Reproducíronse estes días denuncias de que determinados cargos públicos tiñan favorecido a parentes, da familia de verdade ou da familia política. Por exemplo, na Cidade da Cultura, o arquitecto coordinador era o marido da entón conselleira e hoxe deputada Pilar Rojo, o director xerente da Fundación era o irmán do daquela conselleiro de Educación Celso Currás e o director económico era cuñado de Mariano Rajoy. Tamén se ten criticado que outro organismo, a Autoridade Portuaria de Vigo, contratara a uns 30 militantes ou amigos de militantes do mesmo partido que quen os contratou, Abel Caballero, hoxe alcalde e presidente portuario na época na que se empregaron. Normalmente, este tipo de prácticas adóitanse cualificar de nepotismo e estar mal vistas por canto supoñen antepoñer os coñecidos ós coñecementos, preferir o malo coñecido ó bo por coñecer. Humildemente, considero que esa é unha teoría política un tanto caduca que non estaría de máis actualizar un chisco.

En primeiro lugar, porque estas cousas non son exactamente nepotismo. A palabra vén, suponse, do grego nepos ou do latín nepotem, que significaban primeiro neto e despois sobriño. O de pasar a ser toda unha actividade, o nepotismo, foi pola tendencia de moitos cargos eclesiásticos da Idade Media a concederlle prebendas ós seus sobriños (sobriños de verdade ou fillos camuflados). Chegou a ser costume papal, exercida con especial habilidade pola familia Borgia ou Borja, que encadeou tres papados polo método de nomear cardeais ós sobriños á idade na que hoxe se lles merca unha mobilette, entre os 14 e os 16 anos (co que tiñan toda unha vida por diante para ir preparando o salto profesional). E aquí ningún dos presuntos colocadores é eclesiástico –por moito que a presencia e as maneiras de algúns serían acaídas para a púrpura- nin tampouco ningún dos colocados era sobriño ou neto.

Ben, eses son aspectos formais, dirá algún, pero no fondo é o mesmo: outorgar postos sen atender ós principios de igualdade de oportunidades. Pois ó contrario: é unha medida igualitaria. Nunca Fraga tivo tanta razón e ó tempo se equivocou tanto como cando xustificou a marea familiar, carnal e/ou política, que se deu nunha tacada de contratacións na Deputación de Ourense (as 260 desta precampaña das municipais non, outra) incluída a do fillo do daquela homólogo de Lugo, Francisco Cacharro, co argumento de que os fillos da xente preparada están máis preparados. Por moito que a educación sexa universal, hai factores ambientais ou xenéticos que favorecen a uns e perxudican a outros, por non falar da maior desigualdade que a de que uns nacen con cabeza e outros é como se non a trouxeran de serie. Hai máis igualdade de oportunidades se depende un da familia, dos coñecidos ou de afiliarse a un partido, que ter aproveitado o estudios ou a intelixencia natural. Ademais, está o asunto estatístico: con tantos cargos que daquela había no PP, raro sería que os postos non lle tocaran ós parentes, e mesmo 30 simpatizantes do PSOE sobre un cento de contratados debe vir sendo máis ou menos a proporción de voto socialista en Vigo.

Pero os argumentos definitivos de que estas cousas non son para tanto son dous. Por un lado, estas cousas sempre se saben despois, cando o presunto autor xa abandonou o lugar do crime –con perdón-, e polo tanto dáse por feito que as posibles consecuencias xa caducaron. Polo outro, sáibase despois, antes ou durante, tampouco parece importar demasiado. A fin de contas, ¿quen non ten un cuñado?

(FARO DE VIGO, domingo, 16 de setembro de 07)

Advertisements