Reproducíronse estes días denuncias de que determinados cargos públicos tiñan favorecido a parentes, da familia de verdade ou da familia política. Por exemplo, na Cidade da Cultura, o arquitecto coordinador era o marido da entón conselleira e hoxe deputada Pilar Rojo, o director xerente da Fundación era o irmán do daquela conselleiro de Educación Celso Currás e o director económico era cuñado de Mariano Rajoy. Tamén se ten criticado que outro organismo, a Autoridade Portuaria de Vigo, contratara a uns 30 militantes ou amigos de militantes do mesmo partido que quen os contratou, Abel Caballero, hoxe alcalde e presidente portuario na época na que se empregaron. Normalmente, este tipo de prácticas adóitanse cualificar de nepotismo e estar mal vistas por canto supoñen antepoñer os coñecidos ós coñecementos, preferir o malo coñecido ó bo por coñecer. Humildemente, considero que esa é unha teoría política un tanto caduca que non estaría de máis actualizar un chisco.
En primeiro lugar, porque estas cousas non son exactamente nepotismo. A palabra vén, suponse, do grego nepos ou do latín nepotem, que significaban primeiro neto e despois sobriño. O de pasar a ser toda unha actividade, o nepotismo, foi pola tendencia de moitos cargos eclesiásticos da Idade Media a concederlle prebendas ós seus sobriños (sobriños de verdade ou fillos camuflados). Chegou a ser costume papal, exercida con especial habilidade pola familia Borgia ou Borja, que encadeou tres papados polo método de nomear cardeais ós sobriños á idade na que hoxe se lles merca unha mobilette, entre os 14 e os 16 anos (co que tiñan toda unha vida por diante para ir preparando o salto profesional). E aquí ningún dos presuntos colocadores é eclesiástico –por moito que a presencia e as maneiras de algúns serían acaídas para a púrpura- nin tampouco ningún dos colocados era sobriño ou neto.
Ben, eses son aspectos formais, dirá algún, pero no fondo é o mesmo: outorgar postos sen atender ós principios de igualdade de oportunidades. Pois ó contrario: é unha medida igualitaria. Nunca Fraga tivo tanta razón e ó tempo se equivocou tanto como cando xustificou a marea familiar, carnal e/ou política, que se deu nunha tacada de contratacións na Deputación de Ourense (as 260 desta precampaña das municipais non, outra) incluída a do fillo do daquela homólogo de Lugo, Francisco Cacharro, co argumento de que os fillos da xente preparada están máis preparados. Por moito que a educación sexa universal, hai factores ambientais ou xenéticos que favorecen a uns e perxudican a outros, por non falar da maior desigualdade que a de que uns nacen con cabeza e outros é como se non a trouxeran de serie. Hai máis igualdade de oportunidades se depende un da familia, dos coñecidos ou de afiliarse a un partido, que ter aproveitado o estudios ou a intelixencia natural. Ademais, está o asunto estatístico: con tantos cargos que daquela había no PP, raro sería que os postos non lle tocaran ós parentes, e mesmo 30 simpatizantes do PSOE sobre un cento de contratados debe vir sendo máis ou menos a proporción de voto socialista en Vigo.
Pero os argumentos definitivos de que estas cousas non son para tanto son dous. Por un lado, estas cousas sempre se saben despois, cando o presunto autor xa abandonou o lugar do crime –con perdón-, e polo tanto dáse por feito que as posibles consecuencias xa caducaron. Polo outro, sáibase despois, antes ou durante, tampouco parece importar demasiado. A fin de contas, ¿quen non ten un cuñado?
(FARO DE VIGO, domingo, 16 de setembro de 07)
Meu pai é enxeñeiro. Cando eu era pequeno, él explicábame sempre cómo funcionan as máquinas, os motores e todo iso. Coa adolescencia, a miña curioisidade pasou a alimentarse cos libros que él ten na casa, de cando estudiou. Así, está totalmente claro que hoxe eu estudio enxeñería porque me influiu o oficio do meu pai. Do mesmo xeito, paréceme lóxico que os fillos de militares, criados moitas veces nos cuarteis ou cerca, teñan tendencia a seren militares, ou que os fillos dos toureiros teñan predisposición a continuar no entorno en que seus pais os movían cando pequenos.
