Xa está argallada outra montaña a conta dun grao de area. A area foi a petición de que se poidan ver en Galicia –e onde haxa demanda transfronteiriza, supoño- as cadeas portuguesas que fixo o congresista do BNG Paco Rodríguez. A de cal foi a que montou Mariano Rajoy a conta da resposta educada e sen compromiso que deu Zapatero, ó que lle botou en cara que o que tiña que asegurar en Galicia era que os nenos aprenderan castelán. Ignoro desde cando Rajoy non pisa aquí unha escola ou fala cun neno (desde logo, se falan mal o castelán non é porque falen ben galego) pero xente que na súa vida fixo nin unha cousa nin outra xa levantaron unha montaña se-rompe-españa. E todo pola tele, esa cousa.

Entre outras cousas, xa se escoitan as radios sen que pase nada, e xa que están, poderíanse ter preocupado de que chamar co móbil de Arbo a Salvaterra pode ser chamada internacional se tes o aparato en rede automática. Ademais, nestes tempos, poñerlle portas á tele, sexa para abrirllas ou para pecharllas, non deixa de ser inxenuo, por moito que aínda non se deran conta en sitios como Irán, onde o que non chega polas parabólicas prohibidas chega por internet, ou Valencia, onde pecharon un repetidor para que os inocentes cidadáns non estean expostos ás perniciosas ondas de TV3. Pero non sei se paga a pena. Non digo que non vaia ser positivo poder captar as canles portuguesas e afacernos a escoitar esa variante do noso idioma de fonética barroca e pronuncia escorregadiza, inzada de galicismos. Pero o que é ver, non hai moito distinto que ver. A oferta de prime time da RTP1 deste venres consistía en Sabe mais do que um miúdo de 10 anos? e Operação Triunfo, e pola grella andan O preço certo, Lingo (é de esperar que sen Ramoncín, oxalá con Rui Veloso) e, un tras do outro, dous programas con nomes que encollen o ánimo, como Portugal no Coração e Portugal em Directo . Nas privadas tampouco parece triunfar a orixinalidade, e mesmo o segundo prime time da SIC ofrece unha cadencia inquietante: 23:40 Resistirei; 00:40 CSI Miami; 01:35 Socorro. Con todo, pagaría a pena que Zapatero se enrollara e así poder ver Gato fedorento, serie de humor que en principio promete.

E sobre todo, como dicían as señoras de antes, para que ir buscar fóra o que hai na casa. R, o operador galego de cabo acaba de meter no seu paquete televisivo Destino Galicia, IntereconomíaTV e Popular TV. Destino Galicia é esa canle temática sobre Galicia (como terán adiviñado) promovida por Michel Salgado e que fala de paisaxes, gastronomía e festas, con programas como La Nueva Lareira. Debe ser semellante a Cromos de Portugal, da RTP1. IntereconomíaTV tampouco garda secretos sobre os contidos, e os nomes dos programas son dunha imaxinación e unha sinceridade que esmagan: Capital la bolsa y la vida, Negocio, La llave, Esto es vida, El parqué, Al portador, Empresarios S XXI, Nada partidarios e El gato al agua (non crean, tamén hai Noche de cine). As opcións en Popular TV, a versión televisiva da COPE son claras como a auga: Palabra de vida, Con la vida en los talones, Libros con fe, Ángelus y Santa Misa. Aínda que tamén hai sorpresas como La noche de… Jaime Peñafiel (que sen embargo se emite ás 13,55), ou a teleserie Juanita la soltera (“Ella es heredera de una fortuna. Él, un galán en bancarrota”). A cadea catódica-católica non escapa á moda e ten un Vaticano Directo, (¿inspirado de verdade en España directo?).

Pero así é todo, a Mariano Rajoy e ós indignados de garda escapóuselles un argumento para estar a favor da entrada das cadeas portuguesas: gracias a que botan as películas subtituladas e non dobradas, a maiores aprenderiamos inglés.

(FARO DE VIGO, luns 17 de decembro de 07)

Advertisements