Hai problemas que se sabe como naceron, por culpa de quen, que os alimentou e os fixo medrar de pequenos a enormes. Tamén a quen lle corresponde afrontalos, e mesmo en que acabarán. Incluso os problemas novos que producirán. Todo, menos como resolvelos. Un deses problemas é o realoxo de chabolistas. Os do Vao en Pontevedra e os de Penamoa na Coruña, de momento. E digo de momento porque xa está establecido o modelo a seguir (nunca peor dito o de modelo) e é ben fácil armar calquera cousa seguindo o modelo (de aí o triunfo de Ikea, se me permiten o chiste nun tema serio).
O que sei do Vao seino polos medios de comunicación, e non é que teña inconveniente en escribir de oídas, nin sería a primeira vez, pero co de Penamoa saquei eu os dentes nesta profesión. Penamoa (o poboado) naceu para facerlle sitio ó progreso. Uns xitanos que vivían nun lugar medio afastado coñecido polo pouco glamuroso topónimo d’A Cubela, pero que foi elixido para ser o novo centro comercial da Coruña. Aproveitando o primeiro temporal que tivo aviso previo e nome –“Hortensia”-, e que os cubelenses non tiñan título de propiedade ningún, foron aloxados para a súa seguridade nuns polideportivos. En canto parou o aire, ó tempo que as paleadoras facían sitio na Cubela para os centros comerciais, depositaron ós antigos residentes nuns pendellos precarios e sen servizo ningún nun monte completamente afastado. A única vantaxe do sitio era que, tan apartado como estaba, servía para desenvolver actividades como vender droga e receptar obxectos roubados, ilícitas e tan produtivas como difíciles de erradicar. Así que a cousa medrou sen producir grandes alarmas. Como o vertedeiro de Bens, non sei se lembran.
O malo é que o progreso non para quieto, e polo monte do cu do mundo ten que pasar unha desas infraestruturas públicas absolutamente vitais para solucionar problemas creados pola iniciativa privada como amorear casas onde non hai carreteras. Que facer cos asentados en Penamoa, teñan actividades lícitas ou ilícitas, todos ou a metade, vai ser un conflito. O de Novo Mesoiro xa está sendo outro. Distinto. Se lle facemos caso ás autoridades municipais (aínda que os residentes de Novo Mesoiro non teñen moita experiencia en que autoridades municipais lles fagan caso a eles), os novos veciños van ser os solicitantes de vivendas protexidas que resultaron agraciados nun sorteo. Payos, xitanos, coruñeses de toda la vida e emigrantes retornados, todos aqueles que presentaran a documentación pertinente. De ser así, os novos adxudicatarios teñen todo o dereito a aproveitar unha axuda oficial de vivenda, igual ou similar que a que tiveron algúns dos xa residentes. Calquera impedimento que se lles poña para acceder a ese piso é un delito. E cualificalos de delincuentes porque os apelidos revelan que pertencen a unha etnia determinada, sexa racismo ou non, aínda que o parece, é a mellor maneira de asegurar un ambiente pouco respirable. En Novo Mesoiro e en calquera sitio onde os xa asentados pretendan reservarse o dereito de admisión.
Se é así ou non, saberase en pouco tempo. O problema de verdade está e estará en Penamoa.
(La Opinión de A Coruña, 21/22 de marzo de 08)
Eu teño a dúbida (penso que razoable) sobre se certos ‘cruzados de la causa’ do dereito de admisión en Novo Mesoiro non atoparían sustento en certos tratamentos informativos do realoxamento dos chabolistas de Penamoa.
Por exemplo:
Chabolistas de Penamoa figuran ya como adjudicatarios de pisos sociales
El Ayuntamiento dará 12.000 euros a cada familia para comprar un piso
A orixe do problema está en pensar que isto é o Oeste Americano (longa memoria a John Balan), e que o progreso sigue consistindo en asentar colonos en poboados ós que desopis chegaría a Union Pacific (agora chámanlle viais de alta capacidade).
Erra o concepto en que aquel progreso decimonónico estaba sustentado en algún recurso económico como o ouro ou a agricultura extensiva, fonte de ingresos para os novos asentamentos. Cando o único recurso natural é a especulación co suelo, a cousa non vai ser progreso, sinon problemas.
E non sei por qué me puxen tan filosófico, cando o único que quería dicir e que o dos xitanos, algún dia, vai acabar nun problema de integración social (espero que capten a ironía), e como queira que xa levan uns cantos anos entre nos, non acabo de entender por qué aínda subsiste esa fronteira social (isto sin ironía).
Meu pais proceden da Terra Chá, dende onde viñeron en busca de mellor fortuna nos anos 60. Eu criéime no barrio da Cubela -con incursións máis que puntuais no da Gaiteira- nos tempos míticos, isto é, antes de era “centrocomercialoica”. Non só sobrevivín, senon que alí me fixen homiño. Agora son veciño de Novo Mesoiro, onde teño a miña vivenda para cuxa adquisición me beneficiei dun amplo e xeneroso abano de axudas públicas, como todos os que alí habitamos.
E teño que dicir algo sobre este asunto. O primeiro, que me producen vergoña allea os comportamentos de todos cantos cidadáns acodiron o domingo pasado á chamada da selva orixinada polo bulo do presunto e inminente realoxo baixo corda dos chabolistas de Penamoa. Que non foi tal, como se sabe. Pero esa noite montáronse barricadas na vía pública cos contenedores e rexistráronse veículos particulares por parte de quen carece de lexitimación para tales actuacións, agás en lugares como Kosovo, e coa pasividade da policía. Sería interesante saber quén e por qué fixo correr esa rumoroloxía precisamente nese momento. Poderíamos argallar varias teorías sobre o particular, a cada cal máis interesante.
