O segundo recurso máis vello para crear tensión dramática, despois do de ela e el quérense e as familias non os deixan, é o que en inglés se chama UST (Unsolved Sexual Tension) e os guionistas de aquí TSNR (Tensión Sexual Non Resolta), ou sexa os que non se dan decidido, ou mellor, fan de todo menos decidirse. Exemplos hai a moreas, desde a parella de Experiente X á actual Bones, pero o mellor expoñente desa UST foi unha serie de mediados dos anos 80, Moonlighting, que en España se chamou Luz de Luna, porque o castelán (ese idioma perseguido e expulsado da sociedade, que só atopa refuxio na práctica totalidade dos periódicos, as cadeas de radio e as canles de televisión) non ten unha palabra como ‘luar’ (aínda que, de todas formas, ‘moonlighting’ o que significa é ter un emprego ás agachadas). Como recordarán os que tiveron a sorte/os anos de vela, estaba protagonizada por un Bruce Willis tan novo que aínda tiña pelo e por unha Cybill Shepherd aínda de moi bo ver, que non se daban tregua nin nos descansos da publicidade. Exactamente o mesmo que Mariano Rajoy e Esperanza Aguirre.

O caso do presidente do PP e da presidenta de Madrid (versión Comunidad Autónoma) é un exemplo de libro do que eu propoño que se chame UPT (Unsolved Political Tension, ou Unsolved Presidential Tension, ou máis exactamente Unsolved Popular Party Tension, UPPT). El é un home máis guiado pola responsabilidade que pola ambición, exactamente ó contrario que ela. A responsabilidade –os seus críticos din que a súa falta de ambición ou de carácter- levouno a deixarse levar, ata que viu que así non chegaba a ningures. E ela decidiu que non vai ir a ningures se agarda, porque se lle vai pasar o arroz. El sabe que non ten problema ningún para acabar ganando o pulso polo liderado do partido, pero que non pode permitir que, se o exerce, llelo cuestionen. Nin desde dentro nin desde fóra e que lle poñan a etiqueta de “brando”, nunha cultura política concreta na que se leva ser de ferro colado. Ela sabe que non ten posibilidade ningunha de ganar, pero non pode deixar de dar mostras de que ten a máis mínima fenda nin punto de ferruxe na blindaxe. Que nin a ten agora nin a vai ter dentro de catro anos.

Como ven, a polémica ten máis que ver coa resistencia de materiais e cos tratamentos anticorrosión que coa ideoloxía. Tampouco se desenvolve mediante un debate de argumentos, un sistema que non ten por que levar a lado ningún (como dixo alguén, unha discusión é a forma de reafirmar ós outros nas súas equivocacións) pero que se supón é o método normal de resolver as controversias nas sociedades consideradas evolucionadas. A UPPT dáse mediante indirectas e por terceiros, e como moito con saídas de tono dalgún secundario que quere ganar puntos ou non distingue entre política e realidade.

Os únicos beneficiados parecen ser eses medios de comunicación que enchen o seu espazo e o seu tempo resaltando cada movemento ou interpretando a razón de que non o haxa. E que arromban informativamente como de interese menor feitos como que haxa trece cidadáns e outras trece persoas que traballan para unha empresa española secuestrados no seu barco. En mans dun comando paramilitar de algo parecido a un goberno que máis ou menos está apoiado como mal menor polo comunidade internacional. Un proceso moito menos apaixonante, desde logo, que a trama de Esperanza II (A decisión final).

Pero todos atizan a caldeira da UPPT porque saben que, como pasou en Moonlighting/Luz de Luna/Luar, en canto Mariano Willis e Esperanza Shepherd chegaron a algo, a serie perdeu o interese todo.

(Sábado 26 de abril de 08)

Advertisements