Con esta lóxica, a min nunca me sorprendeu que os fillos dos caciques saísen caciques, igual que calquera con unha familia de ladróns estará acostumbrado a roubar.
Hai unha salvedade que convén facer sobre os enchufados: non é grave que cheguen a un posto con unha “recomendación”; o grave e que sexa ese enchufe o que os manteña alí si non valen.
P.D.: Problemas de seguir a blogoesfera via RSS é que un non se entera cando os gurús cambian de templo ou montaña. “Será que o Sr. Pereiro ten unhas vacacións moi intensivas, ou tal vez o cativo lle está a dar máis que guerra…” pensaba eu cada dia que o Google Reader mantiña que “sihomesi hasn´t unreaded items”.
No de seguir as tradicións familiares, eu non seguín ningunha (avogado que nunca exerceu por un lado, mestra por outro), e efectivamente, noutros moitos casos seguir o rego é normal e mesmo útil por apreveitar os contactos. É máis, tampouco lle concedo moitas virtudes ós sistemas actuais de selección de persoal no servicio público, pero parte da desmotivación laboral que hai supoño que se debe a unha certa impotencia de que máis valen os coñecidos que os coñecementos.
En canto ó dos RSS, xa me parecía a min. Dilecto Míguez, non hai nada como o de sempre, dixo a vella.
Home, se optamos por ser máis “xenerosos” que “bos”, podemos pensar que esto do cuñadismo aínda ten un pase. A fín de contas, temos a coartada da proximidade, que se traduce en eximente (incompleta) se falamos de consanguinidade ou alomenos atenuante referíndonos á viciñanza. Pero o peor é que existen moitas veces auténticos mercados de compravenda de prazas a cambio de precios a maior parte das veces nada módicos, situación na que se mestura a cobiza duns coa desesperación doutros e a falla de escrúpulos de todos. Claro que, a fín de contas, sempre hai cínico que pensan (algún ata o dí) que esto de intercambiar bens ou servizos a cambio de guita non é máis que economía de mercado… non é?
Estamos falando da Administración, co cal o amiguismo e cuñadismo é intolerable, xa non “per se” porque vai contra toda moral e legalidade se non porque leva o que temos agora, un fracaso total da función pública en xeral. Pero o meu entender os tiros non van por ahi e poño un exemplo familiar: o meu pai cando rematou de facer a mili enchufado nas oficinas de Comandancia de Marina de Vigo (Como o seu fillo maior, por certo) os militares pedíronlle que continuase no posto e quedaría fixo como personal civil, e non dudou nin un minuto en mandalos a paseo porque o soldo era a mitade do que xa tiña nunha empresa privada. Coa chegada dos primeiros anos oitenta e as subidas salariais espectaculares na función pública e a inseguridad laboral dos que traballamos na privada, comentabame o parvo que fora porque un amigo del aceptara a oferta e xa estaba xubilado e cobraba caseque o doble que el e practicamente nin cumplia tan siquera o horario laboral xa non digamos traballar cando ainda estaba de alta.
E ahi esta o miollo da cuestión, si lle ofreces o teu cuñaooo un traballo onde tes que currar como un castron, gañando 700 euros, puteado por un “¿empresario?” autónomo e facendo horas extras como un loco sen ver un duro e non collas unha baixa porque non volves, deseguro que nin tan siquera lle ofrecia o choio nin o fillo, nin o cuñado nin o curman da muller.
Mentras os funcionarion gañen moito mais que o resto dos mortales e disfruten do mamoneo que hoxe ahi, pois veremos como se presentan 30.000 para unha plaza de barrendeiro.