Un amigo que veu de Madrid contábame que a xente nos bares miraba para as teles e comentaban que a onde vamos a parar “si hasta los gallegos se ponen así”. E sen necesidade de ter amigos viaxados, as cartas ó director están cheas de sintaxe alarmada. Unha, dunha señora desas que reforza o nome cos títulos académicos, escribía horrorizada desde fóra preguntándose que pasaba coa xuventude da súa querida Galicia. Polo de María San Gil. Ese cuarto de hora de tensión e berros que están a conmover ó mundo.
Desde logo, non nos podemos queixar. Non hai demasiado, de cousas como aquelas tractoradas que paralizaron Galicia enteira durante dous días, nos medios que irradian (o verbo está escollido adrede) desde Madrid daban apenas dez liñas escondidas entre as folgas en Corea ou unhas imaxes mesturadas coas dunha cadela que criaba uns gatiños. Agora, nin gatos en folga dándolle de mamar a coreanos nos apean das portadas irradiadas. E non é porque aquí sexamos especialmente remisos á hora de berrarlle á xente ou mirados para abanear personalidades.
Así, de memoria, teño presenciado agresións verbais a Beiras en Malpica, a Zapatero en Santiago e a Fraga nun par de visitas a facultades. E pola tele, vin abroncado a Felipe González e a Jordi Pujol (ben veces). Pasando das palabras ós feitos, eu vinme entre gardas civís e manifestantes, esmagado contra o coche de Alfonso Guerra cando os traballadores de Sidegasa o sorprenderan no aeroporto de Alvedro. Tamén recordo o empuxón ó alcalde de Ribeira, Torres Colomer en Aguiño, no tempo do Prestige, e cando efectivamente lle zoscaron a Santiago Carrillo nunha librería ou a José Bono nunha manifestación, ós dous en Madrid. As únicas sancións que lembro deses casos foron uns expedientes disciplinarios a mandos policiais por non andar máis espelidos no do zarandeo ó daquela vicepresidente de Felipe, e os dez anos de prisión que lle pedían os avogados do PP ós axentes que detiveron con pouco criterio a quen lles pareceu que sacudiran ó ministro socio-manchego.
Por si se perderon entre tanta batalla, aclaro que considero que protestar pola presenza de alguén é un dereito democrático, que non deixar falar está mal e é de pouca educación, e que andar a golpes é unha actividade que debe ser sancionada xudicialmente, pouco ou moito dependendo. Polo que sei do atestado policial (e había case a metade de policías que de manifestantes, ou sexa que atestado debe haber abondo), independentemente das intencións que trouxeran da casa os protestantes, María San Gil non sufriu máis agresións que as verbais. Ou sexa que a materia xudicial será cualificar e cuantificar a controversia física entre os manifestantes e os de seguridade.
Desculpo á señora da carta horrorizada, por moito que non teña presente que nos seus tempos aquí a xuventude divertíase batallando a pedradas, e onde ela vive agora, hai mozos que aterrorizan inmigrantes, e non precisamente con pancartas. E sei que os medios de por aí nin entenden o que aquí pasa, nin lles preocupa entendelo, e limítanse a aplicar clichés de eficacia probada noutros sitios. Incluso vexo lóxico, aínda que non ético, que partidos políticos que si saben como son as cousas aquí aproveiten e se apunten a calquera bombardeo de demagoxia. Pero entendendo todo e a todos, do sentido común deberíase ocupar alguén.
(FARO DE VIGO, 17 de febreiro de 08)
Pingback: Apocalipse do porco » Recomendación
É vostede unha das escasisimas persoas nos medios (e no mundo en xeral)capaces de facer mudar a miña opinión sobre un feito despois de ler unha das súas. Parabéns, non pola capacidade de convencemento, senón polo escrito.
E cal era antes e cal agora, se non é indiscreción?
Por certo, si recordo máis sancións, e a manifestantes
Vaia párroco máis milaghreiro que temos.Agora a milaghrosa conversión do xentil eSedidió que abandona a herexía do centrismo liberal.Yes,we can.
