que apañaba as losqueadas dirixidas ó outro, mesmo polo procedemento de buscalas. Con dúas diferencias en contra: que Quintana non é presidente e que Losada, ó revés de Guerra ou Cascos, non tiña ó partido detrás, senón enfronte. Para os que tanto lle teña a política, Losada era para Quintana como Chewbacca para Han Solo, o personaxe de Harrison Ford na primeira película de Star Wars. Coa diferencia de que Chewbacca non tiña vida anterior ou posterior á súa relación con Han Solo, e a Losada recoñécenlle os méritos incluso –ou máis ben sobre de todo- os seus contrarios. Pero como a todos os outros referentes –quitado ó copiloto peludo de Harrison Ford- a Losada acabouno prexudicando esa cualidade de quásar. Demasiado brillo. Tanto que atrae focos que deberían poñer á luz outras cousas. Por exemplo, o seu enfrontamento con axentes da policía autonómica en San Caetano non debería distraer do asombroso feito de que un alto cargo político lle mande a policía a outro alto cargo por unha cuestión de letreiros. O seu rifirrafe cun responsable dos informativos da TVG debería poñer en cuestión non só os modos e formas do que cesou, senón a ecuanimidade da información.

         Entre chamadas telefónicas e lecturas en internet sobre o Quásar Losada, recibín por error un correo electrónico de xente que ten o problema contrario. Era dunha traballadora dun deses sectores precarios e deslocalizables, que asesoraba a un compañeiro sobre as técnicas de chamar a atención dos xornalistas nos comunicados: “Escribo en negrita un titular que resuma tb y que tb llame la atención (el caso es llamar la atención) y en cursiva dos (como mucho tres) lineas que resuman el articulo. Y termino con “nos gustaría que le diesen la mayor difusión posible”, o algo parecido.” Consellos para evitar que a descrición dunha traxedia ou dunha inxustiza (minitraxedias e microinxustizas nalgúns casos, posiblemente) non acaben na papeleira do lixo dos medios de comunicación. Exactamente igual que o romanés que se queimou e do que todos nos esquecemos en cando deixaron de emitirse as imaxes. A ese seguro que lle dan un traballo, dirán algúns coa boca pequena (eu desde logo, daríallo, porque que a resolto poucos lle van ganar), e non me estrañaría que fose así, porque hai xente que soamente reacciona ante cousas ou situacións se están anunciadas en televisión. Que soamente miran para onde apuntan os focos.

 (FARO DE VIGO, domingo, 9 de setembro de 07) 

 

 

Advertisements