Posiblemente algúns de vostedes sexan dos que están máis que fartos da chea de promesas electorais que arroian con vigor primaveral. Outros, pola contra, serán deses que aprecian o espectáculo en todo o seu esplendor, como quen goza a cuberto do aparato eléctrico das tormentas de verán. Non poucos serán dos que agardan, medio interesados, medio resignados, a que escampe. En calquera dos casos, todos agradecerán unha pequena guía das promesas, para saber a que aterse.
Hai catro anos había un enfrontamento ideolóxico e de grandes valores: a Guerra/ a Paz / que se vaia este tipo pordiós / non pares, sigue, sigue, etc/. Agora, a cousa parécese máis á guerra das operadoras de telefonía móbil, máis centradas en apañar clientes alleos que en dar un bo servicio ós propios. Así que estamos de cheo na etapa das tres G: as Grandes Gangas Globais: Ímoslle baixar os impostos a todos, e como mostra metemos a un rico despiadado para que vaia de ministro de Economía, din en Marianoestar. Eu doulles indiscriminadamente e a feito 400 euros en chamadas ós que se apunten, sexan de tarxeta ou de contrato, contraataca Zetafone. Logo están as medidas directamente pensadas como OPA Para Electorados Rivais, OPER. Un exemplo claro son eses 5.000 millóns de euros que Zetafone promete meter en mellorar o transporte de cercanías de Madrid, lugar de voto conservador e necesitado de infraestruturas onde os haxa, sobre todo despois do gasto que fixo o Estado na T4 de Barajas. Ós que agardamos a mellora das lonxanías, de momento aplícasenos o regulamento licitante.
Tanto as GGG como as OPER son compatibles, mesmo complementarias cos PDQAI : Os Pequenos Detalles Que Algo Importan. Por exemplo, a promesa dos socialistas valencianos de reducir o IVE dos condóns do actual 7% a un 4%. Cun prezo medio de 1€ por unidade, e cunha estimación de consumo poñamos que xenerosa de un diario, resultan 365 euros anuais en preservativos, e un aforro de 11 euros ó ano, que xa dan para unha copecha, (sempre e cando, ademais dese ritmo diario por parte do elector, os socialistas de Valencia dean convencido á Comisión Europea, porque o imposto esta suxeito á normativa comunitaria). A maiores desas ofertas das compañías maioritarias, están as das minoritarias ou de solidariedade recíproca: Apóianos E Apoiarémoste Polo Teu Ben (AEAPTB): Se te animas, habemos ter forza en Madrid, que é onde se cocen as cousas como as tarifas e as infraestruturas para que haxa mellor cobertura. E as que non son directamente político-comerciais, pero hai tempo que van ó fondo do asunto: as Ofertas Que Non Se Poden Rexeitar que fan os bispos: ou votas a quen debes ou vas ó inferno de cabeza.
Con todo, como pasa sempre coa publicidade, bótase de menos que as campañas de propaganda non vaian á raíz das cousas e non falen claro. Por exemplo, que Marianostar non ofreza volver á situación fiscal de cando España era unha nación de orde e cadaquén –quitado asalariados con nómina- pagaba o que lle parecía e tiña a ben. Se hai déficit porque o celo patriótico do español non inclúe o aspecto fiscal, alúganselle as Baleares ós alemáns ou as Canarias ós ingleses, e poténciase a construción residencial veraniega na liña de costa ata Mondoñedo polo Cantábrico e ata Santa Comba e Forcarei polo Atlántico. Será por falta de emprendedores. Ou que Zatafone oferte repartir o superávit das contas públicas a pachas entre todos, mentres dure, e logo malo será que tanto karma positivo non se traduza noutra boa racha da economía.
Todas estas cousas non distraen dos recibos da hipoteca ou da luz, pero é máis barato e máis divertido que ir ó cine ou aboarse a unha canle de pago.
(FARO DE VIGO, 4 de febreiro de 2008)
Non hai parábola mellor. Qué opinas de Yoigazares? Ou é unha empresa con tan pouco mercado que non merece ser comentada? 🙂
Eiquí moito non, a verdade. De feito tampouco incidin moito en Anxo Quintobama, porque a poxa de ofertas é cousa de dous. O de Yoigazares está ben, porque Ameno non é, desde logo, e máis que Orange sería Mandarina.
hhahaha, que chispa.
Pois si,uns repugnantes estes políticos.
E unha persoa como vostede,sempre nas listas dos máis influíntes do país(galego),coido que debería falar das primarias americanas.Seguro que co seu apoio Obama arrasa…
Xa falei por un tubo onte martes na tertulia da Radio Galega. E levo tempo decindo que por que non podemos votar, cando a presidencia USA aféctanos posiblemente máis que, por exemplo, cámaras como o Parlamento Europeo, onde si se require o noso voto.
lol lol lol lol…
😀
Mea culpa,mea culpa! O noso párroco falando urbi et orbe e eu,coma sempre,nas berzas.Non esperaba menos da vocación global de sHs(agora que xa non hai vocacións das de antes)
Mais non me retruque de xeito euroescéptico que o ano que ven temos as europeas e o Parlamento Europeo,o pobriño,non ten a culpa de que nós escollamos o material humano que escollemos.
Non son euroescéptico, pero como me dixo Fernando Morán, daquela ministro de Exteriores, unha vez que o entrevistei, “probablemente a Unión Europea non cumpriría os criterios democráticos necesarios para entrar na Unión Europea”. É decir: máis Parlamento, please.
Sí, sí, eso, máis Parlamento na U.E., que mentres tanto as listas dos partidos aquí seguen a ser confeccionadas polos conselleiros-delegados de Marianoestar e Zapafone, con grande aparato de caderniños azuis e recompensa ás cualidades que marcan tendencia, como a fidelidade canina e/ou a capacidade succionatoria, por exemplo. E cuidadín, que o que se mova non sae na foto. Non sei vós, pero estou tentado de facer como o cienciólogo Cruise e outros ricachos e poñerme a facer ostentación de non andar co móbil no peto, que eso é para a chusma que ten que dar explicacións de onde está, con quén e qué fai. Así estarei ilocalizable, apagado ou fora de cobertura para todos eles… Claro que, ben pensado… igual eso supón voltar ós tempos aqueles en que para ter teléfono (fixo) tiñas que chamar a Telefónica de Essssssspaña e esperar meses ou anos a que se dignaran a facerche o favor de pasar pola túa casa e tender o cablerío aquel na túa saliña… E que xa non sabe un!
Ah, pero vostedes votan? Eu é que sempre me esquenzo o móbil na casa….
Non falamos de Gran Hermano, eSe.
AILALELO