Dous asuntos arreguizan Galicia: O botellón chega a ser tema de preocupación para as máis altas instancias do país –aka Monte Pío- e está o asunto Yolanda-Aduaneiros.
Respecto do primeiro, xa comentei e xa comentarei. Respecto do segundo, debo ser dos poucos que falei coas partes interesadas, alomenos con dúas delas, e a reconstrucción dos feitos podía ser esta:
- Ós Aduaneiros, no seu desinteresado (ver punto 6.2 das conclusións) afán por poñer en solfa gráfica os aconteceres do país, pónlles o chamémoslle Paradoxo Castaño. Poñen maos á obra. Nace Tu quoque, ese clásico.
- Yolanda Castaño, que sabe perfectamente que a imaxe é parte da súa obra, mira o resultado e mesmo lle fai gracia. Incluso recoñece que a roupa do armario é a do seu fondo de armario.
- Pasa o tempo. Entre a chea de xente que visita Aduaneiros hai algún pajillero que outro.
- Pasa o tempo. A Yolanda non lle fan tanta gracia algúns comentarios. Ata que un día “pon o asunto en maos do seu avogado”, como se adoita decir. Todos temos malos días, pero afortunadamente, non todos temos avogados (porque, como as pistolas, se os tes podes acabalos usando).
- O avogado, cheo de razón coma todos, mándalle un email ó enderezo persoal do Aduaneiro de garda no que lle advirte que é avogado e que a súa representada está pero que moi disconforme coas súas actividades -coas do Aduaneiro, e máis ben con unha en concreto-
- Ó Aduaneiro, como a todo ser humano galego normal que recibe unha notificación dun avogado, trémanlle as pernas e pásalle toda a vida por diante en 20 segundos, searcheando que puido ter feito para desencadear isto.Chega á conclusión de chamar a un avogado -avogada- e que entre eles se entendan, e a cruzar os dedos e as dedas.
- Avogado e avogada quedan (pero non para ter avogaditos, como imaxinan os pajilleros). O avogado esixe a retirada dos comentarios e da gráfica. Segundo a súa representada, como postura inicial de negociación, é decir, punto de partida do releo feira de Monterroso style. Segundo o representado pola avogada, como condición sine qua non. Segundo a representada, o seu avogado queda á espera da resposta que lle dea á avogada o seu representado.
- O representado decide que para ter que andar collendo o pincel gráfico con papel de fumar, mellor pechar o chiringuito e que lle dean bertorella a todo, acabando polo país este (GZ, en concreto). A representada indígnase toda porque, na súa consideración, de víctima pasou a verdugo.
- O resto xa o están vendo
Por se lles interesan as conclusións, as que saquei son estas:
- Alguén como Yolanda (ver 1 da cronoloxía) debería asumir que algunhas das reaccións que suscita non lle van gustar. En caso de que non lle gusten nada, nada, ten dereito a tentar evitalas. En todo caso, non estaría de máis a reflexión do que teñen que aturar desde os políticos ata os deportistas ou mesmo compañeiros de profesión dela como Suso de Toro, ou Sánchez Dragó, por citar extremos, e sen que normalmente pase nada nin se alporicen nin publica nin xuidicialmente.
- Nesta parte do planeta, por moito anuncio de Legalitas que se escoite, acudir a un avogado sigue sendo un recurso extremo e último. Como antes ó médico (“púxose tan malismo que case chamamos ó médico”). Máxime cando o Aduaneiro dixo que estaba disposto a retirar os comentarios sen problema, e Yolanda asegura que tampouco faría pièce de résistance da retirada da ilustración.
- Se aduaneiros decidiu aproveitar unha advertencia/ameaza para pechar a web, como din algúns, están no seu perfecto dereito, e mesmo se o fixesen para relanzala noutra reencarnación. Criticalo sería como dicir que a Aznar veulle ben electoralmente o atentado no que case o matan, porque que se saiba non o provocou el, ou que a oposición a Fraga aproveitou o sinistro do Prestige.