Asómome ó balcón cada media hora, a ver se o diviso en lontananza, vestido de saco e cuberto de cinsa, penitenciándose cun retrato de Manuel Pizarro. Teño xa o año preparado para matalo na súa honra (ben, un año non, pero heille de picar un dos chourizos que me mandan da casa)
Non lle dan a ún acougo, vállamedios…. En fin, vaiamos por partes:
1.- A de antes: a pesares do ghorda que me cai a Sra de Donosti, tiña a)algo de repelús de compartir independentismo con ese fato de descerebrados (ben que eles republicáns e eu monárquico, como non podía ser doutra maneira) e b)Unha ganas tolas de que rematasen os seus estudos na autónoma de ulan bator, pagándose os mesmos a base de limpar merda de yak.
2.- A de agora: cuspidiña á súa, non é cousa de repetila.
3.- O dos chourizos, a pesares de que sei de sobra que non é máis ca un recurso retórico (seica tenos contados e non os comparte nin coa santa) non vai poder ser, que estou a plan: acabo de descubrir que se estiro o pescozo pódome ver a punta dos pés; en canto me divise a bragueta darei por terminado o suplicio….
Imaxino que o intento de agresión a Carrillo provocaría en vostede a mesma opinión desapegada que á de María San Gil, independentemente das simpatías que lle provoquen os dous. O certo é que a política vasca está efectivamente ameazada de morte (non é o caso dos demais), e por alguén que é ben capaz de cumprir as súas ameazas. Tal vez sexa o que o fai diferente dos outros casos que menciona vostede. Tamén penso, un supoñer, que o día que en Madrid, despois de unha chea de asasinados por parte dun grupo terrorista de extrema dereita, un supoñer, a Quintana ou Beiras, mesmamente, lles recibiran os ultras do mesmo xeito que a María San Gil aquí, vostede seguiría relativizando o asunto e dicindo que son cousas que está mal, que hai falla de educación, que os golpes hai que sancionalos pouco o moito dependendo. E as ameazas de morte (como as que sufriu San Gil) xa nin se comentan.
1.-Eu non relativizo amenaza de morte ningunha. O feito de que María San Gil estea amenazada de morte é unha situación lamentable, sempre e en todo momento, pero non sei que relación ten esa dura circunstancia cotiá coa experiencia do outro día en Santiago, na que o nivel de ameaza concreta de morte era máis ou menos cero. A cara que ela propia tiña en toda canta foto hai non demostra precisamente o contrario.
2.-Eu vivin en Madrid na época en que efectivamente bandas de extrema dereita mataban xente, e sen matar, podianche dar uns paos por non levar a pinta que consideraban axeitada, sen que fixese falta que foses Beiras ou Quintana.
3.- Unha víctima, así en xeral, merece toda a consideración humana que se queira. Consideración política, nin máis nin menos que a que mereza calquera persoa polas súas opinións.
As críticas son sempre boas,Pedro,máis coido que eiquí a condena foi total e non admite relativización ningunha.Outra cousa é que non se poidan relativizar as conclusións políticas que escriben algúns.
A min dame moito noxo ver como o PP dase de conta de certos fenómenos como:
1.O difícil que é levar unha vidiña tranquila se che presta levar bandeiras españolas en moitas comarcas do País Vasco
2.O moi extendido que está o uso do catalán en Cataluña
3.O doado que é para 20(ou mesmo 15) rapaciños amargarlle a vida ós protagonistas dun acto universitario.
E non entro nos xuízos de fondo que estas 3, xa tradicionais, realidades hispanas poidan suxerirlle á ideoloxía de cadaquén.O raro é que nos 8 anos de mandato de Aznar estas realidades estaban aí, máis non entraban nas portadas dos xornais.Estamos diante de novas estratexias de información de carácter populista-fascista?
PD.A Deus grazas hai un código penal e os golpes sanciónanse polo tempo que lle deixan a un mancado.As ameazas de morte tamén están no código penal.
PD.Para o dos chourizos preséntome eu como voluntario.Todo sexa polo colesterol do ex-fillo pródigo,felizmente recuperado para a ortodoxia de sHs,o benaventurado eSedidió.
Non está de máis lembrar o comprensivos que estaban no PP cando medio centenar de estudantes lle berraran a Felipe González na Autónoma de Madrid hai 14 anos.
