Soubeno o venres pola noite por un sms que deu chegado aproveitando unha fenda na nula cobertura que eu tiña. Ó chegar a casa o sábado pola noite, tiña un email dos seus fillos contando que Tincho (Tintxu nos emails), Agustín Díaz, morrera o venres de mañá.

Eu coñecino nun comedor universitario de Madrid, un día que estaba xantando con Manuel Rivas, que quedara con el alí. Rivas e Agustín coincidiran naquela redacción de El Ideal Gallego na que estaban tamén Luis Pita e Xosé Antonio Gaciño. Despois souben que fora concelleiro de Unidade Galega en Compostela, e inspector de educación (e profesor de galego, con David de Prado, da miña mai e doutras mestras en Monforte). Máis tarde coincidín con el en TVE.

Diría que era un xornalista ilustrado, se non fose que o que parece que se quere dicir é que era un xornalista máis lido ca media. Era as dúas cousas. Era un xornalista, un profesional rigoroso. Tan rigoroso que, antes de Google, xa tiña os backgrounds que precisaba. Por esa razón non era ben visto nas roldas de prensa políticas, porque a el non lle podían vender mercancías avariadas ou novidades de segunda mao. E era un home ilustrado, políglota e coñecedor de máis mundos que os que ves. E sabía combinar o escepticismo irónico e a mala uva co compromiso coas ideas. Non era un santo, se alguén pensa que vou por aí, pero era mellor ca maioría, se se me permite que poña cualificacións.

Xubilouse hai uns meses acolléndose a ese ERE co que TVE regala ó mundo parte dos seus profesionais. Pero seguía sendo o meirande fornecedor coñecido de curiosidades vía internet. Catro dos emails anteriores ó dos seus fillos eran del. Tiven esa sensación estraña de recibir unha mensaxe de alguén que non está vivo, da que tanto partido sacan os columnistas sociolóxicos para exaltar as innovadoras características da sociedade actual, como se non pasara o mesmo unha chea de veces coas cartas nos tempos da emigración ultramariña. Os catro mandáraos a véspera de morrer pola tarde, o último ás 20,12. Este: unviajeaningunaparte.pps

Advertisements