Incomódame tamén escoitar e ler certos berros e consignas de carácter insolidario, cando non directamente racistas, aparecidos nas pancartas das movilizacións levadas a cabo ata o de agora, que presumiblemente se repetirán no sucesivo máis enfáticamente se cabe.
Pero sobre todo, sorpréndeme a actitude dos políticos locais, renegando en clara actitude hipócrita, como se tivesen mala conciencia, das propias políticas sociais en materia de vivenda. Non teño noticia de que ningún deles, parapetados da ambigüidade do políticamente correcto para non molestar máis do necesario ós exaltados, saíse á palestra a defenderen de xeito tallante e inequívoco as súas actuacións e dicir cousas como que o Decreto de convocatoria do ano 2005 é non só legal e constitucional senón mesmo necesario ata que un xuiz establezca o contrario (ninguén o recurriu ata agora, que eu saiba), e o proceso de adxudicación das vivendas limpo e trasparente (tamén ata onde se sabe). Nen a concelleira Longueira, nen o alcalde Losada, nen o tenente de alcalde Tello explicaron satisfactoriamente estas cousas elementales que, por outra parte, son públicas. Gustaríame saber o por qué desa aparente mala conciencia e desa inhibición, por non falar das súas medias verdades e mesmo nalgún caso mentiras completas.
Eu, mentres tanto, seguirei entrando e saíndo cando me pete, e procurarei seguir a pagar as miñas facturas puntualmente. Gustaríame que, como dicía Churchill, a próxima vez que alguén veña petar á miña porta a altas horas da noite, sexa o leiteiro e non algún viciño histérico en nome e representación de intereses espúreos.
Perdón polo rollazo.
Dixen.
Nada de rollazo. Ben explicativo. O paradóxico é que con toda esta mobilización “porseascaso” están devaluando a imaxe -e polo tanto o prezo dos pisos- do barrio, unha das razóns aducidas para a mobilización.
Paradoxa sobre paradoxa, amigo Pereiro: as vivendas de Novo Mesoiro, por seren de protección autonómica e prezo taxado, nos primeiros dez anos dende a compra só se poden vender baixo dúas condicións, con carácter xeral: a devolución das axudas percibidas e cun prezo máximo por m2 fixado na normativa autonómica. É dicir: ¿quén carallo ía vender o seu piso daquí en alomenos oito ou dez anos?. Que non veñan con contos sobre devaluacións pantasmas. Por non falar da recesión, que xa se está a cebar no prezo da vivenda usada.
E, por certo: ¿que dín os partidos de Carlos Negreira ou de Corcoba sobre este asunto?.
Eu vivo nun piso pertencente a un grupo de vivendas de Protección Oficial, no que aínda non transcorreu o perído legal de reclasificación, e observo que, fronte ao que di a lei: a) Máis da metade das vivendas están valeiras (só se pode optar a esas vivendas como residencia habitual), agás como piso de veraneo b) Algunhas están alugadas a estudantes (taxativamente proibido) e c) O que paguei eu estaba moi por riba do prezo máximo legal de venda. Consecuencia: como son gilipollas, paguei do meu peto a devolución das axudas pendentes e reclasifiquei o piso, que agora á libre. Non lle estrane pois a ninguén a expectativa de posible beneficio dos veciños de Novo Mesoiro. Eso sen ter en conta o compoñente sicolóxico que ten o proceso de compra de calquera vivenda: eu síntome rico porque paguei x e agora vale 3x, sen ter en conta que para optar a unha vivenda similar terei que pagar 4x.
Por outro lado, atopo unha avantaxe ao realoxo: a vindeira vez que teña que ir recomprar o radiocasete do coche ou os poucos bens que tiña na casa e que me guindaron por non ter unha alarma, vou aforrar un güevo en gasolina.
Mourollo como case sempre ten razon ainda que engadiría que ese tipo de zulus (perdon os africanos) en xeral non leen nin o As. E por certo xa era hora que alguen escribira ainda que fose mormamente do asunto que esta por riba e por baixo deste asunto: puto racismo.
Senores,por favor,que a certas edades xa non se pode ter o privilexio da inocencia escandalizada.Cando se ten uns aninos a miseria humana é algo conecido.
Cando A Coruna tina un alcalde-promotor inmobiliario,non se facía vivenda social,os paios marchaban a Culleredo e os xitanos estaban agochados máis ou menos como o lixo en Bens.A cousa non era sostible e algún derrube puntual facía víctimas colaterais,pero o blindaxe electoral era a proba de mortos:tanto paios como xitanos seguían votando ó cacique.Que non amolen os racistas,a galeguidade de ambolosdous grupos era de primeira,á xente con pouca autoestima gústalle ben os caciques ricos.
Agora a realidade xa non cabe no noso vertedeiro de miserias.Hai que abrir os ollos e ver como os xitanos existen e como a vivenda social é unha peza necesaria da economía social de mercado.Hai que reconecer que ó longo destes 25anos A Coruna non fixo máis que perder oportunidades.A realidade que nos vendían era mentira.
Curiosamente o moralizador desta inmoralidade vive agora nun pazo/palazzo do Vaticano e ven de convencer ó dono de Zara, non para que faga a vivenda social que el esqueceu,sinón para que lle pague a pintura do pazo.
O pavero é que antes non lle protestaban nin os afectados polo botellón
alvarez, parece que len. E parece tamén (pola foto que “ilustra” o primeiro link) que ata hai quen lles quere dar pistas do que teñen que facer.