Máis ben, xa case hai 15 anos.
Parece que últimamente temos un pouco descoidados os clichés de zona catastrófica (dende o último afundimento dun pesqueiro) e de “qué riquiños, los muy paletos”, deixando ó xornalismo nacional un pouco á mercede do que se lles ocurra… Porque habería que ser moi mal pensados para crer que se trata de desgastar ó PSOE queimándolle os apoios nacionalistas perante o lector/ouvinte/espectador da sección tibia-centro-dereita ¿non si?
A vergoña da Decana de Económicas da USC
Quero comentar o bochorno que produciu en min a intervención da Decana de Económicas na Radio Galega na mañá de hoxe, día 13 de febreiro.
1º. É impresentable que en declaracións para a Radio Galega, (practicamente a única emisora galegofalante), e pese ao idioma empregado pola entrevistadora, se empeñara en falar español de xeito que amosaba o seu desprezo polo galego, idioma que ten obriga de dominar pola súa condición de funcionaria, (lembro os esforzos que facía e fai por exemplo o ex-rector Carlos Pajares, que non é galego, para expresarse en público nesta lingua). A actitude lingüística dista muller pareceume un insulto directo a maioría de oíntes dista emisora e en xeral a Galiza, e dende o meu punto de vista a inhabilita moralmente para ocupar un cargo académico na primeira universidade do país.
2º. Ademais, coido que a súa exixencia de expulsar da universidade aos participantes no incidente, e de ilegalizar unha asociación estudantil, previamente a resolución de calquera expediente e a realización de calquera investigación oficial, posiblemente supoñan unha clara infracción administrativa ou penal pola súa parte, (coido que é unha prevaricación), inhabilitándoa como cargo académico e funcionarial para intervir no expediente, no caso de que proceda o mesmo, por terse pronunciado xa e “condenado” sen xuízo.
3º. Como conclusión do anterior, fago un chamamento público a que en defensa da dignidade da Universidade de Santiago de Compostela, da Facultade de Económicas a que están vinculadas personalidades como Emilio Pérez Touriño, Xosé Manuel Beiras, Suso Veiga, Ceferino Díaz, Chuspe Barreiro, no seu momento o expresidente González Laxe, etc…, e, sobre todo, da dignidade de Galiza e da legalidade, que se promova o cese de esta señora do Decanato, mediante unha moción de censura ou calquera outra fórmula válida en dereito, así como se estude si as súas declaracións e actitudes poden corresponder a algunha infracción administrativa ou penal, ao efecto de iniciar un expediente para depurar as responsabilidades nas que puidera incorrer.
Esta muller non pode seguir representando a unha facultade de tan relevante traxectoria na historia recente de Galiza, e si pode ser moi libre de actuar de xeito individual como propagandista dos sectores mais involucionistas do Estado Español como os que representa a actual dirección do Partido Popular e outros grupúsculos e asociacións vinculadas a extrema dereita españolista.
Todo o anterior o digo sen excluír que proceda realizar unha investigación imparcial e non sectaria do acontecido no acceso da Sra. San Gil a pronunciar a súa conferencia, investigación da que se poderán deducir no seu caso responsabilidades individualizadas que poidan ter algunha consecuencia administrativa ou penal.
A Sr. Decana de Económicas, como funcionaria da Xunta de Galiza ten obriga de coñecer o galego.
Independentemente de que no exercicio da súa liberdade poida falar a título individual no idioma que lle pete, e mais aínda, en exercicio da liberdade de cátedra, como profesora, tamén, coido que tal dereito deixa de existir de un modo absoluto no intre que exerce un cargo institucional.
A persoa Maite Cancelo pode falar no idioma que lle pete…, por liberdade persoal.
A profesora Maite Cancelo pode dar clase no idioma oficial ou non que queira ou que considere academicamente mais conveniente en exercicio da liberdade de cátedra.
A Decana Maite Cancelo non está tan claro que poida falar como queira no exercicio diste posto institucional, se non que terá que adaptarse ao que mais conveña según as circunstancias do auditorio e o contexto, en funcións dos intereses e dignidade da Facultade de Económicas, e está claro que no contexto dunha declaracións como decana a Radio Galega, con, loxicamente, unha audiencia unanimemente galegofalante, coido que ten a obriga de falar en galego, pois para iso cobra o seu soldo da Xunta de Galiza e supoño que algún plus polo feito de cargo que ostenta.
