Estes días, non sei se pola proximidade do Nadal e os seus efectos sobre a irmandade entre o xénero humano, non hai máis que homenaxes, distincións, recoñecementos e galardóns, impostos e recibidos en incontables actos e galas, polo menos por onde eu vivo. Todos merecidos, non digo que non. Pero igual que se sancionan os méritos, deberíanse sancionar os deméritos, sobre todo os evidentes. Demos chegado a ser unha sociedade do benestar e asistencial, pero máis ben na dirección equivocada. Aquí quen estea arriba non se equivoca nunca, e nunca pasa nada anque se equivoque.

Temos o caso do home que morreu nas obras do porto exterior de Punta Langosteira, na Coruña, cando se lle foi o camión cara atrás ó revolver nunha pista de terra. É o cuarto en pouco máis de dous anos. O primeiro faleceu nun accidente exactamente igual, e os outros dous, levados por un golpe de mar que non estaba previsto nos plans de seguridade (nin o golpe, nin siquera o mar). Unha porcentaxe de accidentalidade que desbota a mala sorte e a casualidade. É máis, ó día seguinte o comité de empresa denunciaba que a zona do suceso non estaba iluminada, e o borde da pista pola que se foi o volquete non tiña máis sinalización ou protección ca unhas pedras. Xa tiñan avisado das carencias de seguridade á inspección de traballo en setembro, e tamén de que as empresas subcontratadas pasaban de calquera plan que non fose adiantar o traballo o máis posible, xornadas de máis de dez horas incluídas. Pola tarde, a inspección de traballo invocaba exactamente o mesmo para pechar esa zona ata que se remediasen as carencias.

Traballo fai estes días unha publicidade moi enrollada contra a Lei de Murphy, esa que di que se as cousas poden ir mal, irán mal, e a torrada sempre cae do lado untado. Murphy non ten culpa nin do da torrada (á torrada pásalle iso por unha lei distinta, a da gravidade, xa que a cara da manteiga pesa máis, e non cae sempre dese lado porque inflúe ó parecer o alabeado que se lle fai ó pan ó untalo) nin moito menos dos accidentes. Dos accidentes teñen culpa os que non toman precaucións (traballadores e empresarios) e quen non vela por que se tomen (empresarios, sindicatos e administración). Se é certo que se denunciaron as condicións de falta de seguridade hai dous meses, e se tamén o é que houbo trece inspeccións en dous anos, non tería alguén que asumir responsabilidades por falta de eficacia? A razón de que sigan os mesmos encargados de seguridade na obra é que non os hai mellores ou calquera outra? E estamos falando dunha obra pública, contratada por un organismo público a empresas de enorme prestixio e beneficios acordes. Isto recórdame a un xefe que tiven, que se foi dirixir unha cadea de televisión privada. A cousa foi mal, e os novos propietarios desfixéronse de 200 e pico traballadores, que tiveron que reclamar a maxistratura, pero ó responsable da xestión indemnizárono con 6 millóns de euros.

Antes, desafortunadamente, a sociedade non era asistencial, pero en compensación a xente tiña máis dignidade. A compañía Paent, Schaken, Howell & Caillet, que construíu o viaducto do ferrocarril de Redondela en 1883 parece que non chegou a cobralo e ó seu autor, Pedro Floriani, dixéronlle que non chegaría a funcionar por falta de seguridade. Tentou suicidarse tirándose desde o propio viaducto, pero resultou ser mellor enxeñeiro que suicida. Quedou inválido pero chegou a ver como pasaban os trens pola súa obra. O que non sei e se a cobrou, pero paréceme que as empresas eran por un xeito antes e agora.

(FARO DE VIGO, luns, 3 de decembro de 2007)

Advertisements