- Procurando consideralo obxectivamente, Yolanda ten todo o dereito legal a reclamar contra a ilustración, e ningún lexítimo para que atendan a súa petición (ver 1). Si tería lexitimidade para que se suprimisen os comentarios que as dúas partes considerasen inxurioso. A partir de aí, os avogados.
- Como era de prever, e moito me estraña que non se prevera, o remedio foi peor ca enfermidade. (Eu souben agora que Tu quoque era un flash, unha animación na que podías intervir. O do armario da roupa pensaba que era un guiño máis).
- O cerne do asunto son tres:
- Que se debe poder poñer ou non. A libertade de crítica debe de ser total, coas contadas excepcións que pode imaxinar calquera con sentido común e no seu defecto, os tribunais e o seu ás veces peculiar sentido do que é xusto. Tanto para os autores como para os comentadores. A falsidade e a inxuria non son críticas admisibles, e quen abre a ventá para que se opine non debe admitilas, nin por acción nin por omisión. Que os orneos e o ácido sulfúrico constitúan o 90% dos comentarios na maioría das páxinas de ultradereita e o 50% noutras simplemente populares pode multiplicar as visitas, pero entre elas non está a miña. Pola mesma razón, a min non me tremaría o rato á hora de eliminar calquera comentario ofensivo, non para a miña vaidade, senón para a realidade dos feitos. Alguén pode exercer o sarcasmo sobre o abuso das subordinadas na miña escrita ou decir que estou feito un bocoi, pero non que recibo cartos para opinar a favor desto ou contra o outro. E hai páxinas que deixei de visitar, algunhas entre os links que mesmo recomendo, pola grande acollida que fan de acusacións gratuitas e mesmo imputacións de delicto, sen máis base que “teño escoitado que…” (Volvendo ó caso que nos ocupa, polo que recordo e vin na caché, quitado algún pajillero, os comentarios non eran especialmente agresivos).
- Que unha mostra clara de que esta sociedade é aínda moi precaria, pacata, pouco versátil e escasamente evolucionada é o feito de que un traballo como o de Aduaneiros siga sendo desinteresado, gratis et amore.
- Este rebumbio é unha mostra de que a cultura está viva, ou de nada?
Chuzado.
O de ‘burra peideira’ non lle parece agresivo??
Eu o que boto é unha bagoiña polos aduaneiros que tan bos intres me reportaron…
Outro elemento para a análise pode ser o “factor pagerank (1)”, ou como o buscar periodicamente o nome dunha mesma en google pode levar a disgustos, como comprobar que o chiste de aduaneiros se vai colocando co tempo entre os primeiros postos. É a conclusión que extraio do terceiro parágrafo da carta do avogado (2), e a explicación aos sete meses que esperou a homenaxeada en pedir que se retirara a gráfica. Se esta estivese agachada no posto 50 de google (mirar máis de 5 páxinas de resultados de google que conteñan “yolanda castaño” xa non é curiosidade senón vicio) seguro que non pasaba nada.
(1) http://pt.wikipedia.org/wiki/PageRank
(2) http://www.aduaneirossemfronteiras.org/avogado.php
Senhor Pereiro, parece que neste tema pensamos similar.
Raxoi e o dia do orgullo espanol,Cecilia Sarkozy e a sua intimidade,Yolanda Castano e o seu honor…..Manda truco coa semana “informativa” que levamos.
Por certo,sabe alguen como vai Sargadelos?
Coa que se montou agora só falta que Edilberto lle dedique unha das súas tonadas ao affaire 1 desta semana, xa que ao affaire 1 que comentas xa lla dedicou: http://www.marcus.es/2007/10/macrobotellon/
A min, o que me define plenamente a persoaxe en cuestión é o feito de que a ilustración ata “lle fixera gracia” (gurú dixit, e gurú non minte). Á vista disto, francamente, calquera comentario ofensivo que se lle pudera facer en relación ca sua aterraxe na Galería Sargadelos entraría dentro da categoría “usos e costumes sanitarios”.
