As campañas electorais, como calquera proceso de intensidade media-alta (parir, ingresar en prisión, divorciarse, facer un mesmo a declaración da renda) supoñen indefectiblemente unha transformación no suxeito paciente procesado. Houbo, por exemplo, quen rematou a campaña autoconvencido do que proclamaba, e quen a acabou sendo incapaz de votar por si mesmo. Eu estou preocupado pola influencia que actual precampaña pode obrar na persoa de Mariano Rajoy, que sempre foi un cabaleiro, pero agora parece a punto de perder o xinete.
Xa percibira síntomas, pero o do contrato ese para inmigrantes foi o sinal de alarma. En principio, nada máis lóxico que un rexistrador da propiedade sexa favorable á sinatura de acordos en papel timbrado, e tamén é coherente que un líder conservador europeo copie iniciativas doutro líder conservador europeo como Sarkozy. Pero as circunstancias son ben distintas. Non sei como serán os rexistradores da propiedade en Francia, ou se é que os hai, pero Sarkozy é un especialista en dar respostas efectistas e mediáticas a problemas reais, non en inventar problemas para encher buracos de atención nos medios. Ou para resumilo, en Francia prohibiron o velo islámico logo dun debate intenso, pero non había nin símbolos católicos en edificios oficiais.
E desde logo non lle vou a discutir de contratos a un rexistrador da propiedade, pero penso que é esencial deixar ben clariño o contido. O de respectar “las costumbres de los españoles” que así, en abstracto, tan ben queda, ¿en que se concreta? Ser devoto da tortilla de patacas?, criticar acedamente a Luis Aragonés porque non leva a Raúl á selección? poder beber ata caer de cu no medio da calzada ou berrar a todo meter se o teu equipo acada algún título ou son festas patronais/tradicionais? Os costumes teñen que ser as de toda a vida, tirando a rancias (as corridas de touros), ou valen as actuais (lamentar a desaparición de Hai Tomate)? Convalidan os costumes autonómicos (usar expresións como “póñame dúas patacas” para pedir que che enchan o plato) ou hai que ser estrito na observación da idiosincrasia celtibérica?
Outra das normas dos contratos é a libre vontade dos asinantes. Dáme a impresión de que moitos inmigrantes estarán dispostos a asinar calquera contrato, mesmo estas hipotecas marianas. As denuncias por incumprimento de contrato non entran no capítulo de preocupacións principais da gran maioría deles. E a esa ínfima minoría que practica actividades como abrir caixas fortes alleas usando un machado, tampouco lle quita o sono as posibles consecuencias de romper acordos contractuais. Eu, facendo caso desa mensaxe ó móbil na que Rajoy asegura que estiveron esperando por min, pero que se non podo ir mande igual as miñas ideas, suxeriríalle que propuxera outro tipo de contratos: contratos para que os alcaldes se comprometan a non facer recalificacións para os amigos ou a non facer amigos facendo recalificacións, contratos para asegurar o cumprimento das promesas electorais,…
Con todo, e non tanto por Rajoy senón pola compaña, moito me temo que empecen por esixir fidelidade ós que veñen de fóra e xa postos acaben por esixila ós que xa estabamos dentro. E a min que convoquen a Raúl ou o teñan castigado sen postre tanto me ten. Que se me da una higa, vamos, dito sexa en sinal de que por hispanidade tradicional non vai ser.
(FARO DE VIGO/LA OPINIÓN, sábado 9 de febreiro de 08 )
Ó fío desto, esta fin de semana frecuentei en Monforte unha das cafeterías de toda a vida, da que o plantel de camareiros (catro ou cinco) son todos sudamericanos, ou máis ben caribeños. Quentar papilla dun bebé é un incordio, pero a camareiro que nos tocou primeiro meteu o potito en auga quente, logo foise co termo-recipiente enteiro, quentou o contido, puxoo nun prato, lavou o termo, e a maiores deulle ó pequeno a codela de pan que teimaba en pedir para roer co dente que lle está a sair. Todo rápido, sen unha mala cara e sen deixar de atender ó resto das mesas.
Quizais a Arias Cañete non o atenden ben porque se lle ve de lonxe que é un repunante.
Figúrese vostede se Arias Cañete é repunante que só utiliza servilletas de LIÑO.
(Este contiño é para os que teñen memoria histórica a curto prazo).
Nos primeiros tempos da presidencia Aznar, no guiñol de Canal Plus satirizaban coa falta de carisma odo homiño en cuestión. Non mellorou moito esa faceta con Mariano Rajoi, que se lle nota (ou igual é impresión miña) que está… resumamos coa expresión “baixando os pantalóns” para que non o devoren os tiburóns do seu propio partido.
Vou pedir a súa canonización xa. Ten vostede maius razón ca un santo.
Amén
http://www.elpais.com/vineta/?autor=Forges&d_date=20080209&anchor=elpporopivin&k=Forges
http://www.elpais.com/vineta/?d_date=20080213&autor=El%20Roto&anchor=elpporopivin&xref=20080213elpepivin_4&type=Tes&k=Roto
Eu ando a voltas(nuncea mellor dito) co chotis logo de perfeccionar o pasodoble. Supoño que os galegos teremos un puntiño de inmigrantes, e por se acaso…
Ben, ter que acreditar a limpeza de sangue é unha vella tradición no católico reino de España