Non hai moito tempo un suceso de certa entidade duraba como referencia ben anos. E no tempo dos nosos avós un acontecemento entraba nas conversas dunha xeración enteira. Agora, en apenas nunha semana (esta), tivemos unhas eleccións disque decisivas, ou máis ben dúas se contamos as de Eurovisión, e sufrimos outro deses temporais do século. Un abarrote de decisións, sensacións e informacións que colapsarían o sistema nervioso dun ser humano de antes.
Desde que deixou de ser a reserva conservadora no occidente o centralismo mediático especializou a Galicia como reserva natural das catástrofes. A falta de Fraga, os telediarios enchéronse de macroondas, de ditirambos á forza cega do mar e de nativos forzados a dicir que nunca tal viron, o que redundará na afluencia de mesetarios varios que por un módico prezo se animarán a coller un pisito preto de natureza tan salvaxe e de indíxenas tan mandados. E a Eurovisión deulle por coincidir coa política no tempo e no método, o de votar, non se sabe se por casualidade ou con intención, pero penso que co mesmo obxectivo: o de estimular a participación e implicar ó televidente desganado. Tanta coincidencia democrática foi que ata no concurso argallado por TVE ganou unha proposta da competencia nun alarde de talante inaudito.
Ata agora zafei de escoitar ó tal Chikilicuatre, como procuro facer con todas as composicións máis ou menos melódicas supostas susceptibles de converterse en politonos, para non ganarme inimigos cando soan teléfonos preto. Pero desde logo non comparto as críticas á excentricidade ou artificiosidade do noso representante musical. Coa autoridade que me dá ter sido vagamente candidato ó asunto nunha vida anterior aseguro que non vexo excesivas diferencias de artificialidade e marketing entre poñamos aquela coitada que se deixou chamar Rosa de España e o personaxe Chikilicuatre. Se mesmo Irlanda, na que como mínimo hai un músico/a por familia (cando non a familia enteira) mandan a un pavo. A un pavo-pavo, de verdade. Ben, de verdade non, un pavo televisivo. Non sei como TVE non mandou a Espinete no seu tempo, ou agora ós Lunnis.
Quizais por ese abarrote de fenómenos informables determinou que boa parte dos medios tradicionais aplicaron idéntica vara de medir para analizalos. Que houbo unha competencia feroz en facer con eles o número da cabra, vaia. Como editoriais nos que poñen pingando a líderes políticos por ter feito o que eles lles encirraron a facer en editoriais anteriores. Ou análises de patacón que nin miran os números ou sobre o inxusto do reparto de escanos polo número de votos, algo inherente a calquera sistema que non sexa proporcional puro, que xa pasaba antes de que lles afectara a IU e a Rosa Díez, e que non ten moito remedio, quitado que se proclame que o dereito a ter representación é dos partidos e non dos cidadáns de territorios concretos (as provincias, nas xerais e autonómicas). Non é nada grave, quitado que eses mesmos hai xusto unha semana recollían advertencias de que había que escoller entre o Ben e o Mal, a felicidade ou a catástrofe. E ganaron uns, non perderon os outros, quedaron aqueles como estaban, os que se esnafraron non son de aquí, e non pasa nada. Nin tampouco pasaría nada por explicalo, pero como os periodistas profesionais debemos estar moi ocupados tocando a trompeta e afalando a cabra as análises máis serias que vin eran en internet, e a cargo de xente que as fai de balde.
En fin, a ver canto saca Chikilicuatre.
(Faro de Vigo/La Opinión de A Coruña, 15 de marzo de 2008)
Corríxame si me engano, pero parece que os medios crearon algo equivalente ó estandar industrial, con catro ou cinco categorías (desastres, violencia de xénero, cambio climático, confrontación política e a especialidade ou competición deportiva da que a respectiva canle teña os dereitos) e a cuestión é adaptar o que hai a eses moldes.
Un pouco máis en serio, a sensación é de que os medios de comunicación se están a infantilizar (igual que o resto da sociedade) e cada vez hai menos profesionalidade. Hai unha presa excesiva por renovar os contidos para vendelos antes que os demáis, e existe un público que desexa (desexamos) ter tempo para analizar as cousas. Desafortunadamente, as dúas opcións que se ofrecen son a novas de usar e tirar ou afondar hasta a saturación en cousas que non son as máis axeitadas, e poño como exemplo o seguimento que se fixo da morte súbita daquel xogador do Sevilla, que se converteu en drama nacional durante unha semana enteira.
Máis que diversas categorías estándar, hai un método estándar de tratar os temas, que se vai estendendo a asuntos que antes parecían zafar desa xeneralización. Sobre quen ten a culpa, Ana G. Siñériz (este referencia seguro que non a esperaba, va que non?) dicía o outro día nunha portada dun suplemento-guía de TV que a culpa era da galiña, que a sociedade agora era así. Eu penso que para tentar contentar á maioría é máis seguro atender a demanda que incrementar a oferta. E o mesmo vale para a información.
Pois non, non lle agardaba esa referencia 🙂
O que está a facer así o gremio (o seu), indo por detrás da sociedade do “todo a 100” é tirar pedras contra o seu propio tellado, nada é irreversible ó 100%, pero esa demanda de calidade estase tornando en máis receptores apagados, e menos xornais mercados, por personas que buscan en internet ou en medios máis “elitistas” o que os medios convencionais están despreciando.
Terá razón A. G. Siñeriz, en que a sociedade está en mínimos intelectuais (ainda que dubido que nos XVIII e XIX fosen todos Goethes e Beethovens, ou nos 60 todos Sartres e McCartneys), mais a min non me queda dúbida que para o profesional da comunicación está a resultar infinitamente confortable tirar de “hay que ver el peinado de la Belén Esteban” ou de cliché, tipo “la tragedia tiene conmocionado a este pequeño y tranquilo pueblo…”. E malia que non creo que o español medio de 1970 fose máis culto que o de agora, podería ser que o xornalista medio non resistise esa mesma comparación… a non ser que TVE escolla para os documentais aqueles cortes en que os seus locutores tiveron grandes momentos de gloria.
E a propósito de xornalistas de categoría, parabéns pola súa “nominación”. Dígame a que número teño que mandar o SMS co texto “AELG”, seguido da palabra “PEREIRO” e o meu voto irá para vostede.
Supoño que hai que ser socio, pero moi recoñecido pola súa disposición a gastar os cartos en SMS. Afórreos para Chikilicuatre, ou para o pavo irlandés.