Chego vía Apocalipse do porco, e eu tamén concordo plenamente con vostede. Parabéns.
Mutuos, supoño, se a concordancia é plena
A Costadamorte: Estando dacordo contigo, so puntualizarte que,imaxínome que o seu cargo chégase por elección democrática con voto en urna. E polo tanto conseguiría unha maioría.
Asi é como estamos nesta nación: a sua clase funcionarial, ben pagada e asegurado o seu emprego ante calqueira adversidade (incluso dunha invasión extraterrestre), que vive na sua inmensa maioria da autonomía galega, despreza e repugnalle no seu íntimo o idioma do goberno que lle paga regular e abundantemente. E non move nin moverá un dedo, nin o meñique, porque para eles que a sua representate electa declare na capital da nación, cunha entrevistadora que fálalle en vernáculo, na emisora oficial do goberno que lle paga o seu abundante pecunio, desprezanos os iñorante coma nos que falamos en dialecto gallego.
Saudos e moita paciencia meu.
Pois eu estou indignado. Indignado sobre todo por todos eses “gallegos de bien” que viven fóra de Galiza e que atribúen ás Galescolas todo o mal que fixeron eses rapaces.
Vese que a educación das Galescolas ten caracter retroactivo: os dzaseis anos de educación fraguista non teñen nada que facer contra o maleficio das galescolas, que fan que rapaces de vinte anos torzan o seu normal desenvolvemento educativo.
¡Graziñas, galegos de Madrid, por facernos descubrir o obvio!
POr certo… ¿que facía a San Gil na USC? ¿Viña falar de “muller e economia”? ¿E falou algo diso? Porque, se non falou diso… ¿non sería cousa de que a decana de económicas presentase a demisión, por facernos pasar por “educactivo” un vulgar mitin da dereita?
Digo, xa que falamos de ilegalidades…
Por certo: no video da saída vese claramente unha agresión dun escolta a unha rapaza… ¿tamén vai ser chamado o escolta para ser procesado?
Estou en contra destes rapaces estupidos, pero tamén dos xornalistas estúpidos e dos comentarios estúpidos que abrollaron arredor de todo este suceso.
Creo que é lexítimo protestarlle -verbalmente- a calquera a súa actuación política. E tal como están as cousas, en que as protestas, son convertidas polos protestados e polos medios de comunicación en “agresións”, convén moi moito ver o tipo de protesta.
Na páxina da CIG de Administración, os compañeiros de Compostela afirman que varios dos que estaban na comitiva do PP non eran gardaespaldas, senón policías nacionais de Compostela, encubertos de paisano. E outro compañeiro do Sindicato -eu estou afiliado á CIG- estudou a fondo o vídeo de “Libertad Digital” no cal “pódese ver aos 25 segundos, no lateral esquerdo inferior un puño cunha porra. É dun tipo que entra inmediatamente en plano, con cazadora negra en actitude moi agresiva. Aos 46 segundos un tipo con chaqueta aparece gardando algo que parece un tipo de arma. Observando o vídeo segundo a segundo non se ve nengunha agresión ou intento de tal por parte dos manifestantes, e sí varias por parte dos gardaespaldas (¿policías?). Así no segundo 5 vese no lateral esquerdo a un individuo de chaqueta negra que empurra violentamente a algún manifestante; no segundo 6 un individuo de pelo blanco lanza unha patada a un manifestante que non se ve. No segundo 8, vése no lateral dereito a un individuo que está forcexeando cun manifestante ao que desequilibra. No segundo 39 un manifestante é atacado por tres gardaespaldas e no segundo 42 un individuo con cazadora negra e xersei granate parece portar algo no seu puño”.
Se a pesar destas imaxes que as mostra a mesma tele fascista, o PP e os medios de comunicación son capaces de inventar unha “agresión”, podemos ver en que situación lamentabel estamos. Situación a que contribuiron o PSOE e o Bloque, que non investigaron nada e que se someteron absolutamente ao que dixeron os medios.