Retiro a miña antiga suxerencia de postular a Y.C. e Tonhito de Poi como candidatos a Reis de Galicia, e suxiro a unión Y.C.-Ramoncín para que intercambien babas, avogados e demais fluidos.
Aduaneiros forever.
Co seu bo siso de costume é loxico que concorde ó 99%.
Só discrepo para concordar con Cesare: o de burra peideira parecerá infantil mais a un xuiz abofé que lle parecería inxurioso e agresivo.
A ninguén lle gustaría que lle chamaran burra peideira, pero de aí a consideralo unha inxuria no comentario dunha web… Losada non matou a ninguén porque lle inzaran o seu lugar de traballo de fotocopias de caricaturas del masaxeando a Quintana, e coas siglas PP tatuadas nun brazo. É, como diría eu,… unha crítica máis invasiva?
Por certo, as razóns de Orsinia parecenme sumamente explicativas da tardanza na reacción.
Daquela -quod erat demostrandum e porque non se pode quedar ben con todo o mundo, sr. admirado Pereiro-:
a.-Yolanda Castaño ten razón e lexitimidade neste caso porque AsF non quitaron os insultos da web como medida cautelar, a ver que pasaba.
b.-AsF teñen todo o dereito e a lexitimidade para manter a páxina eliminando os comentarios. E sobre o de Losada, trátase dunha crítica política coa que ten que apandar. En cambio a crítica de Libertad Digital entra na órbita da difamación, presuntamente, e no terreo privado. Que é o que nos proe a todos.
Pero agora, en Vieiros, acaban de chamarlle prea, pero iso non foi o peor que temos visto estes meses. E o que di esa cousa de buscarse no Google, creo que é un argumento un pouco infantil. Se a un o acusan de asasinato na entrada 123.455, debería ignoralo? El seguramente non.
Estamos considerando que inxurioso/insulto é unha categoría pechada e obxectiva, e non o é. O inxuriado/insultado ten sen dúbida un criterio máis amplo do que a maioría do resto dos mortais. A crítica a Losada era sindical (da CIG, en concreto) e non sei porque os políticos teñen que aturalas e o resto das personaxes públicas non. E sobre quitar e letra e deixar a música, eu sei o que me dixo Yolanda, pero o que esixiu o seu avogado, segundo o comunicado de AsF, de forma terminante e nun prazo de sete días, non sei se botando un farol en plan regateo feirante, foi retirar a canción toda.
Propoño un HAI DEBATE monográfico xa!
O que me dixo Yolanda… ¿esto non é periodismo pericardíaco?
O periodismo, alomenos antes, consistía en preguntarlle a xente directamente implicada polas cousas… ou é exceso de confianza o ‘Yolanda’ a secas?
Diiiigo, dicíaaa, que Losada, igual que YC, ten que aguantar críticas políticas coma todo dios, pero non, se non quere, inxurias persoais. Penso que o sentido común nos di que, por exemplo, chamar “chupap*****” a Antón Losada, a ti, a min ou a calquera persoa é unha inxuria, non?
Si, precisamente por iso non convén amplificalas. Sufrilas en silencio no momento pode ser jodido, pero á larga resulta moito máis eficaz.
Polo demais: Partimos da base de que todo o mundo ten o dereito e lexitimidade para usar as armas que máis a man teña co fin de defenderse, sexan estas o peche dun blog, un comunicado de prensa ou o mesmísimo Rodíguez Menéndez (eu son máis fan de Trillo-Figueroa, pero pra gustos). E, coas armas despregadas, que actúe o xuíz-xuíz ou o xuíz-público ou os dous. A estas alturas, e agardando polo comunicado que saque mañá Yolanda (segundo anucia Vieiros), dubido que teña nada que facer un xuíz. E no xuízo público xa está claro quen gañou e quen perdeu: a que tiña máis que perder. Os outros seguro que están a escachar da risa, e ese é outro lexítimo dereito.
