Houbo un tempo, quizais o acorden algúns, en que non había enquisas nin estudios estatísticos. Supoño que daquela tiñamos que intuír como eramos, e non como agora, que sabemos todo de como somos por xunto. Desde aquel sorprendente e pioneiro cálculo de canta vida se acurtaba con cada pito que se fumaba, ata agora, que se sabe o que imos durar se non usamos o móbil mentres conducimos, e a que dedicamos o tempo libre do que nos queda.

Non me refiro a esas enquisas que dependen da apreciación subxectiva da xente, esas sondaxes-ficción sobre os hábitos sexuais que máis ben reflicten a capacidade de autoengano. Falo das serias. As estatísticas aseguran, por exemplo, que a esperanza de vida dos galegos subiu (en realidade gracias ás galegas, que son as que duran e fan medrar a media) dos 75,23 anos en 1981 ós 80,44 no 2005, pasando de palmar antes da media española a durar algo máis. Claro que sabelo non sirve para moito máis que para as autoridades boten contas dos cartos que nos teñen que sacar a maiores porque nos terán que asistir máis tempo e a máis. Para a xente, que nos sintamos estafados se non chegamos a cumprir os 80 anos e cinco meses que nos corresponden, ou parvamente mellorados se os sobrepasamos. Hai outras conclusións dadas a coñecer estes días que ignoro de onde saen, e non porque sospeite que se obteñen por métodos pouco científicos. A de que se a xente non falara polo móbil habería un 7% menos de mortos en accidentes. Digo eu que se calculou contando os que chocaron por ir falando polo aparato, se é que hai forma de sabelo, pero ¿esa xente non se tería matado antes de que se inventaran os móbiles, ou é que son de distraer fácil e despistaríanse con outra cousa? Sobre as tamén cuantificadas consecuencias de fumar na conducción, eu coñezo un caso paradigmático: o dun sindicalista coñecido meu que ía en moto no verán, e metéuselle por dentro da camisa a cabicha do puro que botou pola ventá o conductor dun mercedes que ía diante (simbólico, ¿non?).
E logo están os estudios que parecen tirar conclusións normais, pero que mirados polo outro lado, non deixan de ser sorprendentes. Por exemplo, normal é que o 78% por cento dos españois acrediten na autoría islamita dos atentados do 11M, pero ¿a quen lle pode botar a culpa o 22% restante? Ou esoutra da Fundación Bertelsmann, que asegura que o 83% dos españois se identifican moito ou bastante con España, cifra que baixa ó 77,3% dos galegos. O raro é que haxa un 17% dos españois e un 22,7 dos galegos que resistan a competencia entre PP, PSOE e mesmo Fernando Alonso a ver quen patriotea máis. Ou os hábitos de consumo cultural detectados polo Instituto Galego de Estatística, que deseñan un perfil do cidadán de aquí que é o que menos ve a tele (media hora menos ó día ca media española), o 58% non lee nin un libro ó ano (o resto, polo menos un, claro) o 36% non vai ó cine porque non lle peta, aínda que o teña cerca, porcentaxe que sube ó 47% no caso do teatro. E curiosamente un 44% considérase deportista habitual (supoño que andar de chandal ou cargar pesos vale como práctica deportiva). Un perfil que non é para tirar foguetes pero é o previsible. O estraño é a letra pequena: os ourensáns que aseguran non asistir ós espectáculos (sexan concertos ou coches de choque) porque non os teñen preto superan en dez ou vinte puntos ós lucenses e case dobran a coruñeses e pontevedreses. En Lugo hai un seguimento das revistas do corazón, de motor e de cine que en ocasións é o dobre dos seguintes clasificados.
Con todos estes misterios estatísticos, poñerse a debullar se os mozos que emigran son estudiados ou non, ou se veñen mais dos que se van parece case metafísico. E de todas estas cousas, é o que nos interesaría saber de verdade.

FARO DE VIGO, luns 12 de novembro de 2007

Advertisements