Había tempo en que no se vía unha mostra tan patente do ruín que pode chegar a ser o animal humano. Quitado os que veñan de facer unha marea no Índico ou se acaben de recuperar felizmente dun estado de coma, saberán que me estou a referir a esa famosa gravación do cercanías catalán no que un energúmeno a emprende cunha rapaza porque lle petou, porque o mirou, porque era inmigrante, ou nena, ou por todo á vez. Falo de ruín e non de maldade ou de crueldade, porque ata para facer mal hai que saber e poder. E falo do que produciu a gravación, e non soamente do feito gravado, porque tan miserable foi o que pasou como o que está pasando.

Foi ruín o que pasou, foi ruín que ninguén lle acudira e que ata tivera que ser ela mesma, espantando o terror, a que chamou á policía. Foi ruín que durante case un mes non pasara nada, e agora, cando alguén filtrou o video dos feitos, pase de todo: intervén a goberno ecuatoriano, intervén o Gobierno de España, alporízanse as boas almas e aféitanse para arriba as malas, e todo pichichi dá unha rolda de prensa ou concede unha entrevista, incluídos o agresor e a agredida. El recibe no bar do barrio e ten os seus minutos de gloria, e alguén debe esta pensando si sería correcto levalo a un plató a que conte o que a xente así chama “su verdad” (de momento, o individuo xa pide 2.000 euros por entrevista sen moverse do bar). Os amigos –demostrando que non importa quen os críe, eles xúntanse- declaran cousas, no máis suave dos casos, como “¿racista?, pero si ni siquiera sabe quien es Hitler” (como se odiar ós que non son coma ti fose un exercicio intelectual e non un instinto máis que primario). Ela ten que entrar a declarar tan acosada polo afecto mediático como Lady Di.

Imaxino que o próximo en dar unha rolda de prensa ou un comunicado vai ser o xuíz, explicando á opinión pública indignada por que non meteu no caldeiro ó tarado, mentres cruza os dedos a ver en que acaba a inspección que lle abriu o Consejo General del Poder Judicial (CGPJ). Eu del estaría tranquilo, porque en casos semellantes non pasou nada. En cinco minutos, en internet saen unha chea de casos similares, con resultados ben máis graves, nos que os agresores quedaron en liberdade con cargos, ou quedou todo en nada. O caso máis tráxico pasou en Madrid. Un congoleño de 42 anos, economista e tradutor, non pode mover outra cousa que a boca a consecuencia dunha malleira que lle deu un tipo perfectamente identificado. Foi en febreiro, e cando o hospital remitiu o parte da UCI ó xulgado, este abriu dilixencias, nin avisou ó fiscal nin interrogou á víctima e impúxolle ó agresor pasar por comisaría cada 15 días. O fiscal soubo do caso sete meses despois, por unha carta ó periódico. Ignoro se hai inspección do CGPJ e por que non interveu ningunha autoridade política. Esta é unha pregunta retórica. Todos sabemos por que non pasou nada, e porque o drama do congoleño nin lles soa: porque non había vídeo.

E logo hai queixas de que a xudicatura ou a clase política están moi afastados da realidade e non conectan co sentir da xente normal. Ata para eles o que non é youtubeable, non existe.

(FARO DE VIGO, 28 de outubro de 07)

Advertisements