No concello no que agora resido acaban de prohibir o que poderiamos chamar autovenda de coches. Eses carteis que poñen “Se vende”, ou “Me venden” na variante vehiculocéntrica (e algo cursi). Estou afeito a ser sorprendido positivamente polas iniciativas municipais, pero esta descolocoume. “É para evitar dar imaxe de que hai crise económica na túa zona”, comentoume un dos taxistas que me traen e me levan, un conveciño que traballa, xunto co taxi, unha certa liña irónica sobre as características das nosas respectivas parroquias. Piqueime, claro. A cousa non podía quedar aí.
Escoitando un deses programas de radio que van enchendo a base de debullar os aspectos marxinais da vida -como eu neste caso-, fóra de debates esenciais como se Esperanza Aguirre se anima ou desespera, souben que a decisión municipal era aplaudida polo sector do coche usado. Un representante entrevistado mostraba a súa satisfacción porque se eliminase o que el chamaba “competencia ilegal”. Pero razoei que para os partidarios do libre mercado, dous cidadáns chegando a un mutuo acordo económico fóra dos circuítos comerciais establecidos é unha conducta un tanto sospeitosa. Así que desbotei que a prohibición buscase contentar ós numerosos concesionarios automobilísticos radicados no termo municipal.
Foi fozando en internet que descubrín que, aínda sendo pioneira en Galicia, a medida está xa implantada nunha chea de cidades, de Madrid a Valencia. En xullo do ano pasado, un madrileño queixábase nunha carta ó director de ter que pagar 90 euros por infrinxir o artigo 61 da ordenanza de mobilidade do concello de Madrid: estacionar con fins de venda ou aluguer de coches. Nun foro de BMWistas, un contaba que a el, non sei onde, espetáranlle a respectable suma de 300 euros. Unha cantidade que xa é para pensar se, como nos concursos das administracións públicas, no rótulo hai que facer constar que o adxudicatario final se fará cargo do importe do anuncio. Tamén que hai individuos que aproveitan sitios para montar o negocio sen as molestias que conleva ter un local. “Hay un menda que se pilla un buen trozo de aparcamiento de un hotel y un supermercado para estos menesteres”, segundo expresión textual doutro membro do foro. Efectivamente, estaba eu nesto cando chegou a explicación oficial do Concello, a causa dunha enchente de peticións: “a pretensión do Concello é que os espazos de aparcamento teñan a rotación precisa… e evitar a proliferación de vehículos abandonados ou as prácticas de empresas-fantasma…”.
Ou sexa que estamos ante un caso parecido ó de impoñerlle un canon ós soportes dixitais, aínda que se vaian usar para actividades legais, porque hai quen os utiliza para cometidos irregulares. Como escribiu un dos primeiros pensadores cristiáns, non sei se Tertuliano ou Orígenes, non se pode condenar o viño porque haxa borrachos, ou a noite porque haxa adúlteros. Para evitar ese aproveitamento comercial non sei se ilegal, pero aproveitamento desde logo, do espazo público, convértense en infractores a aqueles particulares que non se poden permitir deixar o coche nun sitio á espera de que llo compren, ou que pretenden obter un prezo mellor nunha transacción sen intermediarios. Por non falar dos atrancos prácticos. Como nuns termos municipais sigue sendo legal, segundo se desprace duns a outros, o que pretenda anunciar o coche mentres o usa vai ten que andalo poñendo e quitando con moita máis frecuencia que o L de novato a un coche que conduce toda a familia. Ou iso, ou o recurso de poñer simplemente o teléfono e agardar que o público potencial non se confunda de oferta.
Porque se o taxista tiña razón e é pola crise, a ver que se fai cos rótulos de venda de pisos.
(Faro de Vigo, 19 de abril de 2008)
No artigo fala do “concello no que agora resido” pero a foto ilustrativa está feita na avenida de Linares Rivas do concello de anterior residencia.
E que en Oleiros parecen ser menos imaxinativos á hora de usar as carrocerías como espacio reivindicativo. Por certo, vaia ollo. Ten un deses programas informáticos tipo CSI, que por moito que amplíen unha imaxe, sempre hai unha definición estupenda?
Sempre nos queda vender en la red…o coche digo.
De momento tamén na rúa. Polo menos, onte xa vin un. En Oleiros, digo
Andolle eu metido en un proceso de reflexión sobre o fenómeno “hacking” como forma de desenrolo social e, durante a lectura do artigo, xa me fun anticipando a esa idea súa de poñer so o teléfono.
¿Será ilícito poñer en Oleiros “Buscase persona interesada en ofrecer cartos. Regalo a cambio este coche.”? ou un menos rebuscado “Se queres comprar este coche, chámame.” ¿E qué pasa si o coche ten a metade aparcada en Oleiros e a outra metade en Cambre, por exemplo? ¿ou si se pon unha dirección de internet, na que figure o anuncio? Certamente, corren tempos en que a flexibilidade do pensamento pode superar a rixidez das normas con creces.
Antes de suxerirlle que me recomende como estatega de márketing a algún coñecido seu con cartos :), deixeme engadir que a norma de Oleiros ten algo de chorrada. Os concellos poden retirar calqueira vehículo que ocupe permanente un espacio da vía pública, previo ultimátum ó propietario.
Estivo un peugeot 205 vermello estacionado na miña rúa case un ano.
Bueno, supoño que o proceso empeza porque un policía municipal se dea conta de que sempre está o mesmo coche no mesmo sitio, que teña gañas de cubrir o parte…
…Uns veciños estean dubidando se avisar ou non, non vaia ser que sexa de alguén que coñezo ou me coñece…
É unha práctica moi habitual de certos revendedores de coches usados, paréceme ben a medida, no así para un particular. Lembro que onde vivia eu, unha zoa de dificil aparcamente había un “jeta” que tiña máis de trinta coches na rúa, despois de ter moitos meses un aparcado diante do meu portal, unha madrugada voltando “das copas” coincidín con un veciño e puxémonos a dirimir que lle faríamos ó aproveitado, así que decidimos desincharlle as catro rodas. Foi mán de santo, ó día seguinte quitou o coche de alí e nunca máis nos volveu a deixar outro diante da porta.