Dous asuntos arreguizan Galicia: O botellón chega a ser tema de preocupación para as máis altas instancias do país –aka Monte Pío- e está o asunto Yolanda-Aduaneiros.

Respecto do primeiro, xa comentei e xa comentarei. Respecto do segundo, debo ser dos poucos que falei coas partes interesadas, alomenos con dúas delas, e a reconstrucción dos feitos podía ser esta:

  1. Ós Aduaneiros, no seu desinteresado (ver punto 6.2 das conclusións) afán por poñer en solfa gráfica os aconteceres do país, pónlles o chamémoslle Paradoxo Castaño. Poñen maos á obra. Nace Tu quoque, ese clásico.
  2. Yolanda Castaño, que sabe perfectamente que a imaxe é parte da súa obra, mira o resultado e mesmo lle fai gracia. Incluso recoñece que a roupa do armario é a do seu fondo de armario.
  3. Pasa o tempo. Entre a chea de xente que visita Aduaneiros hai algún pajillero que outro.
  4. Pasa o tempo. A Yolanda non lle fan tanta gracia algúns comentarios. Ata que un día “pon o asunto en maos do seu avogado”, como se adoita decir. Todos temos malos días, pero afortunadamente, non todos temos avogados (porque, como as pistolas, se os tes podes acabalos usando).
  5. O avogado, cheo de razón coma todos, mándalle un email ó enderezo persoal do Aduaneiro de garda no que lle advirte que é avogado e que a súa representada está pero que moi disconforme coas súas actividades -coas do Aduaneiro, e máis ben con unha en concreto-
  6. Ó Aduaneiro, como a todo ser humano galego normal que recibe unha notificación dun avogado, trémanlle as pernas e pásalle toda a vida por diante en 20 segundos, searcheando que puido ter feito para desencadear isto.Chega á conclusión de chamar a un avogado -avogada- e que entre eles se entendan, e a cruzar os dedos e as dedas.
  7. Avogado e avogada quedan (pero non para ter avogaditos, como imaxinan os pajilleros). O avogado esixe a retirada dos comentarios e da gráfica. Segundo a súa representada, como postura inicial de negociación, é decir, punto de partida do releo feira de Monterroso style. Segundo o representado pola avogada, como condición sine qua non. Segundo a representada, o seu avogado queda á espera da resposta que lle dea á avogada o seu representado.
  8. O representado decide que para ter que andar collendo o pincel gráfico con papel de fumar, mellor pechar o chiringuito e que lle dean bertorella a todo, acabando polo país este (GZ, en concreto). A representada indígnase toda porque, na súa consideración, de víctima pasou a verdugo.
  9. O resto xa o están vendo

Por se lles interesan as conclusións, as que saquei son estas:

  1. Alguén como Yolanda (ver 1 da cronoloxía) debería asumir que algunhas das reaccións que suscita non lle van gustar. En caso de que non lle gusten nada, nada, ten dereito a tentar evitalas. En todo caso, non estaría de máis a reflexión do que teñen que aturar desde os políticos ata os deportistas ou mesmo compañeiros de profesión dela como Suso de Toro, ou Sánchez Dragó, por citar extremos, e sen que normalmente pase nada nin se alporicen nin publica nin xuidicialmente.
  2. Nesta parte do planeta, por moito anuncio de Legalitas que se escoite, acudir a un avogado sigue sendo un recurso extremo e último. Como antes ó médico (“púxose tan malismo que case chamamos ó médico”). Máxime cando o Aduaneiro dixo que estaba disposto a retirar os comentarios sen problema, e Yolanda asegura que tampouco faría pièce de résistance da retirada da ilustración.
  3. Se aduaneiros decidiu aproveitar unha advertencia/ameaza para pechar a web, como din algúns, están no seu perfecto dereito, e mesmo se o fixesen para relanzala noutra reencarnación. Criticalo sería como dicir que a Aznar veulle ben electoralmente o atentado no que case o matan, porque que se saiba non o provocou el, ou que a oposición a Fraga aproveitou o sinistro do Prestige.
  4. Procurando consideralo obxectivamente, Yolanda ten todo o dereito legal a reclamar contra a ilustración, e ningún lexítimo para que atendan a súa petición (ver 1). Si tería lexitimidade para que se suprimisen os comentarios que as dúas partes considerasen inxurioso. A partir de aí, os avogados.
  5. Como era de prever, e moito me estraña que non se prevera, o remedio foi peor ca enfermidade. (Eu souben agora que Tu quoque era un flash, unha animación na que podías intervir. O do armario da roupa pensaba que era un guiño máis).
  6. O cerne do asunto son tres:
    1. Que se debe poder poñer ou non. A libertade de crítica debe de ser total, coas contadas excepcións que pode imaxinar calquera con sentido común e no seu defecto, os tribunais e o seu ás veces peculiar sentido do que é xusto. Tanto para os autores como para os comentadores. A falsidade e a inxuria non son críticas admisibles, e quen abre a ventá para que se opine non debe admitilas, nin por acción nin por omisión. Que os orneos e o ácido sulfúrico constitúan o 90% dos comentarios na maioría das páxinas de ultradereita e o 50% noutras simplemente populares pode multiplicar as visitas, pero entre elas non está a miña. Pola mesma razón, a min non me tremaría o rato á hora de eliminar calquera comentario ofensivo, non para a miña vaidade, senón para a realidade dos feitos. Alguén pode exercer o sarcasmo sobre o abuso das subordinadas na miña escrita ou decir que estou feito un bocoi, pero non que recibo cartos para opinar a favor desto ou contra o outro. E hai páxinas que deixei de visitar, algunhas entre os links que mesmo recomendo, pola grande acollida que fan de acusacións gratuitas e mesmo imputacións de delicto, sen máis base que “teño escoitado que…” (Volvendo ó caso que nos ocupa, polo que recordo e vin na caché, quitado algún pajillero, os comentarios non eran especialmente agresivos).
    2. Que unha mostra clara de que esta sociedade é aínda moi precaria, pacata, pouco versátil e escasamente evolucionada é o feito de que un traballo como o de Aduaneiros siga sendo desinteresado, gratis et amore.
    3. Este rebumbio é unha mostra de que a cultura está viva, ou de nada?
Advertisements