Cando á xente se lle meta na cabeza ser tradicional, non hai que os mova da burra, como evidencian estas tradicionais festas de Nadal que a estas horas están dando as boqueadas. Se unhas tradicións van a menos, érguense outras en menos tempo que unha urbanización en primeira liña de praia. E tanto ten a certeza ou non da súa orixe.


Todos os pagáns de antes, desde os seguidores do culto persa-romano de Mitra ata os do deus xermánico Frey, celebraban a finais de decembro os ritos do nacemento do sol. Os romanos xa dedicaban estas datas ás paparotas, a facerse regalos entre os amigos e a ter tanto espírito navideño que ata ceibaban –temporalmente- ós escravos. Tanto tirón popular tiñan os festexos que a Igrexa Católica decidiu aproveitalos trasladando ó 25 o nacemento de Cristo, que antes viñan calculando que era por marzo. Que se coñeza que non naceu en Belén, senón en Nazaret, non impide que se manteña a tradición do belén. Que o Papa Benedicto considere que no belén nada de mula nin de boi nin de pastores non quita que se sigan poñendo de todo, lavandeiras e mercaderes incluídos, unha poboación enteira tipo Second Life.

Hai tanto empeño en ser usuarios de tradicións que xa están aí as de recambio, xurdidas hai nada de non se sabe ónde e xa consolidadas. Porque, quen sabe de onde naceu o costume de poñer a Papá Noel/Santa Claus gabeando polos balcóns e ventás? Foron os chinos (os dos bazares)? Pepe Blanco ou Gaspar Llamazares para amolar á Conferencia Episcopal? Pois aí están, por todas partes (os santaclaus, refírome), pendurados dunha corda (no oco da miña escaleira hai un, como descubrín un día que subía sen prender a luz, e espertei a medio edificio co berro que dei), sen estar anunciados en televisión nin nada. Como o das felicitacións por sms. O ser humano, no fondo, é felicitón de seu, pero o tempo que leva escoller cristhmas (chamábanlle así, non?) e mandalos por correo é un luxo que soamente se poden permitir as empresas. Entre as mensaxes de móbiles que recibín este año, están as clásicas (“Q stas festas nos animen a soñar nun mundo + xusto e solidario”, “Felicidade para ti e para e os teus”, “Mucha salud y república”) e as súas variantes (“Q nunca tñas que pensar q algún tempo pasado foi mellor”). As canallas (“Felices sales de frutas”, “Flizs fiestas y flizs resacas”) e as ocurrentes (“Matamonos a comprar, padecemos as familias, temos q ser enxeños coas sms… E sobrevivimos! ¿qn di q o Nadal non é maxico?”, “Q teñas unha felisidade tan jrande, tan jrande… Q dijas ¡carallo! Que felisidade tan jrande teño!”). As personalizadas (“Cien años de felicidad”, con foto do felicitante en compaña de García Márquez), as poéticas (“Moi ben capeas o vento miña lanchiña de vela”) e as irónicas (“Live long and prosper”, que era o que dicía o Míster Spock de Star Trek). Mesmo as equivocadas de destinatario, supoño (“Aunque aqui sean las 17:00 nos tomaremos las uvas como buenos españoles y brindaremos en la playita!!! Ramon y Tere”).

Tan tradicionaleiros somos que moita análise da auxe de Papá Noel en detrimento dos Reis Magos, moito lamento da perda do propio (que é o propio, logo destes mareos?), e xa verán como hoxe as cabalgatas son un abarrote.

(LA OPINIÓN/FARO DE VIGO, sábado, 5 de xaneiro de 08)

Advertisements