“A las H horas del día D, cuando una patrulla realizaba labores propias de prevención de la delincuencia por X, a la altura del número Y, observan que un individuo que portaba una mochila y una bolsa de plástico se introduce en un local de las inmediaciones y ofrece a los clientes de la cervecería los objetos que llevaba en la bolsa. Por ello, los policías detienen el vehículo y se dirigen hacia el local, momento en el que el individuo al darse cuenta de la presencia policial se encierra en el servicio de señoras. Los agentes intentan convencerlo para que salga, si bien cuando el individuo intenta salir la puerta no abría, por lo que la propietaria del local tuvo que llamar a un cerrajero. Finalmente, el individuo, P.N., de 21 años de edad y nacionalidad senegalesa, fue detenido y trasladado a…”

         Este comunicado policial de hai poucos días é un perfecto retrato dunha situación, e que por ningunha parte se mencionen as causas da detención completa o cadro. Non fai falta porque se dá por suposto que o que ofrecía ós clientes do establecemento é o que chaman creacións artísticas audiovisuais, nunha  interesada confusión entre continente e contido (porque o que é ser, son copias ilegais de productos industriais). O delicto que lle imputarán a P.N é contra a propiedade intelectual, cando o correcto sería chamarlle contra a propiedade industrial ou empresarial. Ignoro canto lle pode caer ó perigoso delincuente que nunha mestura de forza física e pánico estragou o pecho do WC (o de señoras ademais, elección que non se sabe se atribuír ó pánico ou a que era o que estaba libre). Non tanto como a nai solteira norteamericana (pero de raza aproximada á de P.N.) condenada por un xuiz de Minnesota a indemnizar ás grandes discográficas con 156.000 euros por ter compartido 24 cancións por internet (millón e pico de pesetas por peza. Esas son cousas dos tribunais norteamericanos.

         Os tribunais de aquí (en concreto o Supremo, que xa hai que telo ben claro para chamarse así) metéronlle a mesma multa a tres veciños do barrio compostelán d’O Eixo declarados culpables de ter agredido a un policía en 1989, nunha protesta contra a inseguridade vial que rematou en batalla campal. O problema é que, a maiores dos 156.000 euros, caeron sete anos de prisión que terán que comezar a contar a fin deste mes, porque lles negou o indulto o mesmo goberno que indultou ós policías locais de Vigo condenados por torturas. Pero non soamente está mal visto xudicialmente andar a malas coas autoridades. Tres anos de cárcere pediu o fiscal para un por mangar un paquete de pilas nun supermercado coruñés e porque, ó escapar, deulle unha patada á caixeira que o colleu. E nin siquera hai que ter contacto físico coas víctimas para apañar unha condena exemplar, como saben os rapaces cataláns ós que lle piden ano e pico por queimar fotos do rei, e que pensaban que así mostraban a súa disconformidade co sistema político vixente, ignorantes de que os tabús non son privativos das sociedades atrasadas.

         Curiosamente, unha actividade como a daqueles concelleiros de Gondomar, que esixiron un millóns de euros a un constructor por deixarlle facer uns chalés que tiña dereito a facer, non soamente é extorsión como podería parecer, senón simplemente cohecho: inhabilitación de seis meses a tres anos, e nada de prisión. E iso que os detiveron nun cuarto de baño, como ó senegalés. Supoño que os que dictan ou piden esas penas, aínda que nalgúns casos actúen como si viviran noutro planeta ou fosen unha especie viva distinta dos seus clientes, atéñense á letra da lei. Pois habería que ilas cambiando para que non pase o que denunciaba Gandhi, que a xustiza é como as cobras, que soamente pica ós que van descalzos.

 (FARO DE VIGO, domingo, 21 de outubro de 07)

Advertisements