O que tamén é lexitimísimo é o dereito a arrepentirse, que seguro que ela xa está exercendo. Queda por ver se o fará publicamente, se recoñece que se meteu nun berenxenal absurdo sen pensar nas consecuencias. Admitir a derrota, coa deportividade e bo rollo que a caracteriza, sería a única maneira de saír airosa deste asunto.
nonhomenon, periodísticamente impecable, pero e que esa forma de introducir a cita recordoume ao estilo de Maria Patiño, salvando as distancias, claro 😉
Si, home Vamosverhó, ese é un insulto, (e así entre nós, a min incluso pódemo chamar si lle produce algunha satisfacción, mentres non se regodee e me pille de boas), pero non estamos a falar de palabras soeces e malsoantes, senón doutro tipo de inxurias que son as que se deberían coutar
“Que os orneos e o ácido sulfúrico constitúan o 90% dos comentarios na maioría das páxinas de ultradereita e o 50% noutras …”
Que gran frase e cantas verdades xuntas. Aínda me rin un cacho. Esperemos que naide te reclame xudicialmente!!
Ata do malo hai que sacar proveito. E compartindo con moitos que Yolanda Castaño pasouse catro ruas algo bo tivo: poder coñecer moitos foros e blogs onde a cultura galega esta moi viva. Crazas
Eu respondo a última pregunta: Isto non demostra que a cultura estea viva, máis ben non demostra nada, ou como moito que os que andan vivos son os avogados.
Isto non demostra que a cultura galega está viva. Demostra que o lercheo galego está máis vivo ca nunca. Demostra que YC non ten nin idea de marketing (aínda que ela crea que si). Demostra que os Aduaneiros son máis listos e aproveitados do que parecían a simple vista. Demostra que o blogueirismo é unha enfermidade viral -e corporativista- coma outra calquera. Demostra que o vitimismo segue a funcionar como estratexia. Demostra que os blogueiros cren que son os gardiáns da liberdade de expresión.
Por serto, Sr. sHs, se aínda está interesado a xogar aos vestiditos con Yoli, a animación segue a funcionar en http://astuasbalas.com/2007/10/16/gila/
Sei que traballa unha enormidade, Mr. eSedidió, pero aquí tamén. No post anterior, en concreto.
Ahhh… síntoo, pero leera nalgures que non chegara vostede a tempo de ver a animación
Non me dera de conta, ata agora que a usei. Collina de astuasbalas, por certo
“Demostra que os blogueiros cren que son os gardiáns da liberdade de expresión.”
E os comenteiros os gardiáns da moral e do espírito crítico.
o realmente delictivo en todo este asunto é a web da yolanda castaño, que, por certo, gracias a toda a polémica debe ter o contador de visitas botando fume
creo que foches dos poucos na rede que logrou analizar todo o asunto cun pouco de cabeciña. grazas por sorprenderme sempre, por sorrir sempre tamén nesas noites de hai debate, inda tendo os impresentables maiores diante, sempre tes un sorriso. agradécese. qué será de nós sen o humor… líbranos, señor.
Artigo en EL PAIS sobre os insultos en Internet e as decisións xudiciais e de blogueiros sobre o particular. Chama a atención o caso dun xuíz ó que lle houbo que explicar o que era un blog
non, de ningún modo, señor pereiro. de ningún modo quere isto dicir que a cultura galega está viva. fose así, estariamos todos ocupándonos do novo libro de, do último espectáculo de, do último disco de.
e, coido, o nivel do debate (salvadas honrosas excepcións) fraco favor lle fai á cultura do país.
Pingback: O mundo desde un chimpín » TU QUOQUE IOLANDA? (OU POLA LIBERDADE DE EXPRESIÓN IV)