Eu teño unha amiga con grande sona de excelente cociñeira. Non o facía mal, pero o seu secreto era a lentitude: nunca daba de xantar ata ben pasadas as catro da tarde, e con fame non hai pan duro. Cos debates electorais pasa un pouco o mesmo. Había tanta ansia que xuntaron montes e moreas de xente. O de Zapatero e Rajoy devolveulle a TVE, sen ser a única cadea que o retransmitía, audiencias de cando non había outra. O de Touriño, Quintana e Feijoo na TVG tivo máis espectadores ca o fútbol. Para que logo digan que a política non interesa. Claro que os resultados foron outra cousa.

          A ver como é o deste luns, pero tanto o encontro Zapatero-Rajoy como o de Touriño-Quintana-Feijoo puidéronse ter feito na súa meirande parte gravando a cada participante polo seu lado, e logo ir montando os fragmentos de  cada un por temas. E cando se quentaron e comezaron a facer iso que agora se chama “interactuar” e que de sempre se chamou discutir, quedou patente que a nosa clase política non está afeita a argumentar. Do xeito de organizalos, tamén se desprende que os aparatos dos partidos nin confían demasiado na capacidade dos seus xefes, e xa postos a desconfiar, ninguén se fía da ecuanimidade dos periodistas, por non falar da dos medios. Os que se atreven a actuar moderadores están máis presionados que un adestrador que non alinee a Raúl, e para o que fan  e lles deixan facer, poderían ser perfectamente substituídos por un reloxo dos que se usan nas partidas de xadrez. E iso que os compañeiros encargados das previas quentan como poden o ambiente teimando ata a sobredose que estamos asistindo ou asistiremos a un feito histórico, e facendo crónicas de urxencias sobre as camisas e as garabatas dos protagonistas. Non digo eu darlle a contrata deste tipo de eventos a aqueles do Tomate, especialistas en erguer todo un mundo a base de parvadas e en construír personaxes duns infelices que arrastran maletas polos aeroportos ou se retratan ó entrar nunha festa, pero formatos do tipo Tengo una pregunta para usted ou mesmo 59 segundos (con periodistas menos frikis) funcionan mellor porque hai máis intención nas preguntas, e os políticos están máis estimulados.

          De todas formas, aínda que non atopei a ninguén que me dixera que viu os debates  amenos ou apaixonantes, o certo é que todo o mundo está encantado. Os políticos, obviamente, por ser o centro dun espectáculo mediático. A xente supoño que pola relativa vinganza de facelos pasar polo trago de loitar á vez contra o cronómetro, a garabata do rival e conter as ganas de tronzar o bolígrafo ou rascar o nariz. Como xa observou hai anos Frank Zappa, a política é departamento de espectáculos da industria.

 LA OPINIÓN, 1 de marzo de 2008

Advertisements