Ánimo!

Desde o meu punto de vista, persoal e profesional, había tempo que a campaña de imaxe do PSOE non era tan boa. Habería que remontarse a aqueles debuxos dunha sociedade amable e idílica, presididos polo retrato ídem de Felipe González, que axudaron ós socialistas a obter a maioría absoluta en 1982, para poder comparala. Tanto daquela como agora, a campaña irradia optimismo. Desde os lemas -“Motivos para crer”, “Vota con todas as túas forzas”- ata a imaxe de Zapatero como non-candidato, con fotos máis de reportaxe que de estudio, o que se vende é ilusión. O que non se menciona é a prosaica realidade de que agora, en 2008, esa opción política é a que está no goberno. Incluso, polo menos no comezo, as referencias á xestión política son ó que fixeron mal os anteriores.

“Con cabeza e corazón”, o lema do PP, é realmente bo. Para calquera. De feito, o asesor ó que se lle atribúe xa o usou na campaña do agora presidente mexicano Felipe Calderón e na do Partido Patriótico (de Guatemala), e importouno quitándolle o retrouso “con mano dura” que alí tiña. Sería especialmente atinado para unha forza nacionalista, con esa chamada ó sentimento. Pero todo un rexistrador da propiedade como Rajoy invocando o corazón queda ata frívolo, e máis sabendo do seu sentido do humor. A mesma incompatibilidade entre as excelencias da propaganda e as características do propagado tiña aquilo de “Con Rajoy é posible”, (por ambiguo e por deixar a porta aberta ás dobres interpretacións: “Con Rajoy pode pasar de todo”) e o de “As ideas claras” (as ideas claras son parentes próximas das fixas). O que lle pegaba á personalidade do candidato conservador era algo máis directo ó sentido común: “Fíese, hombre”. Ou incluso, asumindo o argumento de partida de que as cousas están moi mal: “Esto tiene arreglo”. Pero curiosamente, aquí ninguén invoca a confianza. Todo o máis, hai alusións a esgalla a que os outros son pouco de fiar ou nada.

A campaña do BNG –“Contigo, Galiza decide”- é unha nova versión do de sempre. Un argumento de teoría política, un tanto alleo ó feito de que parece que Galicia leva anos decidindo que deixa que xa. Postos a teimar na importancia estratéxica do voto, quizais fose máis sincero algo tipo: “A ver, aclárense dunha vez”, e se o consideran agresivo de máis: “Conviría que nos foramos aclarando se queremos pintar algo ou mellor non destacar e seguir tendo un pase”. Ou máis breve: “E logo, que?”.

Pero de verdade que as campañas todas son boas. E soamente quedan dúas semanas.

(LA OPINIÓN, sábado 23 de febreiro de 08)

Advertisements