A maioría dos cidadáns, alomenos os que vivimos nas cidades tirando a grandes segundo a escala galega, vimos de disfrutar da Semana da Mobilidade que celebran os concellos seguindo algún tipo de consigna mundial. Igual que as outras Semanas, as que organizan os comercios, esta é unha oportunidade para facerse con novidades. E igual que as demais Semanas, trátase fundamentalmente de propaganda.
Chámanlle mobilidade agora ó que antes era o tráfico, porque se entende que é un concepto máis amplo, e sobre todo con menos connotacións negativas (aínda que todo chegará). É unha desas creacións semánticas paveras para disfrazar o que significan. Igual que se inventou o crecemento negativo para designar o que mirraba ou se enguruñaba de todo, o da mobilidade refírese á suposta fluidez do que decote é espeso: o tráfico. Sempre que as autoridades responsables de dar solucións non saben como afrontar o problema, ou saben pero prefiren non arrostrar as consecuencias, fan dúas cousas: publicidade e/ou botarlle a responsabilidade enriba ó cidadán. Tal que o sufrido can aquel que tiña Paulov, o non menos sufrido cidadán, en canto percibe unha campaña de concienciación sabe de sobra que a culpa vai ser súa.
Nisto da mobilidade-tráfico-transporte, igual. Houbo nunha época –tan antiga que daquela se chamaba Día-sin-coches – en que se celebraba pechando ó tráfico unha parte minúscula e significativa da cidade. A autoridade chegaba (en coche), gababa a alta significado dese pequeno símbolo, pero símbolo significativo (ou signo simbólico) e pedía concienciación cidadá. Os periodistas entrevistabamos a un par de conductores resignados, a un airado e a outro mansiño, a un par de ciclistas que parecían postos pola organización, e ata o ano que vén. Agora hai carpas, xogos e concertos. En resumo, a cousa consiste en señores que se retratan nun bus, ou pedaleando, e piden concienciación á cidadanía (nada de poñer o bus gratis unha semana, por exemplo). Como se a cidadanía, quitado todos os casos que queiran de xente que durmiría co coche se puidese, puidese realmente escoller, e escollera tardar o mesmo tempo en ir de Cabral a Bouzas que se tarda en vir de Ourense, ou recorrer unha distancia semellante á procura de onde aparcar. En case trinta anos de concellos democráticos, non se fixo polo transporte público máis que cambiar os buses e políticas de prezos meramente asistenciais, que recentemente descubriu que quen fai un transbordo non é por ansia viaxeira, senón por carencias dun servicio municipal.
Con todo, o normal é preferir o coche. Xa se sabe que en canto se producen aglomeracións nalgunha vía, aínda que sexa en horas ou días concretos, deseguida hai un clamor oficial para ensanchala/agrandala. O mesmo misterio de por que é unha cuestión de Estado o AVE, que usarán como moito cada día 500 galegos do futuro, mentres os trens de cercanías para áreas que suman dous tercios da poboación de Galicia non os reclaman nin ós que lles pasa diante da casa no Burgo, ou Cambre, en Redondela ou Porriño e lles leva 45 minutos chegar á Coruña ou a Vigo. De todas formas, hai esperanza. Creo que esta Semana dixeron que se van poñer agora mans á obra.
(FARO DE VIGO, 23 de setembro de 07)
Boh, iso é como o día da bicicleta, que ves un montón de xente ataviada co último en accesorios e despois non collen a bici ningún outro día do ano.
Aproveito para dicir que a ver se van vai ó xeito os coches por Compostela e teñen algo de consideración cos que intentamos usar a bici algo máis ca un día ó ano. Gracias.
Os ciclistas en Compostela non merecen soamente consideración, senón respecto e mesmo admiración. Andar pola vida a pedal con ese clima ten un meritísimo.
Pereiro, Pereiro, non me sexa así. Noutras cidades con moito peor clima e orografía anda a xente en bicicleta coa mesma naturalidade coa que aquí se aparca en dobre fila para tomar un cacharro no bar…
Non digo que non, pero será noutras cidades doutros paises, máis ben.
Doume por aludido cando fala de Redondela e do Burgo 😀 Aludido por ser dos que sí están en contra do AVE, autovías e outros grandes avances.
Duas cousas:
En bicicleta xa andaba o meu avó, e non era moderno para nada. Agora os das bicis somo modernos, revolucionarios e temerarios. Hai que ver como a dicotomía necesidade/vicio altera o valor das cousas.
A mellor maneira de acabar cos problemas de mobilidade, a escala galega, era poñer a andar aqueles canóns do Monte de San Pedro, na Coruña, e non deixar que un so petroleiro chegara a abastecer a refinería. Vería vostede que rápido a bicleta e o tren deixaban de ser modernos e progres para vovler a ser de pobres (é dicir, necesarios). Dito de outra maneira, vería cantos cartos aforrábamos en campañas nas que non cre nin os que as encarga (porque pagar, pagámolas todos).
Por si a alguén lle dera por levar á prácticta esta idea miña, debo alcarar que o propoño só como exercicio de imaxinación na liña “¿ti que farías si non hubese petroleo?”.
Se tiñas esperanza é mellor que a perdas. Agora resulta que o famoso estudo sobre o metro lixeiro na Coruña refírese tan só á cidade e non á comarca. Dis que se trata de propaganda. Eu diría máis: é mentira, é todo unha gran mentira.
Sr. Miguez, abandoe toda a esperanza se confía nos canóns do Monte de San Pedro para darlle a algo adrede.
E, xa postos, reivindico o meu dereito inalienable a non saber andar en bicicleta. Como sigan así de plastas, véxome igoal de marxinado indo a pe ou en coche que como cando me deu por fumar un pitillo nun descanso dun cursiño para funcionarios que din o outro día…..
Marcos, poderiamos abrir un debate sobre ¿mentira e/ou burremia?
Falamos con Barreiro a ver se o metemos nos cursos da ‘win’. Despois podemos abrir un foro de sabios, seguido dun estudo de impacto, outro de viabilidade, un anteproxecto e un proxecto. Despois gardamos todo iso no caixón e os cartos no peto.
O do mérito diráo polas costas, porque ten razón Monca. Mira ti os finlandeses, etc. Todos monos cos seus traxes de executivos, os seus piercings e os seus pelos longos. Aquí estamos a anos luz, que digo anos, lustros…
Tranquilo, eSedidió, que eu de ciclista sonlle nobel. De momento, aínda me sinto máis identificado coa chea de pares de botas que lle levo gastado a suela (e non precisamente de facer sendeirismo), e as flamantes molladuras colaterais, que con xogarme a vida entre os demais vehículos con rodas. Pero nin nos meus mellores momentos atléticos se me ocurriu xamáis ir a pe de Redondela (zona fronteira con Mos) a Vigo (zona Travesía), como fixen esta mañán coa bici, por mor de unha pequena compra.
Sobre o debate mentira e/ou borremia, eu podo dicir que a segunda me produce grande fascinación, así que non serei parcial cando diga que esta é a principal causa da primeira, cando de política se trata. Certamente, outro debate sería discutir si os políticos minten (máis) por ignorantes ou por maleantes.